Semana de Cine Submarino Universidade de Vigo

A XXXIV Semana de Cine Submarino Universidade de Vigo terá lugar do 3 ao 5 de novembro no auditorio do teatro Afundación en Vigo

Cartel da XXXIV Semana de Cine Submarino

A organización e a coordinación da Semana de Cine Submarino amosa o firme compromiso da Universidade de Vigo polo estudo e pola preservación do mar, manifestado acotío a través da docencia e da investigación nas facultades de Bioloxía e de Ciencias do Mar, na Ecimat e no campus de excelencia internacional Campus do Mar.

A Semana de Cine Submarino está aliñada co obxectivo 14 da Axenda 2030, relativo á conservación dos océanos, mares e recursos mariños de xeito sostible. O evento conta coa colaboración de Afundación Obra Social Abanca.


Programa 

Dhanguethi. Recordos de Alif Daaal 

Galicia: 4 min 47 s 
Ano: 2024
Gravación, montaxe e edición: Jorge Martínez Vázquez

Sinopse

Alif Dhaal é o nome maldivano co que se coñece o sur do atol de Ari. Entre as súas moitas illas, Dhangethi –un pequeno paraíso de apenas un quilómetro de lonxitude– agocha baixo as súas augas un mundo mariño de extraordinaria riqueza. A curtametraxe somérxenos nas súas correntes cheas de vida, onde grandes bancos de peixes de cores se mesturan con impoñentes tiburóns grises e tiburóns de punta branca de arrecife. Dende a explosión de cor de Kudarah Thila ata os fondos profundos cheos de quenllas en Dhigurah, Dhangethi é unha celebración visual da diversidade e da beleza dos océanos.

Fotograma de Dangheti

 

Tesoros del Caribe

53 min 18 s. Español
Ano: 2023
Dirección, produción e guión: Ana Salceda
Montaxe: Mark Fletcher 
Locución: Ramón Langa
Produción: The WNET Group (Nature PBS), Terra Mater Studios, BelugaSmile Productions, HHMI Tangled Bank Studios e Doclights/NDR Naturfilm

Sinopse

É unha historia de esperanza en tempos difíciles. O descubrimento dun arrecife de coral en Belice e Guatemala, de maior tamaño ca Manhattan, marca un novo capítulo na comprensión dos corais e dos peixes que o habitan, e na conservación dos arrecifes de coral en todo o mundo. 

Producido, dirixido e con guión da nosa convidada Ana Salceda, a promoción e a campaña de impacto do documental logrou protexer o arrecife Corona Caimán en ambos os países (Belice e Guatemala). 

Produciuse para a televisión pública estadounidense (PBS), especificamente para o espazo/serie chamado Nature (PBS). Alén de presentado por PBS, o documental foi emitido tamén pola TV pública austríaca e alemá. Tamén foi parte da programación de Apple TV e Amazon Prime en EUA e outros países. 

Tesoros del Caribe foi galardoado en varios festivais internacionais: Impact DOCS Awards, Blue Ocean Film ou Wild Oceans FilmFest, entre outros.

Científicos/as e participantes destacados no documental (entre outros): Dra. Melany McField e Ana Giro Petersen, da Healthy Reefs Initiative; o científico mariño Will Heyman; a bióloga mariña experta en acústica submarina Michelle Schärer; o coordinador técnico Myles Phillipse; e o pescador e activista Kenworth Martin.

Vídeos e documentais premiados no CIMASUB de Donostia 20245     

Duración: 75 min

Como xa é tradición, o Ciclo Internacional de Cinema Submarino de Donostia-San Sebastián (Cimasub) desembarca na XXXIV Semana de Cine Submarino da Universidade de Vigo.

Esta nova sesión do Cimasub promete ofrecer unha experiencia inesquecible para as e os amantes do océano e do cinema documental. Leva a audiencia ás profundidades do mundo submarino cunha coidada selección de curtametraxes e documentais de cineastas de todo o mundo, que destacan tanto pola calidade das súas imaxes coma polas súas mensaxes de concienciación sobre a conservación mariña.

Entre as proxeccións atópase Norway, welcome to the darkness de Sonja Bader, quen, a bordo de Kinfish, nos guía nunha aventura de apnea e mergullo con tubo, amosando encontros íntimos e máxicos con candorcas e xibardos.

Emma Paterson segue no seu documental máis de trinta persoas expertas reunidas en Bangkok mentres confrontan os devastadores efectos do cambio climático: branquexamentos masivos cada vez máis frecuentes e severos, colapso de ecosistemas, diminución de pesqueiras, perda de protección costeira e comunidades humanas vulnerables. 

Tamén se poderá gozar da curtametraxe musical The Tiny Wonders of Anilao. Philippines 2025, de Valera Sakhnenko, que nos levará ao mundo máxico e oculto que se agocha baixo a superficie, onde diminutas criaturas, moitas delas máis pequenas ca un gran de arroz, encandean coas súas cores, o seu comportamento e o seu misterio. Desde nudibranquios pouco comúns ata criaturas camufladas, a rica vida macro de Anilao non só é fermosa, senón tamén vital para a saúde de todo o océano. 
O reto dos lixos mariños, de Sara Lizarra, é unha impactante curtametraxe documental que trata a crecente ameaza dos residuos plásticos nos nosos océanos. A través de datos científicos e unha mirada próxima ás costas vascas, o filme destaca a urxencia da conciencia ambiental e a acción colectiva. Cunha narrativa que combina rigor científico e sensibilidade visual, a peza convida a reflexionar sobre o noso papel na preservación da contorna mariña. 

Un diaporama coas 100 mellores fotografías presentadas ao concurso do festival, acompañadas dunha banda sonora envolvente, renderá tributo á beleza do noso mundo e celebra o talento de fotógrafos de todo o mundo, entre eles os autores das obras premiadas.

Magic Moments, de Alfred Schaschl, lévanos a unha viaxe guiada por un amor silencioso cara ao mar: o seu poder infinito, o seu misterio e os segredos escondidos baixo a súa superficie. Unha historia cargada de asombro, esperanza e a urxencia de protexer o invisible. 

Remataremos cun documental de 45 minutos, Shark Preyed, dirixido por Marco e Andrea Spinelli, que emprende unha viaxe para revelar o lado oculto do comercio de carne de quenlla entre Italia e España, mostrando como a miúdo se consome sen sabelo. A través de imaxes en mercados, análises de datos e entrevistas exclusivas, o documental destapa unha realidade pouco coñecida: tiburóns vendidos baixo nomes enganosos, capturas accidentais, redes pantasmas e o comercio de aletas que alimenta un mercado global escasamente regulado. Pero Shark Preyed vai máis alá dunha denuncia: é unha exploración da nosa relación con estes animais, demonizados durante décadas e agora ameazados de extinción.
 

Fotograma de Norway, welcome to the darkness

Fotograma de Magic moments

A lamprea de mar no río Miño                                               

Galicia: 16 min. Galego
Ano: 2026
Guión, dirección e fotografía: Manuel E. Garci
Produción: Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

Sinopse

O río Miño mantén a maior poboación de lamprea de mar de Galicia, un verdadeiro fósil vivente, cun complexo ciclo biolóxico no que a súa fase larvaria chega a estenderse sete anos no río. Isto fixo pensar que se trataba dunha especie diferenciada, sen ningunha relación coa lamprea. A súa fase adulta é maiormente mariña e é un parasito altamente eficaz, pois son máis de sesenta especies de peixes e mamíferos mariños os descritos como hóspedes da lamprea de mar. A poboación ribeirega da conca do Miño mantén unha estreita relación con esta especie, a cal capturan con métodos ancestrais herdados do período romano.
 

Fotograma de Lamprea no río Miño

 

Baixo as augas da Mariña, Ortegal                                                          

Galicia: 9 min 20 s. Galego
Ano: 2024
Unha curta documental de Carlos Gil Fernández
Narración: Alex Gato
Financiado polo GALP A Mariña-Ortegal. Xunta de Galicia. Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP)

Sinopse 

Unha curta documental na que percorremos a costa norte de Galicia, dende Ribadeo ata Valdoviño. Unha viaxe audiovisual para coñecer a natureza, a paisaxe, as xentes e os ecosistemas somerxidos deste territorio, onde as augas do Cantábrico se mesturan co océano Atlántico e dan lugar a unha biodiversidade única. Rías e praias dan paso a unha costa escarpada de enormes cantís, baixo as súas augas latexa a verdadeira riqueza deste recuncho
de Galicia.

Fotograma de Baixo as augas da Mariña, Ortegal    

 

O regreso dos xigantes: rorcuais no Atlántico galego                                                      

Galicia: 4 min 35 s. Galego
Realización: José Irisarri e Jorge Martínez Vázquez
Produción: Grupo de Megafauna Marina do IEO-CSIC e a Asociación Ecoloxía Azul 
Proxecto e guión: Camilo Saavedra e José Irisarri
Locución: Leandro Blanco 
Cámaras: Miguel Álvarez-González, José Irisarri Castro, Antonio Vázquez-Bonales e Camilo Saavedra Penas 

Sinopse

O rorcual común ou balea común (𝘉𝘢𝘭𝘢𝘦𝘯𝘰𝘱𝘵𝘦𝘳𝘢 𝘱𝘩𝘺𝘴𝘢𝘭𝘶𝘴), a segunda especie máis grande do planeta, foi intensamente explotada pola industria baleeira durante o século XX. En augas galegas, máis de 7000 exemplares foron capturados entre 1920 e 1985, o que provocou un forte declive poboacional.

Nas últimas décadas, os avistamentos na plataforma continental galega aumentaron, o que podería suxerir unha recuperación progresiva da especie no Atlántico nororiental. Estes grandes cetáceos visitan as nosas augas principalmente entre xullo e outubro, atraídos pola elevada produtividade xerada polo afloramento estival.

Este vídeo mostra imaxes recentes de rorcuais e o traballo científico desenvolto polo grupo MegaMAR do Instituto Español de Oceanografía no marco do proxecto EMPHATIC, centrado no estudo e a conservación de cetáceos.
 

Fotograma de rorcuais no Atlántico galego  

 

O bosque de carrumeiro                  

Galicia: 37 min. Galego
Ano: 2026
Un filme de Xaime Beiro, Silvia Iglesias e Jorge Martínez
Locución: Marika García (Penteo Films)
Música: varios artistas

Sinopse

O bosque de carrumeiro é unha viaxe submarina para descubrir a riqueza dunha das paisaxes somerxidas máis emblemáticas e importantes da nosa costa: o bosque de algas xigantes. A través do percorrido polos fondos mariños observaremos como é o día a día dalgunhas das especies máis coñecidas das augas galegas, como loitan e colaboran entre elas para sobrevivir ou como baixo o mar podemos ser testemuñas do paso das estacións. Unha historia visual filmada integramente na costa galega para poñer en valor a rica biodiversidade que agochan as nosas augas e a necesidade de coidalas.

Fotograma de O bosque de carrumeiro       

 


Convidados/as

Desde o nacemento do festival, tivemos a sorte de contar coa participación de preto dun cento de especialistas convidados nos coloquios tras as proxeccións: cineastas, documentalistas e científicos que sempre contribuíron cos seus coñecementos, matices e puntos de vista a facer máis enriquecedora a experiencia do público asistente ás sesións.

Martes, 3 de novembro: Ana Salceda (cineasta, xornalista, produtora e activista)

Ana Salceda

 

Ana E. Salceda é unha galardoada cineasta e xornalista viguesa, ademais dunha produtora nomeada a dous Emmy. Converte a ciencia en historias que cambian políticas nos Estados Unidos, Europa e o Gran Caribe, e crea as alianzas que fan que o cambio sobre o terreo se manteña. 

As súas películas e campañas de impacto axudaron a conseguir logros concretos: os dereitos territoriais indíxenas no Darién panameño; a ampliación das reservas mariñas no mar de Cortés mexicano; a protección de Corona Caimán, un arrecife transfronteirizo no golfo de Honduras; a prohibición da pesca da cherna ou mero, en perigo crítico de extinción, durante a súa reprodución en varios países do Caribe; a protección das aguias harpías en Mesoamérica; e o acceso á tripla terapia para as persoas que viven co VIH en Panamá. Cada un deses resultados logrouse grazas a alianzas. 

Salceda dirixe actualmente a iniciativa Big Fish, unha campaña trilingüe que une a FAO/WECAFC, NOAA Fisheries, o Consello de Pesca do Caribe, o PNUMA-SPAW e máis de 50 socios; gañou dous premios Anthem en 2024. Os seus documentais, realizados con PBS Nature, HHMI Tangled Bank Studios, Terra Mater/Red Bull e National Geographic, chegan ao público a través de Netflix, Apple TV e Amazon Prime, e foron galardoados nos máis prestixiosos festivais de cine de natureza: desde os Impact DOCS Awards e o Wild Oceans de Xixón ata o Festival Internacional de Cine da Habana. 

Preside o equipo de comunicación do grupo de especialistas en Pargos da CSE/ UICN, forma parte do comité directivo do grupo de traballo de agregacións de desova da FAO e fundou BelugaSmile Productions en San Francisco (CA), onde reside. 

Mércores, 4 de novembro: Ricardo Beiras

Ricardo Beiras

 

Ricardo Beiras (Santiago de Compostela, Galicia, 1965) licenciouse en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e obtivo o seu doutoramento en acuicultura no Instituto Español de Oceanografía (IEO) en 1992. Desde entón, traballou como investigador mariño no Plymouth Marine Laboratory (PML, Reino Unido), no IFREMER (estación de Arcachon, Francia), na Universidade de Anveres (Bélxica) e na Universidade de Vigo (Galicia, España), onde é catedrático de Ecoloxía e imparte a materia de Contaminación mariña desde 1995. Durante dez anos dirixiu a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat) da Universidade de Vigo, cun persoal arredor de vinte persoas. 

É un experto internacional en contaminación mariña (con máis de 150 artigos publicados en revistas indexadas no SCI) e dirixiu doce teses de doutoramento. Actúa como experto contratado para procesos de avaliación da UE e como asesor do IEO en grupos de traballo do ICES. É editor da revista Frontiers in Marine Science. Coordinou o proxecto Ephemare de JPI-Oceans –un consorcio de 16 institucións de 10 países centrado nos efectos ecotoxicolóxicos dos microplásticos nos ecosistemas mariños– e actualmente coordina LABPLAS, un proxecto europeo do programa H2020 con 16 socios de 8 países que conta coa participación da industria e céntrase en reducir as emisións de plástico de orixe terrestre ao medio ambiente. É autor dun libro de texto sobre contaminación mariña publicado por Elsevier en 2018.

 Xoves 5 de novembro

Jorge Martínez

Jorge Martínez

Videógrafo submarino baixo o pseudónimo Zeus Faber. Ten traballos publicados sobre mares de todo o mundo, aínda que se centra principalmente nas augas galegas.

Xaime Beiro

Xaime Beiro

videógrafo e fotógrafo submarino filmando dende Galicia. Con traballos publicados e premiados nacional e internacionalmente.

Silvia Iglesias

Silvia Iglesias

Intérprete mariña e técnica en educación ambiental da cooperativa 13 Grados, dende a que traballa na divulgación e conservación do medio mariño galego.

 

Logotipo da Universidade de Vigo

Logotipo de Afundación


Galería de carteis

Máis información:

Servizo de Extensión Universitaria
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 626
extension@uvigo.gal