Día Internacional da Muller 2023

UVigo - Equality 03/03/2023

Voces, razón e avances feministas. A igualdade que nos une

O movemento feminista historicamente caracterizouse por ser un movemento colectivo, pacifista, dialogante e reflexivo de mulleres que camiñan xuntas.

Como sinala a antropóloga feminista Rita Laura Segato, «pensar en conversación, fainos xuntas», é dicir, os debates sempre foron unha constante e unha característica, sempre xuntas nas diferenzas, sempre organizadas e reivindicativas.

O 5 de outubro de 1789, miles de mulleres dos mercados de París marcharon cara ao palacio de Versalles para esixir a baixada dos prezos dos alimentos e os dereitos de cidadanía iguais ca os que reclamaban os homes. A mobilización das mulleres, desde os comezos da Revolución francesa, deu inicio a esta traxectoria de participación política organizada que coñecemos como feminismo.

En Europa, esta toma de conciencia da situación de desigualdade continuou estendéndose na procura de alcanzar dereitos políticos e acceso á educación. Entre finais do século XIX e comezos do XX, o sufraxismo uniu varias xeracións para esixir o dereito ao voto como estratexia para acceder á vida pública da que as mulleres foran excluídas. 

Nas décadas de 1960-1970, xunto a outros movementos sociais e políticos, o feminismo volve reorganizarse e amplía a súa mirada e o seu campo de acción á cultura, á familia, ao traballo e aos dereitos sexuais e reprodutivos. Paridade, dereito ao aborto e valor do traballo doméstico e corresponsabilidade foron algunhas das súas demandas que, en moitos casos, se incorporaron, con avances e retrocesos, á axenda política. 

Nos seguintes anos, o feminismo nútrese con outras perspectivas, e os seus códigos e formas de organización mudan para adaptarse ás demandas e ás necesidades de mulleres de raza, clase, contextos de vida e territorios diferentes. 

Neste momento sociohistórico participamos na chamada cuarta onda feminista, máis global e multidimensional, con mobilizacións históricas que esixen un novo contrato social a través do que poidamos crear unha sociedade máis igualitaria, xusta, pacífica e democrática.

Nos últimos séculos o movemento feminista fixo avanzar a sociedade defendendo os dereitos das mulleres, histórica e sistematicamente oprimidas e excluídas dos espazos de coñecemento e de poder. Unha revisión histórica crítica ensínanos que as mulleres só conseguiron melloras sociais cando as reivindicaron activamente. Por iso, este 8 de marzo queremos recoñecer e agradecer o impulso e a forza colectiva deste movemento emancipatorio, que conseguiu situarnos nun camiño polo que avanzar para erradicar o sexismo e as relacións baseadas na dominación.

No ámbito da universidade debémoslles estes avances ás pioneiras, que coa súa tenacidade conseguiron o acceso das mulleres ás aulas, como alumnas e tamén como docentes; ao empuxe do movemento feminista estudantil, que leva décadas transformando a desigualdade en reivindicación e dereitos; á análise crítica e reflexiva dos estudos sobre as mulleres, de xénero e feministas, un ámbito que as expertas conseguiron converter co seu traballo nun campo de estudo indispensable para alcanzar a calidade; e, tamén, ao persoal de administración e servizos feminista comprometido con avanzar cara a unha universidade máis xusta.   

Desde a Universidade de Vigo, neste contexto bélico actual, non só en Europa, senón tamén noutros lugares do mundo menos visibles, parécenos importante lembrar que o feminismo é un movemento pacifista que se compromete e que traballa na construción da paz social. Sabemos que coa unión do alumnado, PDI e PAS feministas da nosa universidade estamos a tecer un mundo máis xusto e igualitario, cada día, cada segundo, cada instante, buscando un horizonte máis amplo para máis xente.

Este breve mapa sonoro percorre algúns dos discursos e das marchas feministas máis recentes: a folga feminista do 8M de 2018, a marcha das mulleres en Suráfrica, a revolta feminista de Irán ou as afgás que reclaman recuperar a súa liberdade e o seu dereito á educación, entre outras. Que as súas voces colectivas se escoiten este 8M, que elas sexan as protagonistas. Pensar xuntas, conversar xuntas, camiñando, imaxinando e acadando un mundo xusto para a toda a humanidade.
 

 

  • Pandeiretas e aturuxo.
  • Son recollido de manifestacións do 8M (Salamanca, 2018).
  • Extracto do canto de Las Tesis «El violador eres tú» (25 de novembro de 2019, Santiago de Chile).
  • Fragmentos das protestas contra a sentenza do caso da «Manada» (España, 2018).
  • Retallo da manifestación do 8M (Vigo, 2020).
  • Mulleres afgás reclaman recuperar o seu dereito á educación (2022).
  • Parte do manifesto da marcha do 8M (Vigo, 2020).
  • Palabras da marcha que conmemorou a mobilización das mulleres sudafricanas en 1956 (9 de agosto de 2018).
  • Lema en kurdo da revolta feminista iraniana (2022).
  • Peche da intervención da deputada arxentina Gabriela Cerruti no debate polo dereito ao aborto legal, seguro e gratuíto (16 de xuño de 2018)
  • Cánticos da marcha do 8M en Guadalajara, México (8 de marzo de 2020)
  • Audios de manifestacións do 8M (España, 2018).
  • Cortes da marcha unitaria do feminismo galego (Vigo, 4 de marzo de 2018).
  • Anaco do «Chamamento ás mulleres de Estados Unidos» de Gloria Steinem (10 de xullo de 1971).
  • Batukada feminista.

A Universidade de Vigo convida a comunidade da UVigo ao acto institucional organizado para conmemorar o Día Internacional da Muller. A cita será o 8 de marzo, ás 11.00 h, na sala I do edificio Miralles. 

Programa do acto

Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

  • Xornada de escalada para mulleres 
    Data: 4 de marzo
    Horario: mañá e tarde (varias quendas en grupos de vinte persoas) 
    Lugar: rocódromo da propia facultade (pola mañá) e pavillón multiúsos da Xunqueira (pola tarde)  
    Organizado en colaboración co Clube Aromon

Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

  • Concurso de fotografía Mulle_RME +Info (envío de propostas ata o 3 de marzo)
    Cine-fórum (In)Visibilidade das mulleres STEAM 
    Data: 7 e 14 de marzo,  e 2 e 9 de maio
    Lugar: Marco 

Facultade de Belas Artes

  • Campaña de visibilización nas RRSS «8 mulleres para o 8M»: oito docentes elixen unha obra dunha artista e a comentan no Instagram da facultade explicando as razóns pola que a elixiron. Perfil da facultade @facultadebelasartes.

Área de Benestar, Saúde e Deporte

  • «A igualdade que nos une», campaña de sensibilización feita coa participación coa equipa feminina Vigo Rugby Club. O contido está accesible a través do perfil en RRSS da Área, @muversuvigo

atlantTTic- Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación

  • Campaña nas redes sociais para darlles maior visibilidade ás investigadoras do centro e a todas as mulleres nos ámbitos científico e tecnolóxico. Dispoñible na súa web e nos perfiles de @atlanttic_uvigo

Facultade de Dirección e Xestión Pública 

  • Lectura da declaración a prol da igualdade do decanato polo equipo docente e o estudantado.
    Data: 8 de marzo, ás 11:00 h
    Lugar: Ágora DXP 

Delegacións de estudantes das escolas de enxeñaría da UVigo

  • Chocolatada solidaria, os beneficios da venta serán doados á asociación MUM-Mujeres Unidas contra el Maltrato.
    Data: 8 de marzo, de 11.00 a 14.00 h
    Lugar: Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía 

Biblioteca Universitaria Rosalía de Castro

  • Mostra bibliográfica sobre a historia e as correntes do movemento feminista. 
    Datas: do 8 ao 16 de marzo
    Lugar: Entrada da Biblioteca

Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

  • Actuación dun dúo lírico, formado por dúas alumnas do Conservatorio Superior de Música de Vigo.
    Data: 8 de marzo
    Hora: 11.30 h
    Lugar: salón de actos
  • Debate «Charlando do feminismo: teito de cristal e fenda salarial», con dúas relatoras PDI da facultade (organizado polas representantes de alumnado do centro).
    Data: 8 de marzo
    Hora: 16.15 h
    Lugar: salón de actos

Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo

  • «Curtametraxes en feminino»
    Proxectaranse cinco pezas, dirixidas por mulleres sobre temas diversos, e ao rematar haberá un coloquio informal na cafetaría do centro. 
    Data: 8 de marzo
    Horario: 15.00 h
    Lugar: salón de graos

Athena (Advanced Technology Higher Education Network Alliance)

Biblioteca Central

  • Mostra bibliográfica sobre pintoras. 
    Data: do día 8 de marzo pola tarde ata o 10 de abril

Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) 

  • Mesa redonda con mulleres profesionais de recoñecido prestixio do ámbito tecnolóxico-industrial para debater sobre as perspectivas da muller en diversos ámbitos da enxeñaría, a necesidade de realizar accións de fomento de vocacións nas nenas e impulsar as carreiras profesionais das tecnólogas. 
    Data: 10 de marzo

Facultade de Filoloxía e Tradución

  • Conferencia-coloquio «Da distopía á topiaria: entender a literatura galega dende os feminismos interseccionais alén do humano». Relatora: María Reimóndez
    Data: 17 de abril
    Horario: 11.00 h
    Lugar: salón de graos

Escola de Enfermaría de Pontevedra

  • Corredor 8M.
    Baixo o lema da Deputación de Pontevedra «A nosa voz, o noso espazo, os nosos dereitos» e o da UVigo «Voces, razón e avances feministas», o alumnado da escola organiza unha actividade para elaborar pancartas que reivindican a igualdade real, denuncian as violencias machistas, dan visibilidade ao sufrimento que moitas mulleres están a vivir en moitos países do mundo e tamén aspectos relacionados coa profesión enfermeira. A continuación, as persoas participantes, xuntaranse no salón de actos alzando a súa voz e as pancartas coas súas reivindicacións.Os carteles feitos polo alumnado e o persoal do centro, vanse colgar na escola para crear un espazo propio do 8M.
    Data: 8 de marzo 

Manifesto de Crue Universidades Españolas polo Día Internacional da Muller

O 8 de marzo de 2023, como cada ano desde que a ONU o declarase un día internacional para conmemorar a loita pola non discriminación das mulleres en todo o mundo, debemos reflexionar sobre as condicións que manteñen fendas e desigualdades que limitan as mulleres no exercicio dos dereitos e das liberdades e impiden a consecución da igualdade real e efectiva entre homes e mulleres.

O lema escollido pola ONU para 2023: Por un mundo dixital inclusivo: Innovación e tecnoloxía para a igualdade de xénero interpela especialmente a quen temos responsabilidades no ámbito educativo. A Universidade é clave para un desenvolvemento tecnolóxico que permita a construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria, eliminando os nesgos de xénero no ámbito dixital e no desenvolvemento da IA, desde un pensamento crítico que amplíe o coñecemento e o acceso á tecnoloxía.

Asumimos o reto de xerar e de transferir un coñecemento libre de estereotipos e de roles de xénero, con proxectos de innovación que impulsen os valores democráticos e o uso e o desenvolvemento de tecnoloxías para a igualdade de oportunidades. Isto implica a introdución da perspectiva de xénero na docencia, a investigación e a transferencia, de forma específica e transversal. Só así poderemos contribuír a evitar que se manteñan as fendas salariais, dixitais e de calquera outro tipo, provocadas polas discriminacións múltiples que sofren as mulleres.

As mulleres apenas representan un 13 % nos estudos de enxeñaría e de tecnoloxía e un 18 % no sector laboral relacionado con estes campos. Estas disciplinas, como o resto das materias STEM, representan as profesións do futuro e son un factor clave para o progreso tecnolóxico, o desenvolvemento inclusivo e sostible e o crecemento económico. As nosas sociedades necesitan máis profesionais STEM, homes e mulleres. Para iso, cómpre combater os estereotipos de xénero, desenvolver políticas de igualdade que teñan en conta as características do ámbito tecnolóxico e fomentar a corresponsabilidade nos coidados.

No ámbito universitario e científico, estas políticas corresponden ás unidades de Iigualdade a través da elaboración e do seguimento dos plans de igualdade que incorporan accións de formación e de sensibilización, así como de corresponsabilidade nos coidados e de medidas para a erradicación de violencias contra as mulleres, entre outras accións, facendo posible transitar o camiño cara a unha educación superior en igualdade. No #8M recoñecemos e celebramos o compromiso de tantas mulleres universitarias coa igualdade, así como dos homes que fixeron súa esa loita.

Sen dúbida, é moito o percorrido, pero tamén é moito o que queda por percorrer.  Desde Crue, como organismo que representa a educación superior española, é o noso labor perseverar na tarefa de construír un mundo máis xusto e igualitario, a través da educación superior e da formación permanente. Neste #8M non podemos esquecernos de todas as nenas e as mulleres que ven coartado o seu dereito á educación e, especialmente nestes momentos, das afgás e iranianas.

Por iso, o noso compromiso é rotundo; unha vez máis, o 8 de marzo é unha oportunidade para reforzar as políticas de igualdade de xénero nas nosas universidades e centros de investigación.

Manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero das Universidades Españolas para a Excelencia Universitaria (RUIGEU)

8 de marzo de 2023

Como cada ano, a conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, convídanos a reflexionar criticamente sobre a situación de discriminación que sofren as mulleres, en todos os ámbitos e en todo o mundo, en pleno século XXI. Lémbranos tamén a necesidade de promover políticas públicas reais e efectivas para corrixir esta situación.

Este ano, a ONU reivindica a igualdade baixo o lema «Por un mundo dixital inclusivo: innovación e tecnoloxía para a igualdade de xénero». O papel da universidade, neste sentido, ten que ser clave, tanto no desenvolvemento tecnolóxico dixital coma na vixilancia de que non existan nesgos de xénero na utilización e no deseño das ferramentas de datos masivos ou da intelixencia artificial. Non podemos permitir que esas ferramentas, innovadoras e importantes para o desenvolvemento da humanidade, se convertan en espazos onde se confirmen e perpetúen os estereotipos e os roles de xénero.

Desde a RUIGEU reafirmamos o noso compromiso en facer fronte, nos ámbitos da nosa competencia, ás manifestacións de invisibilidade, discriminación e violencia contra as mulleres, incluído o ámbito dixital. Un compromiso asumido desde a responsabilidade que temos as universidades de ser un espazo crítico e científico de denuncia das discriminacións que afectan a metade da poboación, polo só feito de ser mulleres. E desde o compromiso tamén, de consolidar as universidades como motores de transformación social a favor dunha plena igualdade de oportunidades. Por isto, reivindicamos un ano máis a necesidade de garantir unha docencia universitaria con perspectiva de xénero e a súa efectiva transversalización en investigación, xestión e transferencia de coñecemento.

Só desde unha educación universitaria libre de nesgos, poderemos apoderar, efectivamente, as mulleres en todos os ámbitos da vida política, laboral e social. Desde as universidades loitamos para defender a igualdade de dereitos e de oportunidades e para combater os roles e os estereotipos de xénero, as fendas e as discriminacións que, aínda hoxe, persisten tamén no ámbito universitario. Así, un estudo realizado polo Ministerio de Universidades constata case un 11 % de fenda salarial entre homes e mulleres no sistema universitario público español, agravada nos complementos salariais, que amosan unha fenda superior ao 17 %, entre os 30 e os 40 anos. Ademais, aínda que as mulleres representan unha maior porcentaxe de persoas cun grao universitario, a súa participación en España nas carreiras CTEM é do 13 % e só representan o 18 % das traballadoras en sectores tecnolóxicos. Este é un problema que debemos resolver. Non é que queiramos mulleres nas carreiras CTEM, é que as necesitamos. Precísanse mulleres, porque a súa visión é crucial para a innovación, o progreso e o crecemento económico. Por isto, é importante non só seguir atraendo as mulleres ao ámbito CTEM e proporcionarlles referentes, senón tamén promocionar entre os homes as carreiras relacionadas cos coidados e coa educación. Só así podemos conseguir unha igualdade plena.

Nos últimos tempos, os esforzos das unidades de igualdade das universidades en materia de igualdade de mulleres e homes víronse reforzados por distintas iniciativas lexislativas, actualmente en trámite, que impulsarán as políticas de igualdade de xénero nas universidades para contribuír a corrixir as fendas salariais e de oportunidades. Estas iniciativas, consideradas globalmente, deberían fortalecer a protección xurídica das mulleres para alcanzar unha igualdade de dereitos e de oportunidades, real e efectiva. Neste sentido, celebramos que o anteproxecto de LOSU recolla a obriga das universidades de contar entre as súas estruturas básicas con unidades de igualdade de mulleres e homes e emprace as universidades a dotalas dos recursos necesarios para desenvolver as súas funcións. Recóllese unha das peticións históricas da RUIGEU e reivindicamos o seu cumprimento polas universidades e organismos competentes. Celebramos, así mesmo, a centralidade que no citado anteproxecto e noutras normas, como a Lei de convivencia universitaria, ten a prevención e a loita contra as violencias machistas e a discriminación en todas as súas formas. Chamamos a todas as institucións implicadas na aplicación das leis de igualdade nas universidades
(universidades, ANECA, CRUE, comunidades autónomas, entre outras) para que apliquen os mandatos normativos.

A pesar dos avances, queda aínda moito por facer, moito por loitar, no ámbito da educación superior en España e no mundo. Neste sentido, as unidades de igualdade expresamos a nosa solidariedade coas mulleres afgás, as iranianas e todas as que se manteñen na loita defendendo os seus dereitos fundamentais e liberdades públicas básicas como o seu dereito á educación. Tamén expresamos a nosa solidariedade coas mulleres ucraínas, que viron truncado o seu proceso educativo polo estalido bélico.

En suma, este 8 de marzo obríganos, unha vez máis, a reflexionar sobre a situación das mulleres, sobre as desigualdades, as discriminacións e as fendas que limitan o seu pleno exercicio de dereitos e liberdades. E convídanos especialmente a seguir traballando a favor das políticas necesarias de igualdade de mulleres e homes para avanzar con firmeza cara a unha sociedade máis igualitaria e xusta.

As universidades que asinan o manifesto forman parte da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero das Universidades Españolas para a Excelencia Universitaria.   

 

Máis información:

Unidade de Igualdade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 419​
​​​​​​igualdade@uvigo.gal

Instagram