Xornada internacional interuniversitaria: Democratizar os coidados. A masculinidade con perspectiva de xénero
Durante a maior parte do século XX, nas parellas heterosexuais, o modelo dominante para o home era o do breadwinner, é dicir, o rol do provedor económico principal da familia. Mentres a muller, pola súa banda, debía asumir o rol de coidadora principal. Dous roles de xénero diferenciados e con recoñecemento e implicacións desiguais para as vidas de mulleres e homes.
Nos modelos emerxentes, co aumento na incorporación das mulleres ao mundo laboral extradoméstico, os homes lentamente, e motivados polas necesidades das unidades de convivencia, empezan a introducirse no ámbito doméstico e nas tarefas de coidados necesarias para a reprodución da vida. De acordo con Nancy Fraser (2012) neste proceso deberiamos chegar ao denominado «coidador[a] universal», un modelo que presupón que todos os traballos recoñecen que tanto os homes coma as mulleres teñen responsabilidades de coidados.
Mais parece que este modelo aínda está lonxe. Hoxe en día, as mulleres seguen asumindo máis as tarefas e dos traballos de coidados. Por iso tócanos reflexionar sobre a implicación dos homes e promover a súa participación. Por unha banda, dándolles visibilidade a aqueles que coidan, como referentes necesarios, e por outra banda, analizando as barreiras políticas, sociais e culturais que dificultan esta corresponsabilidade, e que que teñen que ver cos mandatos da socialización masculina patriarcal. Por iso, iniciativas como o Plan corresponsables son tan importantes para reducir as fendas de coidados e avanzar na igualdade de xénero.
De feito, o vínculo entre as fendas de coidados e as violencias machistas sinálase en traballos como o feito en Noruega por Øystein Gullvåg Holter (2007) ou no das expertas Bakea Alonso e Beatriz Ranea (2023). Esta hipótese de que, nos fogares onde existe unha maior corresponsabilidade nos coidados entre mulleres e homes se producen menores niveis de violencia de xénero, xa se está a desenvolver en proxectos como PARENT (Envolvendo Homes na Paternidade, Coidados e Saúde Materno-Infantil) que foi implementado e avaliado en diversos contextos mundiais e vinculado ao equipo do observatóriomasculinidades.pt do CES de Coimbra.
En definitiva, o obxectivo desta xornada internacional deseñadas e impulsadas desde os servizos de igualdade da Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo, co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, a través dos fondos do Plan corresponsables, son as masculinidades coidadoras (caring masculinities), que poñen en valor o traballo dos coidados e tratan de crear as posibilidades para fomentar que os homes se impliquen activamente neles.
Esta actividade de formación, reflexión e debate terá lugar os días 30 de setembro e 1 de outubro, en horario de tarde. As prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición.
Asistencia presencial
Sala 1 do Edificio Redeiras da Universidade de Vigo (Praza do Berbés,11, 36202 Vigo)
Accede ao formulario para facer a solicitude aquí.
Asistencia virtual
Se queres participar virtualmente, podes seguir as xornadas en directo na seguinte ligazón.
Máis información:
Unidade de Igualdade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 419
igualdade@uvigo.gal