O reitor, Alberto Gago, subliñou o esforzo dos estudantes para rematar a carreira con éxito

Festa en Dereito para celebrar a graduación de 32 novos licenciados

O conselleiro de Educación recomendoulles exercer a profesión con “humildade e valentía”

Tags
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 23/01/2010

A Facultade de Dereito celebrou este venres 22 de xaneiro a festividade do seu patrón, San Raimundo de Peñafort, co acto académico de graduación da XV promoción de novos licenciados. En total foron 32 os novos e novas xuristas que recibiron o recoñecemento da comunidade universitaria no transcurso dun acto presidido polo reitor, Alberto Gago e que tivo lugar no Edificio Politécnico. Na súa intervención o reitor subliñou o esforzo do alumnado para rematar a carreira con éxito. “Queremos celebrar hoxe a festa dos méritos académicos porque mérito ten que os nosos estudantes rematen os estudos formativos que empezaron anos atrás. Detrás disto houbo determinación, disciplina, esforzo e tesón que merecen o recoñecemento da Universidade”, declarou. O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, tivo tamén palabras de agarimo para os licenciados aos que lles recomendou exercer a súa profesión con humildade, “para baixar á auténtica realidade social” e con valentía, “para adoptar aquelas medidas que, aínda podendo ser impopulares, complicadas ou mal entendidas, sexan necesarias”. Pola súa banda o decano da Facultade de Dereito, Miguel Ángel Michinel, dixo na súa intervención que “o dereito pode ser a máis nobre das profesións ou o máis vil dos oficios” e, por iso, pediulle ao alumnado “que vos recoñezades e vos recoñezan como xuristas nobres, un reto que debedes afrontar con humildade”.

O catedrático José Carlos Fernández Rozas, membro honorífico do claustro de profesores

O acto comezou co nomeamento do profesor ovetense José Carlos Fernández Rozas, catedrático de Dereito Internacional Privado na Universidade Complutense de Madrid, como membro honorífico do claustro de profesores da facultade. Fernández Rozas agradeceu a distinción porque lle permite seguir formando parte dunha cidade á que dixo sentirse “íntimamente ligado” –viviu en Ourense uns anos da súa infancia- e tamén “por formar parte dun claustro onde hai grandes mestres do dereito español”, afirmou.
A seguinte intervención foi a de Roberto Ignacio Fernández López, profesor de Dereito Financeiro e Tributario e padriño desta XV promoción. Fernández López falou de dúas políticas republicanas: Clara Campoamor, “artífice dun dos maiores logros sociais da España do século XX: O sufraxio universal” e Victoria Kent que se posicionou en contra de outorgar de maneira inmediata o voto ás mulleres por considerar que a muller española carecía naquel momento da suficiente preparación social e política como para votar responsablemente polo que, por influencia da Igrexa, o seu voto sería conservador e iso perxudicaría aos partidos de esquerdas.
O profesor fixo un percorrido polas diferentes traxectorias destas dúas xuristas. Explicou que Victoria Kent se opuxo ao sufraxio universal “porque preferiu renunciar ao seu ideal feminista antes de ver gobernar aos conservadores” pero subliñou que despois, cando tivo o poder nas súas mans (ao frente da Dirección Xeral de Prisións, por exemplo), reformou o Dereito para facelo máis xusto. “Esta mesma posibilidade estará ao alcance de vostedes dende os postos de responsabilidade que lles vai tocar ocupar”, díxolles aos graduados. Fernández López dixo de Clara Campoamor e de Victoria Kent que ambas defendían de maneira brillante aquelo no que crían porque estaban dotadas dunha boa formación xurídica, “algo do que se lles presume a vostedes” e subliñou que o maior mérito de Clara Campoamor era a coherencia entre o seu ser e o seu actuar, a defensa da súa propia dignidade como muller que foi o que lle deu a forza, a enerxía e a valentía para vivir lonxe do seu país. “Por riba dos coñecementos xurídicos que adquiriran na facultade esperamos de todos vostedes que desempeñen a profesión con coherencia, compromiso, sentido da xustiza e responsabilidade”, declarou.

Ameno percorrido por cinco anos de carreira da man de dúas alumnas da promoción

O discurso do estudantado correu a cargo das alumnas Beatriz María González e Ángela Coello, premio extraordinario da promoción, que fixeron un ameno percorrido polos cinco anos de carreira e agradeceron o traballo do profesorado do centro na súa formación. De seguido os membros da décimo quinta promoción da facultade de Dereito recibiron as bandas e os diplomas acreditativos.
O decano da Facultade de Dereito, Miguel Ángel Michinel, animounos a “seguir aprendendo” e agradeceulles “todos os momentos que disfrutei e aprendín con vós, porque mal profesor é aquel que non está disposto a aprender dos seus alumnos”. O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, lembroulles aos novos graduados a importante misión que teñen entre mans “xa que debedes aplicar a lei dunha maneira intelixente e, por veces, valente” e animounos a traballar nesta liña “porque co voso traballo Galicia non perderá posicións nun escenario cada vez máis competitivo e esixente”. O reitor, Alberto Gago, pechou o acto dicíndolles aos alumnos que “alá onde estedes lembrade que esta é a vosa casa e que formades parte xa da nosa historia”.
O acto rematou coa interpretación do himno Gaudeamus Igitur polo Coro Universitario.