Acompañamento psicolóxico

O Programa de acompañamento psicolóxico ao estudantado (PAP-UVigo) é un servizo da Universidade de Vigo dirixido ao estudantado matriculado en titulacións de graos oficiais que atravesa dificultades emocionais vinculadas á experiencia universitaria: ansiedade académica, estrés ante exames ou traballos, problemas de adaptación á vida universitaria, dificultades na toma de decisións ou bloqueos no rendemento.
Non é un servizo especializado de saúde mental nin un recurso de psicoterapia continuada, senón un espazo de acompañamento breve e focalizado que ofrece atención e orientación profesional, nun ambiente confidencial e próximo.
O programa dá resposta ao mandato establecido pola Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario (LOSU), que no seu artigo 33 recoñece o dereito do estudantado ao coidado da saúde mental e emocional, e no artigo 43 obriga as universidades a contar con servizos de saúde e acompañamento psicolóxico.
O PAP-UVigo nace do convencemento de que o benestar psicolóxico do estudantado é unha responsabilidade compartida por toda a comunidade universitaria. Estudantes, persoal docente e investigador, e persoal técnico de xestión de administración e servizos xogan un papel fundamental na detección temperá do malestar emocional e na orientación cara aos recursos dispoñibles. Coñecer o programa, as súas características e o seu funcionamento é o primeiro paso tanto para o estudantado coma para quen o rodea, de cara a buscar apoio ou a derivar con criterio cando a situación así o aconselle.
Máis información:
Servizo de Extensión Universitaria
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 603
pap@uvigo.gal




