Plan de sostibilidade da Universidade de Vigo
A Universidade de Vigo aposta polo uso responsable de enerxías limpas

O obxectivo do Plan de sostibilidade da Universidade de Vigo (Plan Suvi) é mellorar a eficiencia enerxética e reducir a pegada de carbono da Universidade de Vigo, para favorecer a transición a unha economía baixa en carbono e a xestión intelixente da enerxía, a través de actuacións divididas en dous eixes fundamentais:
- As instalacións de xeotermia en Ourense, de biomasa en Pontevedra e fotovoltaica nos edificios de todos os campus.
- A concienciación en mobilidade.
A pegada de carbono da UVigo ascende a 22 443 toneladas anuais, 0,99 por persoa. O 49,2 % desta pegada deriva do seu funcionamento e, dentro dela, o 18,7 % provén do consumo eléctrico que, actualmente, equivale a 4197 toneladas de emisións. O outro 49,8 % da pegada da universidade corresponde á mobilidade.
Enerxías renovables
O primeiro punto clave das actuacións para mellorar a sostibilidade da Universidade de Vigo consistiu na instalación de diferentes sistemas de enerxías renovables nos tres campus.
No de Pontevedra, a primeira «actuación global» do Plan Suvi foi a instalación de placas fotovoltaicas, cunha potencia de 100 kW e de 78 kW, respectivamente, no caso das facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e de Ciencias da Educación e do Deporte. A redución de emisións derivada destas actuacións corresponde a 95 toneladas de dióxido de carbono ao ano.
A esta actuación súmase a posta en funcionamento do district heating. Cunha potencia de 2 MW, esta rede de produción e de distribución de calor dálles servizo ás facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e de Ciencias da Educación e do Deporte e permite limitar a emisión de cerca de 245 toneladas de CO2 á atmosfera.
No campus de Ourense, a instalación fotovoltaica realizouse no Edificio Politécnico. Cunha potencia nominal de 80 kW, a redución de dióxido de carbono asociada é de 53 toneladas ao ano. Ademais, no Edificio de Ferro desenvolveuse unha instalación térmica híbrida para cubrir gran parte da demanda enerxética do edificio e reducir 391 toneladas de CO2 ao ano. A antiga instalación empregaba dúas caldeiras de gasóleo, sete climatizadoras e dous enfriadores para a súa climatización. A instalación actual de 500 kW está formada por cinco bombas de calor auga-auga, 32 pozos de 140 m de profundidade e 4 pozos de 130 m, situados nos xardíns que rodean o edificio e tres unidades de aerotermia de 25 kW na cuberta.
No campus de Vigo, cos paneis fotovoltaicos situados no edificio do Cintecx, no CACTI, nas sedes da cidade e das Lagoas, Marcosende da Escola de Enxeñería Industrial e na Escola de Enxeñería Industrial (Sede Campus) e na Escola de Enxeñaría de Minas, conseguiuse reducir 1038 toneladas de CO2 ao ano.
Coas instalacións de enerxías renovables (fotovoltaica, de xeotermia e de biomasa) postas en marcha durante os últimos anos, a UVigo conseguiu reducir un 8,12 % a súa pegada de carbono, cun aforro anual de 1821 toneladas de emisións.
O obxectivo é continuar na senda cara á sostibilidade con novas instalacións fotovoltaicas de autoconsumo para diferentes edificios do campus de Vigo (edificios Olimpia Valencia e de Ciencias Experimentais) e do campus de Ourense (edificio de Ferro), cunha redución esperada de 147 toneladas de dióxido de carbono ao ano.
Na mesma liña, planificáronse as instalacións fotovoltaicas de autoconsumo para a Escola de Enxeñaría Forestal (Pontevedra), a Facultade de Dereito (Ourense) e a Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións (Vigo), así como a instalación dun inversor independente na instalación fotovoltaica do edificio do Cintexc (Vigo). A redución da pegada de carbono destas actuacións será de 75 toneladas de dióxido de carbono ao ano.
Finalmente, dentro deste proxecto, idéase instalar un aeroxerador de mediana potencia para o autoconsumo que axudaría a aforrar 89 toneladas de CO2 ao ano e fomentar a creación de pérgolas fotovoltaicas nos diferentes aparcadoiros universitarios.
Eficiencia enerxética
Ademais de reducir a dependencia enerxética mediante o autoabastecemento con enerxías limpas, o Plan Suvi pretende a mellora da eficiencia enerxética das súas instalacións.
Para conseguilo, fixéronse unha serie de melloras na climatización e na iluminación da biblioteca central do campus Vigo.
Tamén se levaron a cabo a renovación de caldeiras e a climatización da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais (Vigo), a renovación LED e distintas melloras enerxéticas no edificio Filomena Dato.
Para poder facer un control e unha análise da enerxía consumida polos diferentes centros universitarios, desenvolveuse unha plataforma común de monitorización de consumo e de xeración de enerxía (de todo tipo de combustibles), que permite facer avisos, previr avarías e descargar os históricos de datos para analizalos.
Desa maneira poderase caracterizar dunha forma precisa todas as instalacións e focalizar os esforzos para reducir consumos e mellorar a eficiencia das áreas de maior demanda enerxética.
Finalmente, para conseguir unha optimización do aproveitamento enerxético e económico das instalacións de xeración eléctrica mediante fontes renovables en réxime de autoconsumo, proponse crear comunidades eléctricas nos campus de Vigo e de Ourense para que os excedentes de xeración de enerxía fotovoltaica poidan compensar o consumo de electricidade doutros centros.
Programa de medidas para fomentar o aforro e a eficiencia enerxética
A Universidade de Vigo leva anos apostando de forma decidida polas enerxías renovables e a eficiencia enerxética, para lograr con iso unha importante redución do impacto que a súa actividade ten sobre o medio ambiente e unha menor exposición ó incremento de prezos da enerxía. Nesta liña, o Consello de Goberno aprobou o 20 de xuño de 2024 o Programa de medidas para fomentar o aforro e a eficiencia enerxética que ten o obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética e a redución da pegada de carbono.
Mobilidade
O transporte é un dos sectores que xera un maior volume de gases de efecto invernadoiro e, para reducilos, fixéronse unha serie de actuacións dentro do Plan Suvi.
A primeira delas é a adquisición de novos vehículos, con menos emisións, para a substitución daqueles máis antigos que se retiraraon da circulación.
Outro dos puntos máis importantes é fomentar unha mobilidade máis sostible entre o persoal fomentando o uso de autobuses e de vehículos compartidos.
No campus de Vigo o persoal dispón dun servizo propio de autobús para desprazarse ata As Lagoas, Marcosende.
Ademais, Ourense, Pontevedra e Vigo contan cunha rede de autobuses urbanos con varias rutas que chegan ata os campus universitarios e, para os desprazamentos desde fóra dos cascos urbanos, existen conexións co resto de cidades próximas, tanto en autobús como en tren.
Finalmente, para fomentar a utilización de vehículos eléctricos e coñecendo as limitación de encontrar puntos de recarga accesibles para as persoas usuarias, instaláronse puntos de recarga nos aparcadoiros dos tres campus.
Redución de Co2
O transporte é un dos sectores que xera un maior volume de gases de efecto invernadoiro e, para reducilos, fixéronse unha serie de actuacións dentro do Plan Suvi.
A primeira delas é a adquisición de novos vehículos, con menos emisións, para a substitución daqueles máis antigos que se retiraraon da circulación.
Outro dos puntos máis importantes é fomentar unha mobilidade máis sostible entre o persoal fomentando o uso de autobuses e de vehículos compartidos.
No campus de Vigo o persoal dispón dun servizo propio de autobús para desprazarse ata As Lagoas, Marcosende.
Ademais, Ourense, Pontevedra e Vigo contan cunha rede de autobuses urbanos con varias rutas que chegan ata os campus universitarios e, para os desprazamentos desde fóra dos cascos urbanos, existen conexións co resto de cidades próximas, tanto en autobús como en tren.
Finalmente, para fomentar a utilización de vehículos eléctricos e coñecendo as limitación de encontrar puntos de recarga accesibles para as persoas usuarias, instaláronse puntos de recarga nos aparcadoiros dos tres campus.
Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade
Edificio Exeria
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 440
vicplan@uvigo.gal




