Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2019
A Real Academia Galega de Ciencias en colaboración coa Axencia Galega de Innovación convoca os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia deste ano.
Modalidades
- Premio Francisco Guitián Ojea a un traballo de investigación aplicada. Recoñece o éxito dun grupo de investigación na creación dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia.
- Premio Fernando Calvet Prats a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía promovido por un grupo de investigación. O premio irá destinado ao grupo de investigación creador da tecnoloxía transferida con máis éxito ao sector empresarial.
- Premio Ricardo Bescansa Martínez a un caso de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía transferida. Concederáselle á empresa que acredite a mellor implantación de tecnoloxía transferida desde un grupo de investigación galego.
Dotación
Os tres premios estarán dotados con 6000 € cada un.
Persoas destinatarias
- Premios Francisco Guitián Ojea e Fernando Calvet Prats: todo o persoal adscrito a centros de investigación situados en Galicia, incluídos os centros tecnolóxicos.
- Ricardo Bescansa Martínez: empresas galegas ou que teñan un centro de traballo en Galicia. Quedan excluídos os grupos ou empresas galardoadas nalgunha das tres edicións anteriores do certame.
Requisitos
- Francisco Guitián Ojea: a persoa solicitante debe ter a autoría e, en caso de ser varias, ten que contar coa autorización das demais. O traballo pode ser inédito ou estar xa publicado; no último caso, con posterioridade ao ano 2016.
- Fernando Calvet Prats: a persoa solicitante deberá contar coa aprobación explícita do/da representante legal da empresa.
Prazo de presentación de candidaturas
Do 1 de abril ata o 31 de maio ás 15.00 h.
Lugar de presentación de candidaturas
De xeito telemático a través dun formulario electrónico específico para cada modalidade e dispoñible nas páxinas web da Real Academia Galega de Ciencias e da Axencia Galega de Innovación.
Consulta as bases aquí.