Complementary learning activities

This content is currently not available in English

 

Imaxe dunha rapaza probando unhas gafas


STEMbach inclúe a realización dunha serie de actividades complementarias de formación organizadas polo centro, en colaboración con universidades, entidades ou organismos investigadores ou persoas investigadoras de recoñecida competencia, cunha duración estipulada ao longo dos dous cursos de 20 horas, e que se levará a cabo fóra do horario ordinario do estudantado.

A Universidade de Vigo ofrece unha serie de actividades enfocadas a que o estudantado poida coñecer, de primeira man, a docencia, investigación e transferencia que se realiza nos diferentes ámbitos STEM da Universidade de Vigo.
 

Profesorado e estudantes de últimos cursos desprázanse aos centros para informar sobre o acceso á universidade e dar a coñecer a oferta de graos e os servizos xerais da mesma; ademais poden complementarse con información sobre titulacións ou ámbitos de coñecemento concretos e as súas saídas profesionais (específicas). O Obxectivo é facilitar a transición desde bacharelato á universidade e proporcionar ao estudantado toda a información necesaria para coñecer a universidade.

Investigadores, investigadoras e estudantado pertencente a programas de doutoramento da Universidade de Vigo desprázanse aos centros para explicar ao estudantado que é e como se desenvolve o método científico de investigación na universidade a través de proxectos de investigación realizados na Universidade de Vigo. O obxectivo é mostrar que a investigación é fundamental para o avance da Ciencia e aprender a realizar un proxecto de investigación en calquera disciplina.

Programa de sesións de carácter científico-divulgativo onde un profesor docente e investigador da universidade desprázase ao centro e expón o tema elixido polo centro. O obxectivo é expoñerlle ao estudantado, de forma amena, a utilidade no mundo actual e na nosa vida cotiá de diversos sistemas, ferramentas e aplicacións.

As escolas e facultades da Universidade de Vigo reciben os centros educativos para dar a coñecer a súa oferta formativa e as súas saídas profesionais, visitar as súas instalacións e laboratorios así como mostrar a investigación que fan no ámbito das materias STEM.

Os centros senlleiros e os centros de apoio á investigación son estruturas específicas que teñen como obxectivo prestar asistencia instrumental, científica e tecnolóxica en todos os ámbitos do coñecemento, nos labores de investigación, desenvolvemento e innovación.

Oferta de charlas impartidas por tituladas da UVigo como exemplos e referentes de mulleres científicas e tecnólogas, profesionais en activo nas empresas do sector STEM. O obxectivo é incidir positivamente nos factores que motivan a elección das nenas a estudar titulacións STEM.

As actividades necesarias para o desenvolvemento do proxecto de investigación serán propostas polo/s co-directores do proxecto en colaboración co coordinador do centro STEMbach.

A Universidade de Vigo está aberta a outros formatos de colaboración máis directa cos centros STEMbach: obradoiros, seminarios ou calquera outra actividade complementaria de formación. Os centros poderán poñerse en contacto coa coordinación STEMbach da UVigo para concretar ou propoñer calquera outra actividade.
 

 

Máis información

Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
+34 986 813 586
stembach@uvigo.es