8 de marzo, Día Internacional da Muller

Manifesto da RUIGEU

UVigo - Equality 07/03/2019

Manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero das Universidades Españolas para a Excelencia Universitaria (RUIGEU)

Un dos grandes éxitos democráticos da sociedade española foron sen dúbida os avances na consecución do principio de igualdade entre mulleres e homes. Avances que son resultado de moitos esforzos procedentes de distintos ámbitos; entre eles, das universidades que teñen un papel primordial na transmisión de valores para conseguir unha sociedade tolerante, xusta e igualitaria na que se respecten os dereitos e liberdades fundamentais. 

As universidades son un reflexo da nosa sociedade e nelas vemos cada día máis mulleres nas súas aulas, nos seus claustros ou entre os expedientes académicos máis brillantes. Con todo, tamén vemos como persisten as desigualdades no acceso aos postos de toma de decisións das universidades, como as carreiras científicas ou académicas se ven truncadas polas cargas de traballo de coidados que asumen maioritariamente as mulleres, como aínda persisten resistencias individuais e institucionais que retardan, sen ningunha dúbida, o obxectivo da igualdade no ámbito universitario, ou como nos resulta moi difícil erradicar a secuela da violencia machista e o acoso sexual e sexista nas nosas comunidades universitarias. Todas estas desigualdades non só son inxustas e intolerables, moitas mesmo ilegais, senón que, ademais, fannos perder moito talento e posibilidades de mellorar a nosa ciencia, de innovar e crear sociedades con valores máis sustentables e eficientes.

As unidades de igualdade das universidades españolas traballamos a diario para promover a igualdade tanto dentro coma fóra das nosas comunidades, con contidos e coñecemento que se xeran co obxectivo último de promover a igualdade na nosa sociedade. Poñemos todos os nosos recursos para analizar e diagnosticar rigorosamente a nosa comunidade universitaria e así poder deseñar e formular plans e medidas de igualdade que faciliten os cambios necesarios para garantir unha igualdade real que transcenda ao resto da sociedade.  

En España contamos tamén cunha longa traxectoria en estudos universitarios de xénero, con magníficos equipos de investigación académica que xeran coñecemento científico e que identifican problemas relacionados coas desigualdades de xénero, incluída a violencia de xénero, fenómeno cuxa definición e descrición xerou un importante e rigoroso corpus teórico que non merece ser cuestionado con argumentos exclusivamente ideolóxicos. Como resultado deste traballo, contamos cunha lexislación e unhas políticas públicas de igualdade innovadoras que están contribuíndo a conformar unha sociedade mellor e máis xusta. 

Queremos expresar a nosa preocupación polos debates mantidos nestes últimos meses nos que se cuestionou a existencia mesma das políticas de igualdade e de loita contra a violencia de xénero, cambiando o foco do problema, co equívoco argumento de que discriminan aos homes, desprezando un corpus teórico avalado cientificamente, ou mesmo cuestionando a veracidade dos datos estatísticos. Esiximos, por tanto, que o debate político trate con rigor e responsabilidade as políticas de igualdade e se permita que a literatura académica especializada, o coñecemento experto de xénero e as investigacións e estudos avalados cientificamente que poden atoparse nas nosas universidades ilustren devanditos debates.