Case 1.500 empresas compoñen o universo da investigación

Unha tese constata a deficiente xestión da prevención de riscos nas PEMEs

O estudo analiza 176 accidentes laborais e case 500 enquisas

Tags
  • Vigo
  • Investigación
Jorge Fernández DUVI 08/10/2007
Nun 61% dos accidentes producidos en 1.500 PEMEs, entre xaneiro do 2003 e xullo do 2006, non existía unha avaliación do risco causante do sinistro. Así o determina José Enrique Martín, un investigador da Universidade que abordou na súa tese de doutoramento un dos problemas sociais de maior calado: os accidentes laborais, constatando que “existe unha escasa implicación do empresariado en materia de prevención de riscos”. Segundo o investigador, unha das principais causas dos accidentes é que estes “tenden a contratar un servizo de prevención alleo e esquécense do asunto”, o cal provoca que aínda que existe unha avaliación xeral dos riscos, non se produce un análise completo ou actualizado.
A partir dunha base de datos de 1.500 PEMEs do sur da provincia de Pontevedra, o investigador realizou unha radiografía da siniestralidade dun colectivo de empresas que agrupan a máis de 16.000 empregados, fundamental dos sectores da construción, minería, industria e servizos. Ademais da experiencia investigadora, Martín conta cunha dilata traxectoria profesional en mutuas de accidentes punteiras no ámbito nacional, grazas ao cal tivo un máis sinxelo acceso á información.
Os partes de accidente analizados, xunto ás enquisas a empresarios e traballadores, permitiron a José Enrique determinar que algo máis da metade parte dos accidentes, independentemente do tipo de caída que os orixinou, se produciron en actividades de duración inferior a unha xornada de traballo, “cando o traballo é máis puntual se presta unha menor atención á seguridade”, afirma o investigador. Un claro exemplo disto é o que ocorre coas cintos de seguridade “Nos traballos sobre escaleiras portátiles, os traballadores contestaban que a maior parte non o usaban porque tardaban máis en poñelo que no labor que ían realizar”, se ben engade que “aínda non existe unha solución técnica eficaz e economicamente rendible para o problema” , é dicir, que a temporalidade do traballo é inferior ao tempo que se tarda en colocalo.

Cambio de cultura

As varandas, os arneses e os cintos de seguridade constitúen as medidas de protección colectiva e individual. Actualmente non son obrigatorias en labores en altura con menos de dous metros de separación do chan, sen embargo, o investigador da Universidade considera que o seu límite debería ser inferior. “Algunhas empresas de contrastado prestixio xa baixaron o límite ata 1,20 metros, xa que moita xente que traballa a menos de dous metros tamén se mata”, sentencia o investigador.
Segundo Martín a solución pasaría por un cambio de mentalidade respecto da prevención dos riscos laborais. Considera “imprescindible” que os responsables se comprometan nun marco encamiñado a unha “cultura preventiva e non reparadora”, posto que actualmente a tendencia é a prestar atención unicamente ás causas inmediatas. “Por exemplo, colocar unha protección auditiva a un traballador para solucionar un problema de ruído, en lugar de apantallar a fonte”.
O investigador destaca a importante innovación que supuxo o emprego das coñecidas como redes bayesianas, un método probabilístico“que se revelou como unha ferramenta de grande utilidade neste estudo, xa que permite empregar valores subxectivas”. “Ofrece ao experto unha visión moi axustada dos desencadeantes dos sucesos en función de cada unha das variables implicadas nos mesmos”, afirma Martín.