A mostra é obra de Ofelia Cardo e está comisariada por Paula Cabaleiro
A exposición 'Nada. Ninguén' fai memoria e homenaxe da resiliencia das mulleres na posguerra
Pode visitarse na Sala Alterarte ata o 9 de xaneiro de 2026
Nada. Ninguén é o título da nova exposición que desde este xoves e ata o 9 de xaneiro de 2026 acolle a Sala Alterarte do campus de Ourense. Comisariada por Paula Cabaleiro, a mostra trae a este espazo de arte contemporáneo a obra da artista Ofelia Cardo e a súa homenaxe a “tantas historias de mulleres soterradas, que foron sostén ante a soidade e o silencio, con maridos vítimas, asasinados ou prisioneiros durante esa longa noite de pedra da posguerra, cargando coa responsabilidade de sobrevivir e construír un futuro posible para as súas familias”, tal e como recolle a folla de sala da exposición. A súa proposta creativa dá continuidade ao ciclo expositivo da Sala Alterarte Mutacións Inestables, coordinado polo artista Xavier Blanco.
Implicación emocional e identitaria
Ofelia Cardo realizou estudos de Belas Artes nas universidades de Valencia e Vigo (campus de Pontevedra), é profesora na Escola de Arte Superior e Deseño Antonio Faílde de Ourense e conta cunha dilatada traxectoria de exposicións tanto individuais como colectivas. En Nada. Ninguén, sinala a comisaria da mostra, “evoca o corpo, a dor, a perda, a resiliencia, a supervivencia, a través do baleiro, da ausencia, do silencio, especialmente das mulleres”. A obra de Ofelia Cardo, detalla, presenta “unha forte implicación emocional e identitaria, un enfoque feminista na procura de xustiza social, que vertebra unha investigación persoal e minuciosa na cartografía vital da súa familia, para alumear enclaves que tantos anos ficaron soterrados na sombra”.
Segundo explica Paula Cabaleiro, a obra de Ofelia Cardo ten un marcado carácter político, entendendo a memoria histórica “como unha débeda, afondando na necesidade de reparar, reconstruír e recuperar, e sabendo que a memoria na democracia nunca vai estar libre de conflitos, senón que é a única maneira de xestionar o conflito”. Neste senso, engade, en Nada. Ninguén tamén se establece “a relevancia de trazar pontes dende as memorias propias ou individuais cara á reconstrución e necesaria salvagarda dunha memoria colectiva, reivindicando o valor das imaxes como parte dese relato”.
A través do simbólico, sinala Paula Cabaleiro, as obras de Ofelia Cardo “recollen o loito, o dó, a desesperanza, mesmo a barbarie” e "cada elemento, cada material, cada obxecto tórnase significado, esboza metaforicamente un relato sensible, impregnado de memoria e acontecemento". E así na mostra Nada. Ninguén poden verse “as puntadas do fío como sutura, a lixivia como procura da pureza, a paleta cromática da dor como noite, a vestimenta da muller como símbolo dunha educación católica patriarcal, as 'malas herbas' e o pan duro como esperanza”. A comisaria da exposición explica que Ofelia Cardo selecciona cada detalle “para trazar esa cartografía emocional propia, persoal e intransferible, mais tan colectiva e comunitaria que interpela ao público espectador de maneira punzante e ineludible, nunha exposición que latexa na fenda”. Deste xeito, indica a comisaria, a mostra preséntase como unha “sorte de homenaxe á figura da nai, da esposa, da filla, de tantas mulleres que foron sostén dunha sociedade ferida, esnaquizada, sen posibilidade de soñar cun futuro posible”.




