O novo portal institucional: un proxecto colectivo

A dimensión dos cambios en comunicación e servizos dixitais que está a acometer a Universidade de Vigo fan deste labor, por forza, algo coral: Empresas de deseño, de comunicación e de informática, persoal PAS e PDI, membros do goberno da institución e en xeral todas as persoas que dun xeito ou outro participamos na posta en marcha das novas ferramentas e webs, somos os responsables do resultado final. É un traballo de equipo, un logro colectivo produto do conxunto da comunidade universitaria.

Hai tempo que non facíamos publicación ningunha. Absorbeunos o reto de ter dispostas as aplicacións e os contidos para lanzar o novo portal institucional, mais co compromiso do proxecto Conectamos, todo o feito puido verse e valorarse desde o outono, cando a páxina novo.uvigo.gal foi pública. A partir dese momento un bo número de persoas enviaron as súas propostas e correccións, axudándonos a facer un produto mellor. Queremos aproveitar este artigo para dar as grazas a toda a xente que botou unha man, polo seu tempo e esforzo intelectual.

Presentación e publicación o martes 15 de maio

E aquí estamos, coa versión en galego do novo portal institucional publicada de forma oficial. Un fito que non hai que entender coma un punto final, xa que o portal é un paso máis nos cambios que afectan á forma de traballar, á universalización das aplicacións de xestión e á conexión destas coa web –de xeito que o compromiso de dato único e o non ter que meter dúas veces a mesma información sexa efectivo–, así como ao estilo e ton co que nos presentamos publicamente. É un chanzo máis no percorrido de conseguir unha comunicación e un acceso aos servizos máis eficiente.

Publícase agora a web porque xa acadou un estado de madurez que así o permite. O portal é un ente dinámico, un espazo vivo que continuará crecendo e cambiando polo que hai que entender que nunca estará rematado. Esta é unha web en beta, que é como se denominan as que van continuar transformándose e a nosa idea é que siga así, nova e fresca coa axuda de toda a comunidade.

Polo momento algunhas partes da web actual non estarán dispoñibles e activas no novo portal. Por iso, e só durante un tempo, coexistirán a web antiga e a nova, especialmente cando haxa algo dunha certa importancia que por cuestións técnicas aínda non puido ser migrado. Nestes casos fixemos que as páxinas remitan á localización anterior, de xeito que en ningún momento falte nada esencial.

A enorme cantidade de información e a complexidade da solución pode  facer que haxa algún mal funcionamento ou dificultades para atopar algo. Por iso solicitamos a túa comprensión e axuda, avisándo de calquera eiva ou erro que atopes.

Axúdanos a mellorar!

Avísanos de erros, datos incompletos, falta de información, problemas de navegación ou calquera outra cuestión que axude a conseguir unha mellor web e a contar cuns contidos máis completos e útiles.

BÓTANOS UNHA MAN

 

Comunicar mellor e achegar servizos máis eficientes, un camiño en man común

Como dicimos na entradiña, este foi e é un proxecto coral. A rede de editores e editoras é tan ampla que non imos facer unha lista detallada. Paga a pena saber que cada unha das seccións que compoñen a web –A Universidade, Estudar, Investigar, No Campus e Ven á UVigo– é responsabilidade dunha ou dúas persoas. No caso das seccións máis amplas como A Universidade ou No Campus, estes editores contaron con outras persoas con responsabilidade en apartados concretos. Casos como Calidade, Biblioteca, Emprego, Igualdade ou Lingua entre outros, están nesta situación.

Este conxunto de editores e editoras, PAS, PDI e persoal externo, máis de 40 persoas en total, traballan desde o comezo de ano para chegar a esta primeira fase da publicación do Portal. Queremos que agradecer publicamente o seu esforzo –moitas veces máis aló do horario laboral– e o alto nivel acadado no traballo realizado.

Seguimos.

 

Deixa un comentario