A Universidade dá a benvida a 424 estudantes procedentes de case 30 países

A Facultade de Filoloxía e Tradución acolleu o acto

Tags
  • Vigo
  • Académica
DUVI 03/10/2007
D. Besadío |Vigo
A Universidade deu este mércores a benvida aos estudantes estranxeiros que este curso van estudar nas súas aulas, en total 424 alumnos procedentes de case 30 países, cifra a que haberá que engadir aqueles estudantes que se incorporen no segundo cuadrimestre.
Os estudantes foron recibidos no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución polo vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, e os responsables de diferentes servizos universitarios que se encargaron de presentarlle a oferta formativa e de lecer para este curso.
Como ven sendo habitual Alemaña, Polonia, Italia, Francia e Portugal son algúns dos países dos que se reciben máis alumnos pero a lista esténdese con países como Mexico, Venezuela, Brasil, Estados Unidos, Arxelia, Colombia, Marrocos,Nicaragua, Eslovenia, Finlandia ou República Checa.

Distribución por campus

O campus de Vigo é o que acolle maior número de estudantes estranxeiros. En total 309, dos cales 161 levarán a cabo os seus estudos na Facultade de Filoloxía e Tradución, 73 en Ciencias Económicas e Empresariais, 19 na Escola Técnica Superior de Enxeñaría Industrial e o resto repartidos nas diferentes facultades e escolas do campus.
A Ourense irán 67 alumnos que estudarán en Ciencias Empresariais e Turismo, Informática, Ciencias, Ciencias da Eduacación, Dereito e Historia.
No caso do campus de Pontevedra, que recibirá 48 alumnos, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación é o centro que acollerá máis estudantes foráneos, un total de 35. O resto repartiranse entre Belas Artes, Fisioterapia, Enxeñería Técnica Forestal e Ciencias da Educación e do Deporte.

Á busca de novas experiencias

Cada alumno que este mércores chegou á Universidade ten a súa historia detrás, pero en todas hai un elemento común: a busca de novas experiencias, as gañas de coñecer xente nova e o desexo de aprender idiomas. Julia Hertzein e Loren Zorn, procedentes de Alemaña, van pasar este cuadrimestre na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, “imos estudar Publicidade e Relacións Públicas, que é o que máis se parece o que facemos no noso país”.
Lambros Andreou, de Salerno en Italia, estará en Vigo durante todo o curso estudando Ciencias Económicas e Empresariais. Á pregunta de por que elixiu Vigo como destino admite que apenas sabía nada sobre Galicia pero “polo que indaguei parécese moito a Salerno. É unha cidade que non é moi grande e isto axudarame máis a sentirme como na casa”.
No caso de Odette Haigh e Charlie Carroll de Inglaterra veñen á busca sobre todo de perfeccionar o seu español. “Estudamos o que aquí sería Filoloxía Hispánica, así que mellor ca unha estancia fóra para mellorar o noso nivel”.