Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres 2025

UVigo - Igualdade 11/11/2025

No espazo universitario, a igualdade de xénero é moito máis ca unha meta institucional: é unha responsabilidade colectiva que nos implica a todas as persoas que formamos parte da Universidade de Vigo. O tratamento das violencias sexuais —especialmente o acoso sexual— debe tratarse apostando por unha mirada aberta, crítica e transformadora, baseada na formación rigorosa, o respecto, a ética do coidado e a convivencia.

A análise de Noemí López Trujillo (2025), sobre como a sociedade constrúe a feminidade como obxecto de xuízo e sospeita, recórdanos que a culpabilización e o control sobre as mulleres teñen raíces profundas. A femmefobia e a mitificación da femme fatale (Bornay,  Erika, 1997) evidencian como a cultura visual e os relatos sociais alimentan estereotipos que poden levar á humillación ou ao acoso das mulleres, e moi especialmente das que rompen expectativas de xénero.

Na actualidade, fenómenos como as patrullas Szon Patrol en Polonia amosan que segue existindo unha tendencia social a responsabilizar as mulleres das violencias sexuais, cun escrutinio público do corpo feminino que non debemos permitir. No ámbito universitario, esta realidade non é allea: segundo estudos recentes, aínda persisten situacións de acoso e discriminación, ao ser as mulleres, especialmente estudantes e persoal en situacións laborais máis inestables e precarias, as principais afectadas.

Os datos das universidades europeas (Lipinsky, Anke; Schredl, Claudia; Baumann, Horst; Humbert, Anne Laure; Tanwar, Jagriti, 2022) e das españolas (Fundación Conocimiento y Desarrollo-CYD, 2025) mostran que, aínda que existen protocolos de prevención, procedementos de denuncia e medidas de acompañamento, moitas situacións de violencia sexual non chegan a formalizarse por medo, desconfianza ou falta de recursos. É fundamental que, ademais de garantir vías seguras para denunciar, a universidade promova campañas de formación, sensibilización e participación activa, involucrando a toda a comunidade universitaria na creación dun ambiente respectuoso, equitativo e libre de violencia.

A andamiaxe cultural da violación (Gavey, Nicola, 2005), que transmite unha visión distorcida da violencia sexual e constrúe falsos mitos sobre as vítimas e os agresores, debe ser desmontada dende a reflexión crítica, a escoita activa e o diálogo. 

Diante das violencias sexuais, a resposta universitaria debe ser firme: rexeitamento activo dos comportamentos inaxeitados, acompañamento integral ás vítimas, formación para toda a comunidade e revisión constante dos protocolos e dos recursos. A posta en marcha da segunda diagnose sobre acoso sexual e acoso sexista, a actualización do protocolo de acoso (dispoñible en galego, castelán, inglés e adaptado a lectura fácil), a mellora na accesibilidade do procedemento de denuncia, a aposta polas masculinidades coidadosas e corresponsables, a oferta de accións formativas, a elaboración de campañas de sensibilización, como a que se deseñou para as bibliotecas universitarias, e o impulso do programa Voces de Cambio son exemplos de accións que se levaron a cabo durante o ano 2025 para contribuír a tecer un futuro universitario igualitario e seguro.

Como comunidade universitaria, comprometémonos a problematizar e a diversificar miradas, a promover a igualdade e a participación, e a traballar por unha universidade libre de violencias sexuais tanto no contexto fóra de liña coma no dixital, onde se faga responsable a quen ten condutas que ameazan a dignidade, a liberdade e o benestar de todas as persoas. A transformación colectiva é posible e necesaria para que a universidade sexa un espazo real de respecto, liberdade e igualdade.

Ante as violencias sexuais, nós avanzamos cara á igualdade. 
 

O 25 de novembro conmemórase o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, unha data de denuncia, reflexión e compromiso fronte a unha das máis graves vulneracións dos dereitos humanos. A pesar dos avances lexislativos e sociais alcanzados, millóns de mulleres en España, do mesmo xeito ca no resto do mundo, continúan sufrindo violencias de xénero nas súas diversas manifestacións. Segundo a Macroenquisa de violencia contra a muller 2019, un 11 % das mulleres residentes en España –máis de dous millóns– sufriu violencia física por parte dunha parella ou exparella, e un 40,4 % –máis de oito millóns– foi vítima de acoso sexual ao longo da súa vida. Estas cifras evidencian a magnitude e a persistencia dunha realidade estrutural que interpela o conxunto da sociedade e que require unha resposta firme, coordinada e sostida no tempo, con base científica e con criterios técnicos e persoal experto. Neste contexto, preocupa especialmente a crecente visibilidade de sectores sociais que cuestionan os avances en prol da igualdade e a difusión de discursos negacionistas promovidos por algúns sectores políticos que cuestionan a existencia mesma das violencias de xénero.

Segundo o informe Mocidade en España 2024, obsérvase un preocupante descenso no apoio ao feminismo e á igualdade de xénero entre a poboación nova (15-29 anos). A percepción da violencia de xénero como un dos problemas sociais máis relevantes tamén experimentou un descenso significativo entre a mocidade. Este retroceso evidencia o impacto dos discursos negacionistas, carentes de todo rigor científico. Por conseguinte, resulta imperativo fortalecer a educación na igualdade de xénero, a non discriminación en todas as súas formas, os dereitos humanos e o pensamento crítico, e impulsar a transferencia dos contidos das investigacións académicas rigorosas realizadas con perspectiva de xénero nas nosas universidades. Resulta necesario, así mesmo, avanzar na integración da perspectiva interseccional, a cal, segundo a normativa universitaria vixente, é esencial, xunto ao enfoque de xénero, para construír unha sociedade e, polo tanto, unha comunidade universitaria verdadeiramente igualitaria, inclusiva, diversa, segura e coidadosa con todas as persoas. Esta aproximación permite recoñecer a diversidade de experiencias e actuar contra as violencias e discriminacións interrelacionadas que sofren as mulleres pola súa cor de pel, relixión, procedencia, orientación sexual e expresión de xénero, idade, clase, discapacidade ou outras condicións ou características persoais.

Neste contexto, as unidades de igualdade tamén vemos con preocupación como as violencias dixitais se expandiron e normalizaron entre a mocidade universitaria. Estamos ante un momento de transformación social moi profunda, cunha irrupción e mal uso da tecnoloxía nalgúns casos, que fixo aflorar as mesmas violencias sistémicas existentes na sociedade, pero desde hai un tempo, dentro do mundo dixital. O anonimato e a falta de desconexión temporal (as violencias poden producirse ao longo das 24 horas do día, repetidamente), provocan unha violencia extrema cara ás persoas que sofren este tipo de agresións sexistas.

Este ano, en que conmemoramos o 30.º aniversario da Plataforma de Beijing –un fito fundamental para o feminismo na loita polos dereitos das mulleres e nenas, a esixencia de igualdade de xénero e o equilibrio das estruturas de poder mundialmente– as unidades de igualdade da RUIGEU consolídanse como estruturas básicas da LOSU. O seu labor é esencial para a sensibilización, prevención, formación e incorporación transversal da igualdade no desenvolvemento das políticas universitarias. Precisamente por isto, consideramos absolutamente inadmisible que, a día de hoxe, aínda existan unidades de igualdade que non reciban os fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero transferidos ás comunidades autónomas. Non se pode permitir que a resposta institucional ante unha vulneración tan grave dos dereitos humanos se vexa paralizada ou minguada polo negacionismo político. Fronte á violencia, nin un paso atrás.

As universidades que asinan o manifesto forman parte da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero das Universidades Españolas para a Excelencia Universitaria (RUIGEU).​​​​​

17 de novembro de 2025, ás 12.00 horas
Aula Magna Concepción Arenal. Edificio Xurídico-Empresarial. Campus de Ourense.
En directo pola canle 2 da UVigoTV​​​​

Instituto de Xustiza e Xénero

  • Xornadas 25N
    En colaboración co Ilustre Colexio de Avogacía de Ourense.
    Os días 13 e 25 de novembro, en formato híbrido, no salón de graos da Facultade de Dereito e a través de Campus Remoto

Facultade de Educación e Traballo Social

Vicerreitoría de Internacionalización

Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo

  • Encontro literario As tolas que non eran
    24 de novembro, ás 16.30 h
  • Proxección e coloquio El jefe e A entrevista
    25 de novembro, ás 18.00 h

Facultade de Filoloxía e Tradución

  • 26N Faladoiro-recital A invisibilidade das mulleres na cultura, coa poeta e editora Branca Trigo
    Ás 11.00 h, na aula 6 da Facultade de Filoloxía e Tradución 
    Organizado polo sindicato de estudantes Fervenza 

Escola Universitaria CEU de Maxisterio de Vigo

Facultade de Dirección e Xestión Pública

  • Lectura do poemario Cando a choiva xa non molla, de Andrés Cernadas
    25 de novembro, ás 12.30 h, na ágora da Facultade de Dirección e Xestión Pública e tamén no salón de graos en remoto para o alumnado da modalidade virtual

 

 

Máis información:

Unidade de Igualdade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 419​
​​​​​​igualdade@uvigo.gal

Instagram