Volunteering
Segundo as inquedanzas da comunidade universitaria, contamos nos tres Campus da Universidade de Vigo cun programa de voluntariado que permite aos seus membros (alumnado, PAS e PDI) destinar parte do seu tempo á acción solidaria. Esta acción, totalmente altruísta, pódese canalizar a través dunha variedade de ámbitos de actuación para dar resposta ás necesidades, problemas e intereses sociais que presentan determinados colectivos da nosa contorna máis próxima.
O programa de voluntariado da UVigo depende da Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación e está organizado polo Servizo de Xestión da Extensión Universitaria.
Obxectivos
- Promover a integración do alumnado propio na realidade social e universitaria como parte fundamental da súa formación integral e complemento necesario dos seus coñecementos académicos.
- Fomentar a participación dos membros da comunidade universitaria en actividades voluntarias, que desexen encarreirar as súas inquedanzas sociais, cooperativas e solidarias.
- Difundir entre a comunidade universitaria información sobre as actividades de carácter social desenvoltas por ONG, institucións e fundacións, en especial as que desenvolven a súa actividade nas localidades nas que se atopan os campus da Universidade de Vigo.
- Propiciar e colaborar no desenvolvemento de estudos e traballos sobre temas relacionados co voluntariado e coa problemática social da contorna.
Requisitos, recompensa e créditos
Para participar como voluntariado tan só é necesario:
- Pertencer á comunidade universitaria (alumnado, PAS, PDI).
- Querer colaborar nalgún proxecto de voluntariado.
- Dispor de tempo libre para dedicarlle ao proxecto no que te comprometas.
Razóns para facerte voluntario ou voluntaria:
- Medrarás como persoa.
- Debuxarás sorrisos ateigados de agradecemento.
- Serás protagonista e axente do cambio para mellorar o mundo.
- Adquirirás experiencia persoal que che abrirá portas no futuro.
A túa recompensa:
- O teu corazón medrará un 200%.
- Serás diferente das demais persoas con identidades e personalidade propia.
- Fortalecerás a túa autoestima.
- Recibirás créditos por compartir horas do teu tempo. Podes validar 30 horas de voluntariado por 1 crédito ECTS.