O GALEGO, O TEU SUPERPODER NA UNIVERSIDADE

Agora é o momento! O galego xa é teu

UVigo - ANL 10/09/2025

Comezar a universidade é abrir unha nova etapa chea de retos, aprendizaxes e experiencias que marcarán a vida persoal e profesional de cada estudante. Neste camiño, a lingua galega tamén quere estar presente como unha ferramenta única para crear comunidade, compartir coñecemento e construír futuro.

Coa campaña «Agora é o momento! #OGalegoXaÉTeu», as tres universidades galegas en colaboración coa Secretaría Xeral de Lingua da Xunta de Galicia animan o estudantado a observar o galego como un superpoder que xa leva consigo, algo propio, valioso e capaz de abrir portas. A iniciativa busca conectar coa nova xeración que chega por primeira vez á universidade e que se encontra diante dun mundo novo de oportunidades.

O galego, o teu superpoder na universidade

A campaña inspírase no imaxinario cinematográfico e no ton épico das grandes estreas para transmitir unha mensaxe clara: falar galego é apostar pola identidade, pola diversidade e pola proximidade. Os materiais inclúen vídeos, carteis, adhesivos e accións en redes sociais pensados especialmente para un público novo, cun ton fresco e motivador.

O uso do galego na universidade non só fortalece a cultura propia, senón que tamén contribúe a xerar espazos máis inclusivos, onde todas as persoas poidan expresarse e sentirse parte dunha comunidade. O galego convértese nunha lingua de benvida, de encontro e de futuro.

Coa campaña «Agora é o momento! #OGalegoXaÉTeu» queremos lembrar que cada persoa chega á universidade coa oportunidade de iniciar un novo momento vital. Agora é o momento de amosar ese superpoder que xa levamos dentro.

 

Máis información:

Área de Normalización Lingüística
Edificio Newton
Facultade de Filoloxía e Tradución
As Lagoas, Marcosende
+34 986 813 574
anl@uvigo.gal