25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero

UVigo - Igualdade 15/11/2018

Manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero das Universidades Españolas para a Excelencia Universitaria (RUIGEU)

Con motivo do Día Internacional pola Eliminación das Violencias contra as Mulleres, as universidades, a través das unidades de igualdade, reivindicamos o noso papel de axentes activos na loita contra todo tipo de violencia sobre as mulleres.

Violencias que están asentadas sobre as desigualdades entre homes e mulleres, construídas culturalmente mediante prácticas discriminatorias asimiladas como naturais e propias dentro da orde social establecida.

É obxectivo prioritario e común das universidades, dentro da educación superior, colaborar cos poderes públicos e coa sociedade no seu conxunto para pór fin ás violencias exercidas sobre as mulleres. No ámbito da relación de parella, a violencia de xénero tamén alcanza as fillas e fillos, sobre quen os riscos de integridade psicolóxica e física se converten en perigo certo pola instrumentalización que delas e deles realizan algúns homes para continuar executando o seu crime sobre a nai. 

No noso contexto social de convivencia é fundamental erradicar o acoso sexual ou por razón de sexo na esfera laboral e académica, os abusos e as agresións sexuais en contornas festivas, a explotación sexual e reprodutiva, o tráfico de mulleres e de nenas con fins sexuais, a violencia simbólica sexista, a cousificación da muller, a hipersexualización das nenas e un longo etcétera de actos violentos contra as mulleres polo simple feito de selo.

As universidades e as súas unidades de igualdade traballamos desde hai tempo nalgunhas das liñas estratéxicas establecidas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, aprobado polo Congreso e o Senado en 2017, adoptando medidas e prácticas de actuación dirixidas ás comunidades universitarias e á súa contorna. A posta en marcha das devanditas medidas leva un esforzo continuado de tolerancia cero fronte á violencia contra as mulleres.

É, por este motivo, que a dotación económica disposta no Pacto de Estado, xestionada polas comunidades autónomas, debe conter a previsión correspondente para incluír as universidades como axentes intervenientes na loita contra a violencia de xénero e dotalas de medios materiais e humanos suficientes para alcanzar o seu obxectivo. Con iso poderáselle dar resposta adecuada á crecente e lexítima demanda social en relación coas persoas que estudan e se titulan nas universidades, de maneira que se gradúen coas competencias e coas destrezas necesarias para este indispensable cambio social cara á igualdade.

As universidades temos como núcleo irrenunciable de actuación o principio de igualdade e a transversalización da perspectiva de xénero en todas as áreas de coñecemento segundo o grao de intensidade requirido en cada unha delas é ineludible. 

Así mesmo, é unha crecente demanda social que as universidades impartan formación inicial e específica nos plans de estudos dos graos e dos mestrados que capaciten para o exercicio profesional con perfil cualificado nos procesos derivados das situacións de violencia de xénero.

O número de asasinatos de mulleres, e tamén de fillas e fillos, esixe a inclusión dunha formación continua, rigorosa e actualizada para quen ten a responsabilidade de garantir os dereitos das vítimas e a súa protección fronte aos homes, moitas veces pais, que, nun exercicio dilatado no tempo, delinquen danando definitivamente a vida, a liberdade e os dereitos da muller, así como os da súa descendencia.

A formación especializada dirixida aos itinerarios profesionais correspondentes a todos os axentes xudiciais, ao corpo facultativo médico e ao persoal sanitario, así como aos diferentes corpos policiais, docentes de primaria e de secundaria, comunicadores, publicistas e creadores audiovisuais e de contidos dixitais e outros perfís intervenientes, é unha esixencia que non pode ser eludida nin agochada ante os resultados que derivan dun rumbo inconsciente na valoración, adopción e mantemento de medidas de protección e de garantía.

Porque a ausencia de perspectiva de xénero na avaliación dos feitos que fundamentan a violencia de xénero leva á consolidación de falsos orzamentos e outórgalle autoridade a quen nega a existencia dunha violencia sistémica contra as mulleres. 

Nesta conmemoración do 25 N, as universidades mantemos o noso compromiso activo e firme na loita contra a violencia de xénero. Somos conscientes de que para iso cómpre incorporar as esixencias formativas antes aludidas, así como outorgarlles un carácter de urxencia.

Tras longos anos de recortes nas políticas universitarias, necesitamos o amparo institucional e financeiro do goberno das comunidades autónomas para acometer as políticas de xénero. Sen el resulta moi difícil, cando non inviable, que as universidades e as súas unidades de igualdade poidamos asumilas.

Como sinala a secretaria xeral adxunta das Nacións Unidas e directora executiva da ONU Mulleres, a señora Mlambo, «a violencia de xénero é inaceptable, pódese evitar, pódese previr. Fagámolo posible».