Son os estudos galardoados co premio que leva o nome do galeguista

A Cátedra Alexandre Bóveda renova o seu compromiso coa promoción da investigación coa publicación de dous ensaios

Tags
  • Pontevedra
Camino Carballeira DUVI 25/03/2009

Coa publicación dos ensaios galardoados co I Premio de Investigación, a Cátedra Alexandre Bóveda, cumpre un dos obxectivos cos que naceu: o de fomentar a realización de estudos de investigación referidos a Galicia no ámbito das ciencias sociais abarcando calquera dos seus campos: economía, dereito, política ou outras materias. Este mércores presentáronse os libros O que fixemos en Galicia, de Antonio Miguez, e Fluxos migratorios e escola intercultural, de Sara López, gañadores ex aequo do premio, un feito co que a Universidade de Vigo, como expresou o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, “cumpre co seu servizo á sociedade, da que forma parte e é indisoluble”. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de cultura, Lola Dopico; Xosé Luis Marcos Bóveda Álvarez, da Fundación Alexandre Bóveda; e Antonio Gómez Rivera e Marcelino Amoedo, en representación de Caixanova, apoiaron coa súa presenza a presentación dos libros. Estaba prevista a comparecencia de Luis Bará, director xeral de Creación e Difusión Cultural, quen finalmente tivo que desculpar a súa ausencia.
A autora do estudo empírico sobre o problema da integración dos inmigrantes, Sara López, reiterou a súa “gratitude e honra” polo premio. O seu traballo xira arredor de corenta e un centros, directores e profesorado, incluído aos que se lle aplicaron dous cuestionarios e unha escala para valorar a súa actitude fronte esta situación. Ademais de constatar “o feito muliticultural como unha realidade común”, sinalou López, o seu traballo incide en que “a interculturalidade, como un modelo pedagóxico amplo e intencional, non só está destinado aos que veñen, senón tamén aos que xa estamos aquí”. A autora, que é doutora en Pedagoxía e desenvolve o seu labor profesional no ámbito da educación pública, explicou que o profesorado está a realizar “intervencións intuitivas e bota de menos un plan global das administracións”.
O autor do ensaio sobre o xenocidio, Antonio Miguez que na actualidade realiza traballos de investigación na London School of Economic and Political Science, non puido asistir o acto, pero, como recordou Area, a súa obra “aborda un concepto universal, que é o de xenocidio, e avanza cara a unha nova definición de ‘práctica xenocida’”. O seu estudo propón a posibilidade de incluír o grupo político como causa desta práctica e avoga por non reducir a cuantificación dun desastre aos aspectos numéricos.

Compensación dunha débeda histórica

A convocatoria do premio de investigación, que continuará cunha segunda edición, é unha das iniciativas acordadas trala sinatura do convenio da Cátedra, pero, segundo sinalou Area "tamén hai que destacar outras como o ciclo de fiscalidade que se celebrou a finais de ano, que trouxo a magníficos autores e académicos, ou o Centro de Estudos e Documentación do Pazo da Cultura, onde existe un altísimo ritmo de traballo”. Como sinalou o alcalde, todas estas actividades pretenden “compensar a débeda histórica que Pontevedra e Galicia teñen con Alexandre Bóveda”.