25 N

Día Internacional contra a Violencia de Xénero

UVigo - Igualdade 23/11/2020

 

A violencia contra as mulleres polo feito de ser mulleres é un feito social que impregna as sociedades do século XXI, tanto fóra de liña coma en liña. Esta realidade criminal e condeable ademais está a perpetuar a orde política patriarcal sinalando os poderes e os privilexios da masculinidade fronte á feminidade. Precisamos dunha nova pedagoxía igualitaria que favoreza un novo contrato sexual a través da senda dos afectos que traballe a favor da equidade e dos dereitos humanos.

Co gallo da celebración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a Universidade de Vigo convoca a súa comunidade a participar nos dous minutos de silencio polas vítimas. O acto desenvolverase o 25 de novembro, ás 12.00 horas, diante do edificio Ernestina Otero.
 

As unidades de igualdade que conforman a Rede de Unidades de Igualdade de Xénero das Universidades Españolas para a Excelencia Universitaria (RUIGEU) emiten cada ano un comunicado conxunto para celebrar o Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres:

Manifesto de CRUE Universidades Españolas pola eliminación da violencia contra a muller

Madrid, 25 de novembro de 2020

Na Declaración sobre a eliminación da violencia contra a muller, en 1993, Nacións Unidas definíaa como «todo acto de violencia con base na pertenza ao sexo feminino que teña ou poida ter como resultado un dano ou un sufrimento físico, sexual ou psicolóxico para a muller, así como as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se producen na vida pública como na privada». Sen dúbida, a violencia contra as mulleres é a expresión máis dramática da desigualdade de xénero no mundo e, desde a IV Conferencia Mundial sobre a Muller celebrada en Pequín en 1995, está considerada como un dos principais temas de preocupación mundial que tanto a normativa internacional como a europea e a estatal foron incorporando. As violencias contra as mulleres son tamén unha ameaza para a saúde pública mundial e, en condicións de emerxencia como a actual pandemia covid-19, tenden a aumentar. Ante estas circunstancias, as universidades deben poñer énfase en facer visible a persistencia das violencias e en paliar o seu impacto.

As aulas e os campus universitarios, como espazos de relación, son o reflexo da sociedade na que se desenvolven, e traballamos cada día para que nelas non se reproduzan as diferentes formas de violencia, desigualdade e discriminación, consecuencia das relacións asimétricas de poder entre homes e mulleres. Se temos en conta que unha grande parte das agresións non se denuncia, o que contribúe a unha falsa percepción sobre o puntual ou esporádico do problema, os gobernos universitarios non o minimizamos. Visibilizar a persistencia das devanditas violencias e actuar de forma contundente contribúe á erradicación destas conductas.

Os equipos de goberno das universidades esforzámonos en chegar a toda a comunidade universitaria para que interiorice a nosa postura contra as violencias machistas. Loitamos contra o descoñecemento das estruturas de apoio á disposición da persoa que sofre unha agresión machista e contra a normalización das condutas sexistas, o sentimento de culpa e o medo a denunciar das vítimas. Tamén corriximos, na medida das nosas posibilidades, a falta de mentoras ou de acompañantes e tratamos de axilizar uns procedementos de excesiva complexidade, conscientes de que tanto a hostilidade do agresor e do seu entorno como os efectos perversos que a denuncia pode implicar na carreira profesional ou académica da vítima axudan á invisibilización deste tipo de violencias no seo das universidades. Avanzamos moito, pero somos conscientes de que aínda quedan moitas cousas que mellorar.

O compromiso firme e contundente nas declaracións institucionais contra a violencia machista, a formación e a sensibilización na materia para todo o persoal que traballa nas universidades, especialmente a formación específica das persoas que integren as comisións derivadas dos protocolos de actuación ante o acoso sexual e por razón de sexo, son instrumentos esenciais para loitar contra as violencias machistas dentro das universidades. Igualmente importantes son a difusión e a proxección do traballo das unidades de igualdade como estruturas universitarias orientadas a loitar contra as agresións machistas e os protocolos de actuación fronte ao acoso sexual e por razón de sexo sinxelos e con procedementos áxiles e non disuasorios nin revitimizadores para quen sufra unha agresión desta natureza.

Para isto é imprescindible que as universidades dispoñan de recursos humanos e materiais suficientes e permanentes, resultado dunha distribución equitativa e racional dos recursos do Pacto de Estado (acción oitava), que faciliten a realización de estudos e de informes de impacto dos diferentes indicadores de acoso e agresións no seu ámbito de competencia. 

As universidades somos xeradoras e transmisoras de coñecemento e de valores e asumimos a nosa responsabilidade como referentes sociais no compromiso de facer efectivo o principio de igualdade e a erradicación das violencias contra as mulleres. Non dar as costas á realidade é o primeiro paso. Para as universidades, contribuír a un mundo máis xusto é tanto un reto coma un deber inescusable.  


Pílulas de igualdade

Co gallo do 25N, a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo receita algunhas “pílulas de igualdade”. O obxectivo é a prevención da violencia machista e a sensibilización ao estudantado sobre o uso inaxeitado das novas tecnoloxías, con especial fincapé na exercida a través das redes sociais nas súas diferentes vertentes (stalking, sexting, grooming etc.). Como telón de fondo, os estereotipos e as violencias contidas nos mass media e na cultura mainstream.

Axúdanos a espallalas!

Non sexas cómplice

Para acabar coa violencia contra as mulleres no ámbito dixital todos debemos actuar. Non sexas cómplice!

Estamos observándote

A violencia contra as mulleres é algo estrutural e simbólico e as redes sociais son un ámbito onde se están concentrando.

Slutshaming 

Criticar, culpabilizar e sinalar as rapazas por portarse de xeito percibido como promiscuo ou fóra dos roles de xénero, o que se penaliza sen o seu consentimento. O que pasa na festa, queda na festa ;-)

Cultura da violación

Este termo fai referencia ás formas nas que a sociedade culpa as vítimas e normaliza a violencia sexual, desde as formas máis sutís (micromachismos, abusos...) ás máis explícitas (maltrato, violación, asasinato...) hai unha serie de chanzos que non debemos consentir. Non mires para outro lado!

Control

Controlar o que fai a túa parella nas redes sociais, preguntar por que lle deu Gústame a alguén ou por que puxo unha foto en biquini... Non é controlar en igualdade.

Tamén houbo mulleres!

Ao mellor non veñen nos libros nin no temario, pero tamén houbo mulleres científicas con mentes brillantes que contribuíron a grandes achádegos e foron silenciadas por razón de xénero. Sexas profe ou estudante, animámoste a buscalas e reivindicalas.

Sexting

Difundir entre outras persoas imaxes con contido erótico que alguén che enviou a ti e só a ti está castigado pola lei. Non sexas chungo!


 


Opinións e actitudes dos homes da comunidade universitaria ante as violencia contra as mulleres



A Comisión Europea e o Instituto da Muller

A Comisión Europea e o Instituto da Muller comparten o firme compromiso para erradicar a violencia contra as mulleres derivada do sistema patriarcal mediante estudos, accións, campañas de sensibilización e actividades en xeral. Estas son algunhas delas:

Máis información:

Unidade de Igualdade
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 419​
​​​​​​igualdade@uvigo.gal

Instagram