Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres 2024
A violencia sexual é un elemento destacado das reivindicacións que formula a cuarta onda do feminismo. Nun comezo nas rúas e nas redes sociais, desde que en 2006 Tarana Burke puxera en marcha unha comunidade virtual para conectar mozas afroamericanas superviventes de violencia sexual utilizando por primeira vez o lema «#Me too». Este movemento estendeuse a través de accións de protesta, movementos organizados e marchas a través de todo o mundo. Na nosa contorna, o lema «#acabouse/#seacabó», impulsado polas futbolistas da selección española para denunciar un caso de violencia machista tamén serviu como catalizador da indignación social ante as agresións sexuais. Despois, a través da súa transposición a normas e a políticas que buscan facerlle fronte e, recentemente, reparar as súas consecuencias nas mulleres, que son as vítimas maioritarias en todas as etapas da vida.
Esta violencia funciona como unha «pedagoxía sexual fundante». A través dela, como acto ou como ameza, coa violencia, o medo, o estigma ou a culpa limítase a forma na que as nenas e as mulleres poden habitar o mundo. De forma que opera xunto a outras expresións das violencias machistas como a violencia simbólica, a violencia de xénero ou o feminicidio.
En concreto, este mecanismo de control xera un relato específico que chega a nós a través da chamada «cultura da violación» (Noreen Connell e Casandra Wilson, 1974), difundindo un imaxinario común simplificado da violencia sexual. Así, a «cultura da violación» determina que tipo de violencias sexuais son agresións, o perfil de quen agride e como actúa e como esperamos que se comporte a vítima antes, durante e despois dos feitos, o que inclúe a denuncia. Esta fórmula, ademais de naturalizar a violencia contra as mulleres, invisibiliza e desacredita todo o que se afasta deses mitos da violencia sexual que, aínda que se corresponden con feitos que suceden, non son as únicas formas nas que se manifesta nin as maioritarias. E tamén problematiza a masculinidade machista que, dende a posición de privilexio, normaliza o acoso e as agresións sexuais como parte deste contrato sexual patriarcal, nun contexto de desigualdade entre mulleres e homes.
Este discurso nesgado reproduce de forma continuada unha imaxe deformada que está a desmontar voces como as de Nevenka Fernández, Vanessa Springora ou Gisèle Pelicot, por nomear algunhas das mulleres máis visibles contra a violencia sexual durante este último ano. Cada unha delas foi quen de vincular a súa experiencia individual cunhas estruturas culturais, institucionais e sociais que fan posible que a violencia sexual exista. E, desta forma, contribuír, como di Cristina Fallarás, a «construír, por acumulación, un relato común» da memoria colectiva da violencia contra as mulleres.
No contexto militarista actual resulta importante sinalar que a Resolución 1325 da ONU, tras moito debate para a súa aprobación o 31 de outubro de 2000, recoñeceu por primeira vez a violencia sexual que sofren as mulleres nos conflitos armados. Torturas sexuais como crime de xenocidio, violacións, castracións, tráfico, e escravitude sexual, mulleres sexualizadas empregadas como reclamo, sexilios e insilios... As guerras e a militarización, que precisan manter a orde de xénero, utilizan os corpos das mulleres como campos de batalla.
Nos últimos tempos, estamos vendo como estas expresións de violencia se trasladan ao ámbito dixital, ampliando as formas nas que se manifesta facilitada pola tecnoloxía: difusión de vídeos íntimos sen consentimento, gravacións de agresións sexuais, foros onde compartir contidos de violencia contra as mulleres, plataformas que continúan sexualizando os corpos femininos e permiten o grooming e a sextorsión ou a creación de pornografía sintética non consentida (deepfakes). Segundo os datos do Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), un de cada tres incidentes de ciberseguridade no noso país son unha filtración de datos sensibles, protexidos ou confidenciais, roubados. Aquí entrarían tanto a difusión de contidos íntimos sen consentimento coma a creación e distribución de deepfakes.
A violencia sexual, a prostitución e a pornografía dixital son tamén expresións dun sistema patriarcal que opera en clave de xénero, consolidando o seu poder a través da cousificación das mulleres. A denominada «pornificación da cultura» atravesa os produtos mainstream das industrias culturais e os contidos nas redes e nas plataformas dixitais, normalizando a mercantilización dos corpos femininos.
O patriarcado 2.0 espállase mediante contidos sexistas, misóxinos e de ciberviolencia, onde a «monetización da misoxinia» está a converter as novas modalidades de explotación sexual nun negocio lucrativo. Así, perpetúanse as desigualdades de xénero, que atentan contra os dereitos fundamentais das mulleres.
A violencia sexual é un elemento fundamental deste sistema sociocultural de desigualdade. É un problema estrutural, non todos os homes violentan as mulleres pero case todas as mulleres, dun ou doutro xeito, seguen a sentirse violentadas nalgún momento ao longo da súa vida.
Desde a universidade, e como parte da comunidade universidade e da sociedade, temos que asumir a nosa responsabilidade dende o lugar que cada persoa ocupa nesta sociedade de marcadas desigualdades sociais e de xénero. Formación, coñecemento e recoñecemento. Facilitar espazos e ferramentas para problematizar, complexizar e diversificar as nosas miradas. Reflexionar e dialogar colectivamente. Promover a participación e a escoita activa. Acompañar. Reparar.
Ante a violencia machista contra as mulleres «Mirada á fronte: que a vergoña mude de bando».
Manifesto da RUIGEU
O 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, é unha cita histórica e colectiva na que participamos tamén as universidades, para lembrar a nosa responsabilidade e actuar como motor de cambio e de transformación cara a unha sociedade máis xusta e libre de violencias machistas. En concreto, é o noso deber propiciar espazos de debate profundo e favorecer a investigación crítica sobre os impactos e as afectacións da violencia machista, así como sensibilizar de que a violencia machista se produce en todos os ámbitos, tamén no universitario, e en todos os estratos sociais, con independencia da orixe socioeconómica.
Ao longo destes anos conseguimos avanzar en canto á concienciación social e hoxe podemos dicir que tras casos moi mediáticos e numerosas campañas de grande impacto social, xerouse o rexeitamento e o repudio da maioría da sociedade. No entanto, queda moito por avanzar e é indubidable que nese avance o papel das universidades resulta crucial. As nosas institucións deben contribuír a esa transformación, en xeral, mediante a concienciación social e, en particular, a través da aplicación e fortalecemento de mecanismos sancionadores, que garantan unha tolerancia cero ás situacións de violencia machista e acoso que se dean na universidade.
Non en van, a Constitución española dispón que lles corresponde aos poderes públicos promover as condicións e remover os obstáculos para que a igualdade sexa unha realidade na nosa sociedade, evitando situacións de acoso e de discriminación a partir do deber de debida dilixencia. Este deber é, á vez, a nosa ferramenta para actuar alén dos mecanismos sancionadores e intervir desde a prevención, coa finalidade de transformar o contorno, e a reparación para poñer no centro a atención ás necesidades da vítima.
As universidades son a mellor contorna posible para xerar reflexión crítica sobre o que significa un espazo educativo seguro para as mulleres; para identificar os factores de risco e as formas posibles de discriminación por razón de sexo en cada un dos distintos
contextos; para deseñar e implementar campañas de sensibilización fronte á violencia; e para activar accións comunicativas que axuden a visibilizar as manifestacións de violencia machista que aínda hoxe permanecen normalizadas. Estes son só algúns dos retos que a institución universitaria debe afrontar para potenciar a nosa misión preventiva, e que convén compasar co debate e a reflexión académica en materia de xustiza restaurativa. É preciso traballar na reparación para evitar a repetición, pensando e creando mecanismos de acompañamento, o apoio e a reparación adecuados no ámbito universitario que teñan en conta a dimensión material e simbólica, así como a individual e colectiva, aplicando a perspectiva de xénero, interseccional e de dereitos humanos en todas as políticas universitarias e trasladándoa a todas as accións da universidade.
Pero todo ese labor débese levar a cabo admitindo que a universidade non é un universo illado da sociedade na que se incardina, descontaminada de prexuízos. A universidade está formada por persoas, por esas mesmas persoas que forman parte da sociedade á cal debemos contribuír co mellor valor. Por iso, para que as universidades poidamos contribuír fielmente ao labor social que nos corresponde, é imprescindible que as unidades que forman o todo se atopen en condicións idóneas de coñecementos e compromiso. Para que a universidade poida cumprir coa debida dilixencia esa misión, é esencial que exista formación específica en perspectiva de xénero a todos os niveis, non só respecto de quen participa na toma de decisións e das diferentes áreas que interveñen na aplicación das nosas políticas –pois mesmo as políticas aparentemente neutras poden ter derivas discriminatorias– senón tamén respecto de quen desde a docencia e a investigación ten a oportunidade de contribuír a avanzar na igualdade efectiva de mulleres e homes, e a erradicar na violencia contra as mulleres. As nosas universidades deben dispoñer de medios e de recursos para poder afrontar con entusiasmo ambas as tarefas.
E ese entusiasmo ten que alcanzar hoxe a cota máis alta posible, pois atopámonos nun contexto global no que o avance do movemento feminista, que conseguiu desafiar e cuestionar estruturas patriarcais, conflúe coa emerxencia de movementos reaccionarios de extrema dereita, que buscan atacar e poñer en risco dereitos alcanzados, como o aborto, a coeducación ou o recoñecemento ás diversidades. É importante ser conscientes deste escenario para non escatimar no esforzo e no compromiso de erradicar as violencias machistas. Nese sentido, é importante lembrar que os avances logrados conquistámolos a través da acción colectiva, entre entidades, grupos e organizacións. Foi a colaboración de voces diversas e de experiencias compartidas a que nos permitiu superar obstáculos e avanzar na consecución de dereitos, e esa colectividade é unha das fortalezas que temos as universidades como motores do cambio social.
As universidades que asinan o manifesto forman parte da Rede de Unidades de Igualade de Xénero das Universidades Españolas para a Excelencia Universitaria (RUIGEU).
Manigesto de Crue Universidades Españolas
A Conferencia de Reitoras e Reitores de Universidades Españolas (CRUE), con motivo da conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, quere denunciar, unha vez máis, que esta forma de violencia representa unha das violacións dos dereitos humanos máis devastadoras e estendidas.
Segundo os datos proporcionados por Nacións Unidas, estímase que, no ámbito global, case unha de cada tres mulleres foi vítima de violencia física e/ou sexual polo menos unha vez na súa vida e que, no ano 2023, arredor de 51.100 mulleres e nenas de todo o mundo morreron a mans das súas parellas, exparellas ou doutros membros da súa familia. Nese mesmo período, en España foron asasinadas 58 mulleres e, no que levamos de 2024, xa son 40 as vítimas mortais, que deixan tras de si 30 menores orfos.
CRUE, sensibilizada e consciente destes datos conmovedores, súmase á campaña 2024 da ONU, «Cada 10 minutos asasínase unha muller. #NonHaiEscusa. ÚNETE para poñer fin á violencia contra as mulleres», renovando o seu compromiso para acabar coa impunidade e para promover accións que garantan os dereitos das mulleres e das nenas, especialmente fomentando un entorno universitario seguro.
Este compromiso seguirá sendo un eixo central do traballo das universidades en todas as súas accións para identificar e tartar as violencias de xénero nos contornos académicos e espazos universitarios, promovendo a escoita, o acompañamento e a reparación das mulleres afectadas, aplicando en todo momento a perspectiva de xénero, a interseccionalidade e a diversidade.
A contorna socioeducativa que conforma a institución universitaria é un contexto privilexiado para investigar as causas das violencias que afectan a saúde física, sexual e psicolóxica das mulleres en todas as etapas da súa vida, impactando na súa educación, emprego e oportunidades. É precisamente desde esta contorna privilexiada desde onde deben xurdir modelos e propostas de solucións que contribúan a poñer fin á violencia contra as mulleres e as nenas.
Acto institucional
- Xornada institucional «Dixitalización do sistema prostitucional: transformación e deslocalización»
25 e 27 de novembro de 2024
Sala Emilia Pardo Bazán. Edificio de Ferro. Facultade de Educación e Traballo Social. Campus de Ourense.
En directo: canle 1 da UVigoTV
Actividades nos centros
Facultade de Belas Artes
- E ti, coñeces outras artistas ou obras contra a violencia machista?
Campaña participativa no perfil @facultadedebelasartes en Instagram para visibilizar o traballo artístico para denunciar a violencia machista ao longo do 25 de novembro.
Facultade de Dereito
- Curso Violencia de Xénero
21 e 28 de novembro, de 16:45 a 19:30 h, na aula magna Concepción Arenal
Formación especializada para profesionais da avogacía e para o estudantado do Mestrado universitario en avogacía e procuradoría
Inscricións: cursos@icaourense.com
Facultade de Educación e Traballo Social
- Violencia de xénero: acompañando as persoas superviventes
Conversa con Felisindo Estévez García e Felisa Nchama Alogo Abuy
21 de novembro, ás 17.00 h, na aula Emilia Pardo Bazán.
Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo
- Submisión química, un problema emerxente. Conversa con Inés Sánchez Sellero.
25 de novembro, ás 12.00 h, na aula magna Xosé Ángel Valente
Escola Universitaria CEU de Maxisterio
- Semana do 25 ao 30 de novembro
Lectura e reflexión dunha selección de obras que abordan a violencia contra as mulleres e a súa tipoloxía.
Videoforo sobre o ciclo da violencia de xénero
Photocall dos bos tratos. Proposta didáctica para traballar e implementar nos centros educativos.
Instalacións deportivas do campus de Vigo
- Un mate á violencia machista
Acto de rexeitamento contra a violencia de xénero organizado pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra e a Federación Galega de Baloncesto durante a xornada preminibasket.
24 de novembro, nas instalacións deportivas do campus de Vigo
Información e recursos
A Unidade de Igualdade publica un estudo preliminar para coñecer os principais discursos e argumentos sobre o consumo de pornografía-prostitución en liña e a normalización das violencias sexuais entre o alumnado da UVigo:
A Universidade de Vigo ofrece información, dispoñible en formato físico e virtual, sobre como actuar ante as violencias machistas e os recursos públicos de acompañamento e denuncia dentro e fóra da universidade.
Existe un mecanismo de consulta e de asesoramento directo para comunicar calquera cuestión relacionada coas violencias machistas no ámbito da UVigo:
Máis información:
Unidade de Igualdade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 419
igualdade@uvigo.gal