23 de setembro, Día Internacional contra a explotación sexual e o tráfico de persoas

UVigo - Igualdade 23/09/2018

 

Unidade de Igualdade, Universidade de Vigo

A Universidade, como institución social e educativa de referencia, debe impulsar modelos de espazos libres de sexismo, misoxinia e violencias de xénero

  • A prostitución xera un sistema estrutural de dominación das mulleres máis vulnerables. A prostitución resulta un acto de violencia contra as mulleres

    - Entre o 90 e o 95 % das mulleres prostitutas son vítimas do tráfico de seres humanos (tal e como vén definido no Protocolo de Palermo –ONU, 2000–) no noso país.

    - O 92 % das mulleres prostitutas no noso país son estranxeiras con baixo nivel formativo e procedentes de países con economías febles. Por enriba do dereito dalgunha muller de ser prostituta está o dereito das demais a non selo. O que algunhas persoas chaman «profesión» moitas outras nomean «escravitude»

    - A meirande parte das mulleres prostituídas comparten un pasado de abandono, abusos sexuais, violacións, violencia, pobreza e anulación psicolóxica. 

    - O índice de mortalidade de mulleres prostituídas é moitísimo máis alto ca en mulleres que non están en situación de prostitución; ao igual ca os brotes psicóticos e a depresión nas mulleres enfermas mentais. 

    -  Case todas reciben agresións.
     
  • O consumo xeneralizado de prostitución nas nosas sociedades é un síntoma dunha cultura sexual mixósina e agresiva contra as mulleres. Resulta incompatible coa igualdade

    - Estímase que o 90 % das persoas prostitutas son mulleres e o 99,7 % das persoas que demandan prostitución son homes.

    - O estudo do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS, 2009) revela que un total de 32,1 % de homes maiores de 16 anos mercou sexo comercial. 

    - España sitúase como o primeiro país consumidor de servizos de prostitución de Europa e tamén o primeiro destino das vítimas de tráfico. 

    - O ámbito da prostitución funciona como unha alternativa de lecer e un rito de «masculinización patriarcal» entre todo tipo de homes, independentemente da súa idade, clase social, formación, ocupación ou ideoloxía. 

Por todo isto, a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo presentará nas próximas semanas un plan integral que promoverá iniciativas de formación e de investigación sobre:

  • Consumo de prostitución en ambientes universitarios. Apenas hai estudos da incidencia de consumo de sexo comercial entre o estudantado universitario no noso estado. A Universidad de La Laguna fixo un estudo sobre unha pequena mostra de universitarios, cuns resultados que mostran que resulta unha práctica habitual, normalizada e frecuente neste colectivo (Pedernera, 2016). Cómpre afondar nesta cuestión.
  • Educación afectivo-sexual. Rigorosa, obxectiva e completa no ámbito biolóxico, psíquico e social, entendendo a sexualidade como comunicación humana e fonte de saúde, pracer e afectividade. Para previr os embarazos non desexados, o VIH e outras enfermidades de transmisión sexual. Libre de estereotipos sexistas, baseada nos valores de respecto mutuo e de autonomía persoal, que contribúa a unha educación para a igualdade e respectuosa coa diversidade sexual.
  • Novas masculinidades. A universidade, como institución social e educativa de referencia, debe impulsar modelos de masculinidades «rebeldes» fronte ao machismo, cara a unha universidade libre de masculinidades tóxicas. 
  • Reflexións éticas sobre o consumo de prostitución. O dramatismo da realidade das mulleres prostitutas contrasta coa banalidade, frivolidade e ociosidade na que se recrean os consumidores de prostitución. Isto convidamos á reflexión ética na Universidade de Vigo arredor deste fenómeno no que a perspectiva de xénero non se pode obviar, e  onde as desiguais relacións de xénero e a feminización da pobreza ocupan un lugar central.