A negociación colectiva como xermolo da igualdade real

O catedrático Jaime Cabeza organiza unhas xornadas que se desenvolven no MARCO

Tags
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 03/10/2007

As recentes modificacións da lexislación sobre a igualdade de xénero fan necesario un repaso e unha posta ao día neste campo, sobre todo que no que se refire a súa aplicación no eido laboral. Neste sentido, a Universidade participa na organización dunhas xornadas sobre Negociación Colectiva e Igualdade que se desenvolven nestes días no Museo de Arte Contemporánea de Vigo.
A Universidade, como membro da Agrupación de Desenvolvemento do Proxecto Conta con Elas, pretende así proporcionar a oportunidade de debater as últimas reformas lexislativas neste materia. O obxectivo é reflexionar dende a óptica da negociación colectiva, como un dos medios máis salientables para acadar a igualdade real.
O vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, salientou na inauguración que “ata o momento realizáronse varias actuacións na Mancomunidade de Vigo coas que facilitar a inserción laboral e promoción profesional das mulleres en sectores e ocupacións masculinizadas”. Area destacou tamén a implicación da Universidade neste camiño a través da Área de Igualdade e de proxectos de investigación no marco da Cátedra de Estudos Feministas “que aposta, de xeito inequívoco, por eliminar os comportamentos sexistas especialmente no ámbito do emprego”. A creación da Cátedra da Infancia ou a colaboración da Universidade en iniciativas como o Observatorio Galego de Protección á Xuventude a á Infancia completan segundo o vicerreitor “o compromiso desta institución a prol dunha sociedade plural na que todos vivamos en igualdade de oportunidades”.
Ivan Área salientou tamén o traballo que o catedrático Jaime Cabeza, organizador destas xornadas, desenvolve neste eido dentro na Universidade de Vigo. Como especialista en temas como a negociación colectiva ou a seguridade social dirixe dous proxectos subvencionados pola Cátedra de Estudos Feministas e ten elaborado informes tanto para o Ministerio de Traballo como para a Xunta de Galicia e outras entidades. O vicerreitor de Relacións Institucionais avogou tamén porque “as conclusións destas xornadas nos permitan avanzar en cuestións de actualidade que son piares sobre os que afianzar unha sociedade solidaria e que incremente o grao de benestar dos galegos e galegas”.
Pola súa banda, a concelleira de Economía e Facenda, Raquel Díaz, destacou na inauguración o papel da negociación colectiva “como instrumento para a promoción da equidade de xénero, de xeito que se asegure, entre outros dereitos, o parámetro de igual salario por igual traballo, así como exercicio da paternidade e da maternidade en igualdade de condicións”. Díaz referiuse tamén ao proxecto Conta con Elas, inserido na iniciativa comunitaria EQUAL, e puntualizou que “existe un compromiso con doce empresas para redactarlles un plan de igualdade e agardamos que se estenda por todo o tecido empresarial”.

O papel da negociación colectiva

Estas xornadas, que se estenderán ata este xoves, inclúen relatorios de expertos na materia, moitos deles implicados como asesores na redacción da nova lexislación. O organizador desta iniciativa, o profesor Jaime Cabeza, foi o encargado de presentar ás dúas primeiras convidadas: María Elósegui, da Universidade de Zaragoza, e María Teresa Pérez, da Universidade de Cádiz. O obxectivo desta primeira toma de contacto, segundo o propio Cabeza, “é achegarnos aos aspectos xerais para valorar a importancia das medidas de acción positiva”.
Segundo a profesora Elósegui, a Lei Orgánica para a Igualdade Efectiva está a provocar moitos malos entendidos nos medios de comunicación e na sociedade en xeral. “Non hai ningún aspectos anticonstitucional nesta lexislación, de feito, esta normativa recolle directiva comunitarias e accións anteriores que se desenvolveron dun xeito desorganizado”, destacou. Ao mesmo tempo tamén se amosou contraria ao uso de termos como “discriminación positiva ou inversa, xa que sempre se parte da base da capacidade de méritos e nunca se favorecerá á muller discriminando ao varón”.