Manifesto da RUD co gallo do Día Internacional do Orgullo LGTBIQA+ 2026

UVigo - Diversidade 14/07/2026

Por unhas universidades con orgullo, críticas, seguras e de paz

A Rede de Universidades pola Diversidade (RUD) reafirma en 2026 o seu compromiso inquebrantable cunha universidade crítica, segura, inclusiva e orgullosamente diversa. Unha institución que non se limite a tolerar a diferenza, senón que a recoñeza, a celebre e a defenda como condición indispensable para a xustiza social, a produción de coñecemento, a convivencia democrática e a paz entre os pobos.

Nun momento en que os discursos contra os dereitos humanos fundamentais mostran un maior arraigamento político e social, esiximos que a igualdade sexa real e efectiva, e non só un texto no papel. A comunidade universitaria non pode ser allea ás realidades máis urxentes do colectivo e, por iso, asumimos as seguintes reivindicacións:

  • É urxente frear a escalada de agresións e sinalizacións cara ás persoas LGTBIQA+. As aulas deben ser o primeiro dique de contención contra o odio, garantindo espazos libres de acoso ou discriminación por razón de orientación sexual, identidade ou expresión de xénero dentro dos nosos propios campus.
  • Opoñémonos frontalmente ás mal chamadas terapias de conversión e esiximos a súa persecución e penalización. A tortura e a patoloxización non teñen cabida nunha sociedade democrática.
  • Recoñecemento das realidades non binarias e intersex. Reivindicamos a protección legal, explícita e urxente das persoas intersexuais e non binarias, historicamente invisibilizadas mesmo dentro das nosas propias institucións.
  • Erradicación do «sexilio». Como espazos de acollida, as universidades denuncian a alarmante realidade de que unha de cada dez persoas LGTBIQA+ se ve obrigada a abandonar o seu fogar a causa da LGTBIfobia. As nosas facultades deben funcionar como verdadeiros refuxios para quen foxe desta violencia.

Nun contexto marcado por retrocesos lexislativos, pola censura educativa e polo cuestionamento de dereitos que criamos consolidados, alzamos a voz advertindo que ningún dereito está garantido se non o defendemos colectivamente.

As universidades non son espazos neutros; son actores sociais, políticos e éticos. Por iso, alzamos tamén a voz ante o xenocidio do pobo palestino. Como rede comprometida cos dereitos humanos, rexeitamos a instrumentalización das loitas LGTBIQA+ para xustificar violencias, no que supón un inaceptable lavado de imaxe rosa. A vida, a dignidade e a liberdade non poden ter dobre estándar, e non hai dereitos humanos se non son dereitos para todas as persoas.

Defendemos unha universidade onde todas as persoas poidan ser, vivir, estudar, investigar, ensinar e traballar sen medo. Unha universidade que abrace a diversidade de corpos, xéneros, afectos, familias, orixes, linguas, crenzas e capacidades. Unha universidade que non só acolla, senón que se deixe transformar por quen historicamente foron marxinadas das súas aulas, das súas cátedras e dos seus relatos.

Desde a RUD afirmamos que non hai coñecemento verdadeiro sen liberdade, non hai excelencia sen diversidade, e a diversidade tamén é pensamento. Somos a Rede de Universidades pola Diversidade. Somos feministas, LGTBIQA+, transinclusivas, despatoloxizantes, antirracistas, anticapacitistas, plurais e profundamente comprometidas coa xustiza social e a paz.

Fronte ao odio, a censura e os retrocesos, respondemos con orgullo, diversidade e dereitos humanos.

E non imos retroceder nin un paso.

28 de xuño de 2026

 

Unidade de Diversidade

Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 647 343 033
infodiversidade@uvigo.gal
Luns e venres, de 8.00 a 14.30 h

 

Edificio de Facultades, soto
As Lagoas
32004 Ourense
+34 647 343 033 | 988 387 107
infodiversidade@uvigo.gal
Martes, mércores e xoves, de de 8.00 a 14.30 h