Coa posta en órbita do picosatélite Xatcobeo no voo inaugural da lanzadeira Vega

A Universidade de Vigo sitúa a Galicia á vangarda das comunicacións por satélite

O proxecto aposta por integrar a estudantes na súa posta en marcha

Tags
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río / Mª del Carmen Echevarría  DUVI 18/06/2008
“Comeza hoxe unha fermosa aventura que supón un pequeno paso na conquista do espazo pero, sen dúbida, un gran paso cara a esa Galicia innovadora que soñamos”. Así expresou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño a súa satisfacción e emoción pola futura posta en órbita do picosatélite Xatcobeo que, deseñado pola Universidade de Vigo, partirá no voo inaugural da lanzadeira Vega ao final do 2009. Deste xeito, o proxecto desenvolvido por investigadores e estudantes da ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación e da ES de Enxeñaría Informática, en colaboración co Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial, INTA, ao abeiro do proxecto CubeSat porá en órbita o primeiro picosatélite galego que contén carga útil de carácter científico.
Este satélite é o único proxecto español seleccionado entre máis de 25 europeos, o que sitúa á Universidade de Vigo entre as oito institucións académicas líderes no desenvolvemento de picosatélites en Europa. Neste sentido, o reitor, Alberto Gago, agradeceu a colaboración nesta iniciativa da Axencia Espacial Europea, os ministerios de Defensa e Ciencia e Innovación, Retegal e Raminova-Tec. Unha parcería que o reitor da Universidade de Vigo definiu como “o soño de calquera universidade moderna; a tripla hélice elevada ao cubo”.

Telecomunicación e Informática xuntas nun proxecto formativo e innovador

O Xatcobeo proxectarase baixo estándar Cubesat, que ten por obxectivo proporcionar oportunidades de lanzamento de picosatélites á comunidade universitaria. Segundo explicaron Fernando Aguado, investigador principal e César Martínez, responsable do proxecto do INTA, “esta é unha iniciativa conxunta entre a Universidade e INTA e o su obxectivo é o deseño e desenvolvemento dun satélite Cubesat de menos dun quilogramo de peso e dunha estación para o seu seguimento na terra”, que se situará na ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación.
Pola súa banda, o profesor do departamento de Informática da E.S de Enxeñaría Informática de Ourense, Arno Formella, subliñou que é “unha grande oportunidade para os estudantes que participen nel, xa que lles permitirá tomar parte nun traballo real”. Para Fornella se ben no ámbito técnico o proxecto non presenta grandes desafíos “cómpre cumprir con todos os estándares da ESA e, sobre todo, ter unha gran coordinación entre todos os que tomamos parte nel”. Precisamente, o obxectivo é involucrar a estudantes universitarios nun proxecto espacial o que, segundo Touriño, “é un paso adiante na formación dunha nova fornada de investigadores e de técnicos que situarán a Galicia na vangarda das comunicacións por satélite”. Gago, que incidiu no compromiso da Universidade de Vigo co progreso científico e tecnolóxico, lembrou o carácter exclusivo e diferencador a nivel científico nacional do proxecto e felicitou ao equipo investigador que, dixo “está alcanzando uns niveis de excelencia científica dos que tamén nos sentimos moi orgullosos”.
A posta en órbita do picosatélite Xatcobeo permitirá a realización de experimentos innovadores grazas á carga útil do mesmo que, segundo, Fernando Aguado, inclúe "unha radio software configurable durante o voo na banda de frecuencias de radioafeccionados ou un sensor para medir a radiación e a dose ionizante acumulada". Ao mesmo tempo, permitirá tamén a incorporación de novas tecnoloxías galegas para o despegue das antenas. Así, a estación de terra mandará os comandos precisos ao satélite e recibirá os datos que este envíe, tarefas nas que tomará parte o club de radioafeccionados da ETSET e “estudantes, principalmente, dos últimos cursos da titulación”, subliñou César Martínez.

Un pulo ás empresas de telecomunicacións en Galicia

Segundo explicou Pérez Touriño, “esta iniciativa axudará a potenciar as empresas de telecomunicacións en Galicia” e apostou porque, nun futuro próximo, xurdan novos proxectos centrados, por exemplo, en satélites comerciais “con aplicacións específicas no noso país”. A exploración e aplicación desta tecnoloxía é tamén unha das recomendacións do Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, situado no propio campus de Vigo, xa que "Galicia non pode ser neste eido un mero espectador nin un mero cliente dos grandes consorcios", subliñou o presidente da Xunta. Neste sentido, o reitor tamén salientou que “se temos éxito, esta ventá que hoxe abrimos débenos conducir a proxectos máis ambiciosos no sector estratéxico das comunicacións espaciais”. Para Gago, ademais, este tipo de proxectos son importantes por que sitúan a Galicia nos extremos da fronteira científica, “unha realidade que concorda coa idea dunha universidade do século XXI, implicada nun novo contrato social no que progreso, benestar, desenvolvemento rexional e cohesión social, pasan a formar parte das nosas prioridades”, explicou o reitor da Universidade de Vigo.

O respaldo da Axencia Espacial Europea

O representante da Axencia Espacial Europea, Roger Walker, sinalou que a proposta da Universidade de Vigo “foi altamente valorada polo comité des elección, que destacou principalmente o alto nivel académico, industrial e o apoio do goberno, ademais dos excelentes resultados educativo sen termos de proxectos fin de carreira e teses doutorais”.
No seu discurso, o director da unidade de proxectos educativos da ESA tivo ocasión de dar a coñecer os detalles do programa educativo da Axencia Espacial Europea e da nova lanzadeira Vega que se está a desenvolver para ser empregada no lanzamento de carga útiles de pequeno e medio tamaño á orbita baixa terrestre. “Para o voo de inauguración”, concretou Walker “que está deseñado como avaliación inicial dos diferentes equipo se sistemas, os nove picosatélites seleccionados, levaranse dentro de tres compartimentos separados montados na estrutura de carga principal denominada LARES”. En canto á data de lanzamento, o responsable de proxectos educativos da ESA apuntou que non se confirmará ata que se realice nos test de valoración da terceira etapa.
A presentación do Xatcobeo contou coa presenza, xunto co presidente da Xunta de Galicia, de Laura Sánchez Piñón, conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Fernando Salgado, presidente de Retegal ou José Luis Pego, director xeral de Caixanova, entre outros persoeiros.