Voluntariado
Segundo as inquedanzas da comunidade universitaria, contamos nos tres Campus da Universidade de Vigo cun programa de voluntariado que lles permite aos seus membros (estudantado, PTXAS e PDI) destinar parte do seu tempo á acción solidaria. Esta acción, totalmente altruísta, pódese canalizar a través dunha variedade de ámbitos de actuación para dar resposta ás necesidades, problemas e intereses sociais que presentan determinados colectivos da nosa contorna máis próxima.
O programa de voluntariado da UVigo depende da Vicerreitoría de Extesnión Universitaria e está organizado polo Servizo de Xestión da Extensión Universitaria.
Obxectivos
- Promover a integración do alumnado propio na realidade social e universitaria como parte fundamental da súa formación integral e complemento necesario dos seus coñecementos académicos.
- Fomentar a participación dos membros da comunidade universitaria en actividades voluntarias, que desexen encarreirar as súas inquedanzas sociais, cooperativas e solidarias.
- Difundir entre a comunidade universitaria información sobre as actividades de carácter social desenvoltas por ONG, institucións e fundacións, en especial as que desenvolven a súa actividade nas localidades nas que se atopan os campus da Universidade de Vigo.
- Propiciar e colaborar no desenvolvemento de estudos e traballos sobre temas relacionados co voluntariado e coa problemática social da contorna.
Como ser voluntario/a
Se queres participar no voluntariado universitario tes que ser membro da comunidade e, en virtude da túa decisión persoal, libre e altruísta, participar en calquera proxecto mediante unha entidade de acción voluntaria.
Como alumnado tes dereito ao recoñecemento de créditos ECTS por compartir horas do teu tempo. Podes validar 30 horas de voluntariado por 1 crédito ECTS.
Que tes que facer?
- Tes que elixir o proxecto ou o programa no que queres incorporarte como voluntario/a.
- Poñerte en contacto coa entidade colaboradora ou co servizo ou coa área da Universidade de Vigo onde queres incorporarte para coñecer o horario, o lugar e todo o que necesites saber.
- Unha vez que tes clara a túa incorporación nunha acción de voluntariado, tes que inscribirte nun programa de voluntariado onde aparecen todos os proxectos en vigor, selecciona no que estás interesado e inscríbete.
- Cando o voluntariado se leve a cabo con menores é preciso que nos achegues un certificado negativo de delitos de natureza sexual. Na páxina do Ministerio de Xustiza explícache que é e como tramitalo.
Se tes calquera dúbida, podes porte en contacto co Servizo de Xestión da Extensión Universitaria por correo electrónico voluntariado@uvigo.gal.
Proxectos da UVigo
Podes escoller un proxecto de voluntariado entre os que temos como propios ou con diversas entidades colaboradoras da contorna.
Proxectos da Xunta de Galicia
A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, en colaboración coas universidades da Coruña, de Santiago de Compostela e de Vigo, pretende favorecer a difusión da información xuvenil entre o alumnado dos campus universitarios a través do programa Correspondentes universitarias/os.
Adhesión de entidades
As entidades sen ánimo de lucro, legalmente constituídas e dotadas de personalidade xurídica que desenvolvan programas ou proxectos de voluntariado no marco das áreas de interese xeral poderán beneficiarse de persoal voluntario, inscrito na Universidade de Vigo, mediante a súa adhesión para o desenvolvemento de actividades de interese xeral (servizos sociais, persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial, saúde, toxicomanías, medio ambiente, educación, cultura, ocio e tempo libre, consumo, defensa dos dereitos, infancia, xuventude, muller, persoas maiores, cooperación internacional e calquera outra que responda á natureza e fins da actuación do voluntariado).
Os servizos ou áreas da Universidade de Vigo tamén poderán beneficiarse do persoal voluntario, inscrito na Universidade de Vigo, mediante a súa adhesión para o desenvolvemento de actividades de interese xeral.
As entidades deberán asinar un convenio de colaboración e unha addenda onde se especifica o proxecto de voluntariado. Se desexan colaborar en varios proxectos ou programas, deberán asinar unha addenda por cada un deles.
- Convenio de colaboración para o desenvolvemento de programas de voluntariado
- Addenda-anexo ao convenio de colaboración para o desenvolvemento de programas de voluntariado
Para máis información, podes contactar con:
Campus de Vigo
Sección de Extensión Universitaria
+34 986 813 626
voluntariado@uvigo.gal
Campus de Ourense
Área de Servizos á Comunidade
+34 988 387 102 | 988 387 089
asc-ou@uvigo.gal
Campus de Pontevedra
Área de Servizos á Comunidade
+34 986 801 949 | 986 801 955
asc-po@uvigo.gal