DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O programa semanal realizado por alumnado da facultade inicia a súa sexta tempada

Preto de 30 estudantes manteñen vivo o ‘escaparate’ radiofónico de CCSS e da Comunicación

Buscan que sexa espazo dirixido ao alumnado universitario

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 02/03/2021

A situación xerada pola covid-19 impediu que, co inicio do curso 2020-2021 comezase tamén o traballo para pór en marcha unha nova tempada de Radio Escaparate, o programa radiofónico que desde 2015 levan a cabo estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Trala realización en decembro dun cásting que permitiu conformar un equipo integrado por 29 alumnos e alumnas, o espazo que este grupo de estudantes difunde cada semana a través de iVoox, Spotify e PontevedraViva Radio retoma a súa andaina con novas seccións e coa particularidade de que, dadas ás restricións ás que obriga a pandemia, as e os participantes realizan ás gravacións desde os seus domicilios.

“Poder arrincar foi máis difícil do que pensabamos”, recoñece a directora de Radio Escaparate, Ángela Aboy, que explica que o cásting realizado en decembro permitiulles incorporar 21 novos membros ao equipo, que se suman aos oito integrantes que permanecían de anteriores tempadas. Deste xeito, buscaban tanto “garantir a continuidade do programa” nos próximos anos, como facer fronte ás maiores dificultades técnicas que implica realizar as gravacións desde os domicilios. 

Nova etapa, novos contidos

Aínda que foi a incorporación de novos membros a que definiu finalmente os contidos do programa, Radio Escaparate iniciara a tempada co obxectivo de ser un espazo non centrado na actualidade do campus pero si “dirixido a universitarios”, que agrupe unha serie de contidos que puidesen ser de interese para un público novo. De feito, como recoñece Aboy, que é tamén unha das presentadoras deste magacine, “cambiáronse practicamente todas as seccións”, de tal xeito que só manteñen o espazo Chíos e cancelos, no que analizan os temas que foron trending topic en Twitter nos últimos días. e a realización dunha entrevista cada semana, que no primeiro programa da tempada estivo protagonizada polo youtuber e egresado da facultade Mario Brión, responsable da canle Olaxonmario.

Entre os novos contidos figuran seccións como Sofá e manta, centrada en diferentes contidos audiovisuais, Ruxe ruxe, que se fai eco “dos contidos que comparten con nós nas rede sociais”; ou o apartado musical Colleitas party. “Non se escoita tan ben como cando o facíamos no estudio da facultade, pero en xeral estamos bastante contentos con como quedou o programa”, recoñece esta alumna do arrinque desta sexta tempada, na que prevén realizar un programa cada semana ata o mes de xuño.

Por outra banda, á emisión cada mércores en PontevedraViva Radio e á súa difusión a través de diferentes plataformas, o equipo do programa, integrado por estudantes de Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual, suma unha serie de contidos en vídeo que difunden a través das redes sociais. Concretamente, difundirán tanto as entrevistas como algunhas das seccións que difunden a través de Youtube, á vez que prepararán contidos específicos para Instagram e TikTok, rede “na que iremos presentando, a través dunha serie de vídeos, aos diferentes membros do equipo”.