Underwater Cinema Week
A XXXIII Semana de Cine Submarino Universidade de Vigo terá lugar do 18 ao 20 de novembro no auditorio do teatro Afundación en Vigo

A organización e a coordinación da Semana de Cine Submarino amosa o firme compromiso da Universidade de Vigo polo estudo e pola preservación do mar, manifestado acotío a través da docencia e da investigación nas facultades de Bioloxía e de Ciencias do Mar, na Ecimat e no campus de excelencia internacional Campus do Mar.
A Semana de Cine Submarino está aliñada co obxectivo 14 da Axenda 2030, relativo á conservación dos océanos, mares e recursos mariños de xeito sostible. O evento con coa colaboración de Afundación Obra Social Abanca.
Programa
Martes 18 de novembro
O océano non é noso
Galicia: 4 min. Galego
Ano: 2023
Un filme de Lara González e Xaime Beiro
Voz: Mariña Lestón
Audio: Rubén Carregal
Sinopse
Un vídeo sobre o mar, sobre a súa importancia esencial para a vida e a cultura. Sobre a pegada que deixa en nós, pero lembrándonos que non nos pertence, que só somos convidados.

Vídeos do Instituto Balear de Estudos en Arqueoloxía Marítima (IBEAM)
Fragile
Illes Balears: 1 min 54 s
Ano: 2021
Dirección, realización, guión, cámara e montaxe: Javier Rodríguez Pandozi
Asesoría científica/histórica: Instituto Balear de Estudos en Arqueoloxía Marítima
Produción: Instituto Balear de Estudos en Arqueoloxía Marítima
Sinopse
Fragile é un vídeo que recolle o traballo do IBEAM nas illas Baleares entre 2015 e 2022, centrado na exploración e na protección do patrimonio cultural subacuático. A través dunha linguaxe visual evocadora, mostra como baixo o mar se conservan embarcacións naufragadas romanas, estruturas portuarias e vestixios de antigas navegacións que forman parte da memoria colectiva. Con todo, a mensaxe principal é a vulnerabilidade deste legado: a erosión mariña, o impacto do cambio climático, a presión turística e o espolio póñeno en risco constante. As imaxes de mergulladores documentando xacementos e de equipos aplicando técnicas avanzadas de rexistro transmiten á vez beleza e fraxilidade. O vídeo convida a reflexionar sobre a urxencia de actuar, a entender que o que se perde baixo a auga non se recupera, e a valorar estas paisaxes mariñas como museos vivos que dependen do noso compromiso para seguir existindo.
Eivissa Depths
Illes Balears: 2 min 49 s
Ano: 2023
Dirección, realización e guión: Javier Rodríguez Pandozi
Cámara/Fotografía e montaxe: Javier Rodríguez Pandozi e José Antonio Arribas Redondo
Asesoría científica/histórica: Instituto Balear de Estudos en Arqueoloxía Marítima
Produción: Consell Insular d'Eivissa e Eivissa Preservation
Sinopse
Este vídeo é unha viaxe visual creada para dar a coñecer a extraordinaria paisaxe submarina da illa de Eivissa, un mundo oculto onde se entrelazan a beleza natural e a historia cultural. Baixo as augas desprégase un mosaico de pradarías de posidonia, arrecifes rochosos e covas somerxidas que albergan unha vida mariña vibrante, desde bancos de peixes ata enigmáticos invertebrados. Pero esta paisaxe non é só ecolóxica, tamén é profundamente histórica. Nos fondos mariños de Eivissa consérvanse pegadas de antigas navegacións, embarcacións naufragadas e restos materiais que testemuñan séculos de relación entre os seres humanos e o mar.
Combinando imaxes subacuáticas impresionantes con relatos de descubrimento e conservación, o vídeo convida o público espectador a mergullarse nunha contorna tan fráxil coma valiosa. Sublíñase a necesidade de protexer este patrimonio, á vez que se abre unha xanela a un mundo que aínda está por descubrir. O mar de Eivissa aparece, así como un museo vivo, esperando ser explorado baixo a superficie.
Ses Fontanelles Shipwreck
Illes Balears: 2 min 8 s
Ano: 2019
Dirección, realización, guión, cámara e montaxe: Javier Rodríguez Pandozi
Asesoría científica/histórica/técnica: Instituto Balear de Estudos en Arqueoloxía Marítima
Produción: Instituto Balear de Estudos en Arqueoloxía Marítima
Sinopse
Este vídeo narra a historia dun achado excepcional: unha asombrosa nave afundida romana do século III a. C., localizada a apenas trinta metros dunha das praias máis concorridas de Palma de Mallorca. Descuberta en augas superficiais, o xacemento constitúe un testemuño único do comercio e a navegación no Mediterráneo antigo. Durante o verán de 2019, o equipo de IBEAM levou a cabo a súa escavación arqueolóxica, aplicando técnicas de documentación subacuática de última xeración, desde a fotogrametría dixital ata o rexistro estratigráfico baixo a auga. As imaxes revelan un cargamento sorprendentemente ben conservado, que inclúe ánforas e outros materiais que permiten reconstruír as rutas comerciais e o contacto cultural da época. O contraste entre a vitalidade turística da praia e a silenciosa presenza deste vestixio histórico subliña a fraxilidade do patrimonio mergullado. O vídeo convida a descubrir como, baixo a superficie, permanece un capítulo oculto da historia mediterránea que require protección e valoración.

El futuro del océano
Instituto Español de Oceanografía (IEO): 52 min. Español
Ano: 2022
Produción e dirección: Mario Cuesta Hernando
Guión: Pablo Lozano e Mario Cuesta Hernando
DOP: Alberto Sáiz
Montaxe: Yago López
Son: PLayground Estudio
Sinopse
Os océanos atravesan un momento crítico para o seu futuro. Os problemas derivados da sobrepesca, a saúde dos hábitats mariños ou a contaminación requiren dunha atención inmediata. Só a ciencia pode dar resposta a esas ameazas e, por iso, a ONU declarou o Decenio das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sustentable.
En España, o Instituto Español de Oceanografía (IEO) encabeza esa misión contra o reloxo para garantir un futuro onde o océano e os seres humanos poidan vivir en equilibrio.

Mércores 19 de novembro
Vídeos e documentais premiados no CIMASUB de Donostia 2024
Duración: 70 min
O Ciclo Internacional de Cinema Submarino de Donostia-San Sebastián (CIMASUB) regresa á Semana de Cine Submarino de Vigo por oitava vez, despois da súa fantástica acollida na edición de 2024.
Esta nova sesión do CIMASUB promete ofrecer unha experiencia inesquecible para os e as amantes do océano e do cinema documental. Leva a audiencia ás profundidades do mundo submarino cunha coidada selección de curtametraxes e documentais de cineastas de todo o mundo, que destacan tanto pola calidade das súas imaxes coma polas súas mensaxes de concienciación sobre a conservación mariña.
Entre as proxeccións atópase Red Alert On Corals, que explora o papel fundamental que xogan os arrecifes de coral na biodiversidade mariña e na vida humana. Pero atópanse baixo unha ameaza crítica polo cambio climático, a pesca destrutiva e a contaminación.
Tamén se poderá gozar da curtametraxe musical Raja Ampat. The last paradise, de David Galván, onde descubriremos as augas cristalinas de Indonesia, un dos ecosistemas con máis diversidade do planeta: peixes exóticos, tartarugas mariñas e mantas entre corais de formas hipnóticas e anémonas.
Pepe Brix explora os innovadores métodos dos pescadores dos Azores e o seu compromiso para converterse na primeira pesqueira sen plásticos; pola súa banda, Shireen Rahimi lévanos de viaxe a coñecer os misterios e as marabillas dos océanos das illas Bermudas e as ameazas ás que se enfrontan.
Un diaporama coas mellores fotografías presentadas ao concurso do festival renderá tributo á beleza do noso mundo e a quen a captura con mestría, fomentando reflexionar sobre a importancia da conservación ambiental.
Remataremos cun documental de 29 minutos Nika - el calderón tropical, dirixido por José Hernández e Felipe Ravina, que amosan o exceso de explotación á que esta sometida Tenerife e a maneira nefasta en que se xestionou a illa nas últimas décadas.
É un berro ao ceo por e para a protección, conservación e defensa da fauna e dos espazos naturais desta rexión ultraperiférica onde habita a maior poboación de caldeiróns tropicais únicos no mundo.


Xoves 20 de novembro
Kallaikoi - O mar das meigas
Galicia: 4 min 33 s.
Ano: 2024
Gravación, montaxe e edición: Jorge Martínez Vázquez
Música: Lance Conrad
Sinopse
As frías augas de Galicia están bañadas polo océano Atlántico, que enche as nosas rías. Debido á predominancia dos ventos do nordeste durante o verán e á orientación das rías, prodúcese un fenómeno de afloramento de plancto que as fertiliza e enche de vida. Son augas onde habitualmente a visibilidade é reducida. Non obstante, cando os ventos do sur nos traen os tan agardados clareos, podemos gozar deste mundo onde a exuberante vida sésil dá refuxio e alimento a especies de peixes, moluscos e crustáceos, formando unha das maiores biodiversidades en augas frías de todo o mundo. Nelas habitan congros, lumbrigantes, melgachos, raias, góbidos e blénidos de todas as cores, nudibranquios, ramos de mar, esponxas, cnidarios e unha infinidade de organismos non tan coñecidos coma os seus parentes tropicais.

Un Xavi
Galicia: 3 min 12 s. Galego
Ano: 2024
Un filme de Lara González e Xaime Beiro
Voz: Mariña Lestón
Audio: Rubén Carregal
Sinopse
Unha homenaxe a esas persoas que nos transmiten a súa paixón polo mar, a esa figura que todos temos presentes nas nosas vidas e que en maior ou menor medida nos axudou a entender o mar. En memoria do noso gran amigo Xavi Safont.

Wild Life - Migrations
Galicia: 4 min.
Ano: 2024
Produción, edición e imaxe: Jorge J. Candán (JJCandan Producciones)
Vídeo gañador do Campionato de España de Vídeo Submarino 2024
Sinopse
A viaxe migratoria que moitas especies realizan non se debe ao pracer de viaxar, é consecuencia dunha necesidade, a necesidade de sobrevivir, de buscar alimento ou de fuxir dos depredadores. Unha viaxe que pode ser tan difícil, tan cruel, tan salvaxe, tan humana como falta de humanidade.

O país das augas profundas
Costa Rica. 30 min
Ano: 2023
Schmidt Ocean Institute, Alex Ingle e Costa Rica descoñecida - Expedicións Octopus Odyssey e Octopus Odyssey (too)
Sinopse
Costa Rica é un país de mar profundo: o 92 % do seu territorio atópase baixo o océano, gran parte aínda descoñecido. As expedicións do Schmidt Ocean Institute, a bordo do R/V Falkor (too) e utilizando o robot submarino SuBastian, permitiron a Costa Rica, a través dos ollos do seu equipo científico local, explorar por primeira vez eses ecosistemas que comezan onde non chega a luz do sol.
Montañas submarinas, xardíns de corais e especies sorprendentes revelan a extraordinaria riqueza das súas augas frías e escuras.
Este vídeo reúne imaxes de distintas expedicións que non só xeraron descubrimentos científicos, senón que tamén fortaleceron a capacidade de investigación nacional, inspirando a novas xeracións e apoderando a Costa Rica no seu compromiso coa conservación mariña. Un retrato vivo do mar profundo costarriqueño e do futuro que podemos construír ao redor del.
O rei do arrecife das illas Cíes
Galicia: 7 min 14 s. Galego
Vídeo: Jose Irisarri
Locución: Leandro Blanco
Asesoría científica: David Villegas, Álvaro Roura e Gonzalo Mucientes
Colaboradora e vídeo: Jade Irisarri Cal
Música: «Documentary». PeacockMusic
Sinopse
O cabo de Vicos, situado na illa de San Martiño, a máis meridional das illas Cíes, é un dos escasos lugares do parque nacional das Illas Atlánticas onde aínda se pode ver o gallano (Labrus mixtus). Esta especie recibe en Galicia o nome de «rei». É un nome apropiado, pois o rechamante traxe de escamas de cor azul e laranxa do macho convérteno no «rei do arrecife».
Neste vídeo documéntase por primeira vez como o rei aprendeu unha sorprendente técnica de caza. Cando ve un polbo cazando polo arrecife, o peixe comeza a seguilo. O cefalópodo actúa como líder, mentres que o lábrido o segue, para atrapar presas que fuxan do polbo cando se aproxima. A cazaría continúa e prodúcese un cambio de roles: o rei adopta o rol de líder, indicando gretas nas que pode haber presas e captando a atención do polbo para que o siga. Cando o polbo penetra na greta que lle indica o peixe, este nada ata situarse á saída, moi atento para capturar crustáceos que escapan espavorecidos do cefalópodo.
Nos vídeos gravados vese que outro lábrido, o pinto, tamén ten un comportamento similar, e que segue os polbos mentres cazan.

Tríptico
Convidados/as
Desde o nacemento do festival, tivemos a sorte de contar coa participación de preto dun cento de especialistas convidados nos coloquios tras as proxeccións: cineastas, documentalistas e científicos que sempre contribuíron cos seus coñecementos, matices e puntos de vista a facer máis enriquecedora a experiencia do público asistente ás sesións.
Martes 18 de novembro: Rosa Figueroa
Nada en Vigo en 1974, Rosa Figueroa é investigadora no campo da ecoloxía e fisioloxía de microalgas mariñas, especializada en floracións de algas nocivas (FAN) e biotoxinas. Licenciada en Ciencias do Mar pola Universidade de Vigo, doutorouse en Limnoloxía e Ecoloxía pola Universidade de Lund (Suecia, 2005) e a súa tese foi galardoada en 2008 co prestixioso Patrick Gentien Award da Sociedade International para o Estudo das Floracións de Algas Nocivas (ISSHA).
Ao longo da súa traxectoria acumulou máis de 70 meses de estancias en centros internacionais de excelencia, incluíndo o Instituto de Ciencias do Mar (Barcelona, ICM-CSIC) en Barcelona e a Woods Hole Oceanographic Institution (EUA). Entre 2010 e 2014 traballou como profesora asociada na Universidade de Lund, onde coordinou un mestrado universitario e exerceu docencia en programas de grao e posgrao. En 2010 obtivo un contrato Ramón e Cajal e desde entón desenvolveu a súa carreira investigadora no Centro Oceanográfico de Vigo (IEO-CSIC), onde é investigadora científica.
Foi nomeada directora do Centro Oceanográfico de Vigo en xullo do ano 2023, cargo que ocupou ata o seu nomeamento actual como directora do Centro Nacional IEO-CSIC, en marzo de 2025.
Mércores 19 de novembro: David Sánchez Carretero, director do CIMASUB
David Sánchez Carretero, mergullador apaixonado polo mundo submarino, lidera desde hai unha década o Ciclo Internacional de Cinema Submarino de Donostia- San Sebastián (CIMASUB), un festival que coordina xunto á Agrupación Deportiva Subacuáticas Real Sociedade. Baixo a súa dirección, o certame consolidouse como un referente na divulgación do mundo submarino, ao achegarlle ao público a beleza e a diversidade dos océanos a través da fotografía e do cinema. Ao longo do ano, o CimasubTour percorre distintas poboacións con proxeccións, charlas e actividades educativas que buscan inspirar o respecto e a protección da vida mariña.
Ademais do seu labor no festival, David desenvolve a súa actividade como editor, cámara e realizador de curtametraxes submarinas, participando en producións premiadas e seleccionadas en festivais nacionais e internacionais. En paralelo, impulsa o seu proxecto persoal «desde dentro», onde une a súa formación en deseño gráfico, comunicación e mercadotecnia coa súa profunda conexión co mar. A través deste espazo, comparte experiencias, emocións e proxectos audiovisuais que reflicten a súa mirada máis íntima e reflexiva sobre o océano e o deporte.
Xoves 20 de novembro: Beatriz Naranjo Elizondo, investigadora de Costa Rica
Licenciada en Bioloxía pola Universidade de Costa Rica. Ocean Voices Programme Fellow (The University of Edinburgh-Nippon Foundation). Investigadora en proxectos da Universidade de Costa Rica sobre biodiversidade de mar profundo, con experiencia en ecoloxía de peixes e conservación mariña, e cun especial interese en investigación baseada en imaxes e vídeos. O seu traballo combina ciencia, tecnoloxía e participación pública para promover unha comprensión integral do océano profundo e fomentar que os datos científicos sexan accesibles e útiles para tomadores de decisións, educadores e a sociedade en xeral.
Colaborou en iniciativas internacionais e traballa para impulsar o establecemento de plataformas multidisciplinarias que fortalezan a investigación e a conservación do mar profundo en América Latina. Lidera a iniciativa «Costa Rica Desconocida», un proxecto que busca visibilizar o patrimonio mariño profundo do país a través da ciencia, a cultura e a educación, promovendo o coñecemento, a protección e o uso sostible destes ecosistemas.


Galería de carteis
Máis información:
Servizo de Extensión Universitaria
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 626
extension@uvigo.gal







