Rede Española de Universidades Promotoras de Saúde

I Concurso de imaxes: «Reflicte a felicidade»

UVigo - Deporte 25/03/2021

A Rede Española de Universidades Promotoras de Saúde (REUPS) retoma o I Concurso de imaxes «Reflicte a felicidade» para amosar a importancia da saúde emocional e darlle valor ás tres mellores imaxes das universidades españolas en materia de benestar emocional. Este concurso, aprazado debido á situación sanitaria, volve con forza este ano nas universidades españolas.

 

I. Obxecto

  1. A Rede Española de Universidades Promotoras de Saúde retoma a convocatoria do I Concurso de imaxes: reflicte a felicidade. O seu obxectivo é sensibilizar a comunidade universitaria en estilos de vida que faciliten o benestar emocional, dando valor ás diferentes emocións, na súa identificación/expresión, comprensión e regulación emocional.
     

II. Participantes e requisitos

  1. Poderá participar o estudantado dunha universidade española pertencente á REUPS matriculado durante o curso 2020/2021; o persoal  de administración e servizo (PAS) e o persoal docente investigador (PDI).
     
  2. A participación no concurso implica a aceptación de todas as bases deste concurso.
     
  3. As persoas participantes fanse responsables de calquera carga penal que se poida derivar das súas imaxes, xa sexa plaxio, suplantación de autoría, falta de consentimento legal, tratamento inadecuado de persoas vulnerables etc.
     
  4. En ningún caso se aceptarán candidaturas que atenten contra un colectivo, conteñan material discriminatorio por razóns de xénero ou vulneren a dignidade das persoas.
     
  5. Non poderán aparecer menores de idade nas imaxes.
     
  6. O incumprimento de calquera dos requisitos esixidos suporá a descualificación automática da persoa participante.


III. Presentación de candidaturas

  1. Cada participante poderá presentar unha única imaxe da súa autoría (fotografía, gráfico, colaxe, debuxo, ou calquera outro tipo de imaxe que a persoa considere) a través da súa conta persoal de Instagram ou de Twitter. Ademais, na imaxe deberase etiquetar outra conta.
     
  2. A imaxe acompañarase dun slogan que amose a importancia do benestar emocional e os seus beneficios ou estratexias para a súa promoción entre a comunidade universitaria. Ademais, o slogan deberá:

    - Comezar coa frase: «Para ser máis feliz…»
    - Mencionar o cancelo #UniversidadEmocional2021 e a conta de Twitter @mUVersUvigo ou de Instagram @muversuvigo posta á disposición por cada universidade (véxase o anexo I).
    - Conter en total un máximo de 220 caracteres.
     
  3. Quen participe deberá ter unha conta persoal con perfil aberto e seguir o perfil da Rede Española de Universidades Promotoras de Saúde na rede social elixida:

    - En Instagram: @unisaludables_ 
    - En Twitter: @unisaludables
     
  4. A imaxe presentada non poderá ser premiada noutros concursos, nin en convocatorias futuras.
     
  5. A imaxe e o slogan serán de creación propia.
     
  6. A imaxe e o slogan publicaranse no perfil da persoa participante ata o 3 de maio de 2021, incluído. Ademais, o seu perfil de Twitter ou de Instagram deberá permanecer aberto durante o período mencionado.
     
  7. Cada persoa poderá participar unha vez, polo que quedaría excluída en caso de participar máis dunha vez, xa sexa na mesma ou en diferentes redes sociais.
     
  8. As persoas que xa participasen no concurso durante a convocatoria anterior, é dicir, entre o 2 de marzo e o 20 de xullo de 2020, e cumpran as bases anteriormente establecidas, teranse en conta e manterán o seu dereito a participar na convocatoria actual.


IV. Criterios de valoración

Os criterios de valoración serán os seguintes:

  • Grao de adecuación da imaxe e do slogan coa promoción do benestar emocional.
  • Orixinalidade.
  • Calidade da imaxe.
  • Presenza de uso/práctica de estratexias de promoción do benestar emocional na contorna universitaria.
  • Grao de sensibilización coa importancia do benestar emocional.


V. Selección de imaxe e de slogan

  1. Cada universidade elixirá e enviará á REUPS as tres candidaturas con maior puntuación segundo os criterios especificados nas bases II, III e IV da presente convocatoria.
     
  2. As universidades enviarán as candidaturas elixidas ao enderezo electrónico vr.universitatsaludable@uib.es co asunto «I edición do concurso de imaxes (e o nome da universidade)». Ademais, no corpo da mensaxe, incluiranse o nome, os apelidos, o número de teléfono, o enderezo electrónico de contacto e o número de «gústame» das imaxes das candidaturas elixidas.
     
  3. As universidades participantes comunicarán as tres candidaturas gañadoras da súa universidade entre o 19 de abril e o 3 de maio de 2021.
     
  4. Cada universidade é responsable de verificar o cumprimento dos criterios especificados nas bases II, III e IV da presente convocatoria.
     
  5. As universidades serán responsables de coñecer os datos das persoas elixidas: nome e apelidos, número de teléfono, dirección electrónica de contacto, que se lle proporcionarán á REUPS.
     
  6. A REUPS, entre todas as candidaturas recibidas das universidades, elixirá cinco en función dos criterios 1 a 6 especificados na base IV.
     
  7. A REUPS encargarase de contactar coas persoas gañadoras do concurso mediante correo electrónico ou telefonicamente para as informar da resolución, así como da data e da hora da entrega de premios.


VI. Xurado

O xurado do concurso estará formado por:

  • Unha persoa especialista en benestar emocional.
  • Unha persoa especialista en marketing social.
  • Unha persoa especialista en deseño gráfico ou en fotografía.


VII. Premios

  1. A REUPS concederá os seguintes premios ás persoas que obteñan o tres primeiros postos:

    a) Ás persoas que queden en primeiro, segundo e terceiro posto recibirán tres experiencias para dúas persoas, consistentes nunha fin de semana (de venres a domingo) e que incluirán o transporte, o aloxamento e a actividade ofrecida pola experiencia.

    b) As persoas gañadoras poderán elixir o período do ano para realizaren as experiencias, pero a súa elección quedará a criterio e a aprobación da REUPS.

    c) Os premios repartiranse do seguinte xeito: a persoa que obteña o primeiro premio elixirá unha experiencia entre as ofertadas. A continuación, a gañadora do segundo premio elixirá entre as dúas experiencias restantes e a do terceiro premio quedará coa experiencia que non elixisen as dúas persoas anteriores.

    d) Ás persoas gañadoras concederáselles un diploma acreditativo.
     
  2. Quen obteña o cuarto e o quinto posto outorgaráselle un accésit dun diploma.
     
  3. A REUPS agasallará as tres persoas gañadoras, así como as que obteñan o cuarto e o quinto posto, unha inscrición gratuíta ao II Congreso de Universidades Promotoras de Salud (aloxamento e transporte non incluídos).
     
  4. Os diplomas das tres persoas gañadoras e dos dous accésits entregaranse no II Congreso de Universidades Promotoras de Salud, que terá lugar na Universidad de Burgos. 
     
  5. Calquera premio pode declararse deserto.
     
  6. Ademais dos premios mencionados na base VII, cada universidade española participante poderá concederlles os premios que considere ás persoas gañadoras da súa universidade. Os devanditos premios publicaranse polas vías que as universidades consideren oportunas (véxase o anexo I).


VIII. Outorgamento

  1. A resolución, que conterá o nome das persoas premiadas, publicarase na páxina web oficial da Rede Española de Universidades Saudables e na páxina oficial de Twitter @unisaludables e de Instagram @unisaludables_.
     
  2. A sentenza do presente concurso farase igualmente público nun solemne acto no II Congreso de Universidades Promotoras de Saúde que terá lugar na Universidad de Burgos.
     
  3. Cada universidade responsabilizarase de publicar o nome das persoas gañadoras da súa universidade, se así o considera conveniente.


IX. Prazos

  1. O prazo para a publicación das imaxes e dos slogans nas redes sociais Twitter ou Instagram estará aberto entre o día 22 de marzo e o 18 de abril de 2021. Queda excluída do concurso calquera publicación que se faga fóra deste prazo.


X. Recursos

Contra a presente convocatoria non cabe recurso ningún.


XI. Cesión de dereitos de autor

  1. As persoas premiadas no concurso cederán a título gratuíto, a favor da Rede Española de Universidades Saudables, os dereitos de explotación da propiedade intelectual e, especialmente, os dereitos de reprodución, transformación, distribución e comunicación pública, da imaxe e do slogan premiados. A correspondente cesión presentará o carácter de exclusiva, outorgarase para un ámbito territorial mundial e terá unha duración equivalente a todo o tempo de protección que as actuais leis e convencións internacionais propias da materia de propiedade lles conceden ás persoas autoras, os seus sucesores e sucesoras e habentes dereito intelectual e as que en diante se poidan ditar ou acordar.
     
  2. A REUPS poderá realizar exposicións nas que citará a persoa que realizou a publicación e sempre sen fins lucrativos.
     
  3. As persoas participantes son as únicas responsables do contido das imaxes publicadas na rede social e serán responsables das reclamacións que poidan facer terceiras persoas.

 

A Rede Española de Universidades Promotoras de Saúde (REUPS) prorroga o prazo de participación do I Concurso de imaxes: reflicte a felicidade, curso 2020/2021, ata o 23 de maio de 2021, incluído.

Deste xeito, modifícase o punto 6 da base III. Presentación de candidaturas.

Onde di:

6. A imaxe e o slogan deben publicarse no perfil da persoa participante ata o 3 de maio de 2021, incluído. Ademais, o perfil de Twitter ou Instagram da persoa participante deberá permanecer aberto durante o período mencionado.

Debe dicir:

6. A imaxe e o slogan deben publicarse no perfil da persoa participante ata o 7 de xuño de 2021, incluído. Ademais, o perfil de Twitter ou Instagram da persoa participante deberá permanecer aberto durante o período mencionado.

Onde di:

3. As universidades participantes deberán enviar as tres candidaturas gañadoras da súa universidade entre o 19 de abril e o 3 de maio de 2021.

Debe dicir:

3. As universidades participantes deberán enviar as tres candidaturas gañadoras da súa universidade entre o 24 de maio e o 7 de xuño de 2021, incluído. 

 

  1. Cada membro da comunidade universitaria da Universidade de Vigo poderá presentar unha fotografía ao concurso. 
     
  2. Elixiranse tres fotografías entre as persoas que cumpran as bases da convocatoria para a fase nacional publicada pola REUPS.
     
  3. A Universidade de Vigo agasallará cun lote de artigos deportivos (chándal, camiseta e mochila muver) as tres persoas seleccionadas para participar na fase nacional.
     
  4. O xurado estará formado por:

    - A vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria ou a persoa en quen delegue.
    - A vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación ou a persoa en quen delegue.
    - Unha persoa experta en deseño gráfico e en fotografía. 
     
  5. A resolución co nome das persoas premiadas comunicarase a través das redes sociais da Universidade de Vigo e da Área de Benestar, Saúde e Deportes.
     
  6. A Área de Benestar, Saúde e Deporte contactará coas persoas gañadoras a través da rede social onde se presentaron as candidaturas para comunicarlles a data e a hora da entrega de premios.

 

 

Máis información:

Área de Benestar, Saúde e Deporte
Edificio Deportes
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 812 182
deportes@uvigo.gal