Por cada hora de estudo os patrocinadores destinarán un euro para financiar proxectos solidarios

Queres colaborar con proxectos humanitarios? Estuda na Olimpíada Solidaria!

Esta semana remata

Tags
  • Pontevedra
  • Estudantes
Marta Casanova DUVI 27/11/2007

Un ano máis as horas de estudio dos alumnos do campus convértense en euros para colaborar con proxectos humanitarios. A Olimpíada Solidaria, que así é coma se chama a iniciativa da ONG Coopera, consiste en rexistrar as horas de estudo nas zonas habilitadas e por cada unha delas, os patrocinadores doará un euro para a financiación de catro proxectos educativos en Guatemala, Haití, Xerusalén e o Congo.
O procedemento é moi sinxelo. Na Biblioteca Central e nas salas de estudo do edificio de Ferro, do Politécnico e do Xurídico Empresarial, os voluntarios explican a todos aqueles que acoden cos seus libros e apuntes como deben cubrir o cupón de tempo de estudo e depositalo na urna para o seu posterior rexistro. Así o esforzo dos alumnos non ten só repercusións académicas senón que tamén axuda á educación e formación doutros mozos e mozas da zona Sur do planeta.
A Olimpíada comezou o pasado día 5 de novembro e remata esta semana, polo que a responsable da área de Voluntariado, Gladys Castro, anima a todos a participar no treito final “ Xa levamos contabilizadas máis de 3.000 horas o que supón a mesma cantidade en euros. A ver se a xente se anima nos días que quedan” comentou, “este é o segundo ano que a Universidade de Vigo colabora, aínda que só neste campus e quero agradecer a solidariedade e a colaboración dos voluntarios e da comunidade universitaria por participar nesta campaña” engadiu.

A iniciativa

Da man da ONG Coopera- Xoves para o Desenvolvemento, o proxecto comezou en Logroño en 2003 e pouco a pouco foi estendéndose. Neste momento colaboran estudiantes de España, Bélxica, Costa de Marfil, Burundi e Italia baixo o lema Queres ser solidario?. O obxectivo é sensibilizar aos mozos e mellorar as condicións de vida das persoas máis desfavorecidas para conseguir unha sociedade máis xusta no futuro.
Os proxectos a financiar este ano son a construcción dunha escola infantil en Minzoto (O Congo) para nenos e nenas ,co fin de reducir as desigualdades educativas entre ricos e pobres. Tamén está previsto realizar bancos comunais en Guatemala para permitir ás mulleres maias optar a microcréditos e formación cos que empezar un proxecto que mellore a súa situación económica e a da súa familia. O terceiro proxecto oriéntase á dotación de equipamento para catro talleres técnicos en escolas de Mains Ouvertes en Haití, onde acollen a máis de 4.000 mozos con dificultades.
Por último, os cartos recadados serán destinados ao apoio escolar e á construcción dun centro cultural en Xerusalén para promover a igualdade e dotar de bolsas a orfos e diminuídos do colexio Nosa Señora do Pilar.

Máis información