O profesor Pedro Pablo Gutiérrez afonda na historia da radio en Vigo

Unha travesía polo mundo dos recordos a través das ondas

Tags
  • Pontevedra
Lourdes Otero DUVI 25/09/2007
Trinta anos de percorrido pola historia das ondas na cidade de Vigo centran o último traballo do profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Pedro Pablo Gutiérrez.
Baixo o título “Historia da Radio en Vigo: 1920-1950”, o docente recolle os resultados dunha investigación que iniciou no seu traballo de doutoramento: “un profesor da Complutense suxeriume a idea, e foi así como comecei a mergullar nas orixes deste medio”, apunta Gutiérrez.
Para a súa elaboración, contou coa axuda de grandes profesionais e coñecedores da radiodifusión na cidade como González de Haz ou Pepe Vázquez: “conversando con eles apareceron pistas que me permitiron seguir investigando e afondando no tema”, sinala o profesor.
Segundo as verbas do seu propio autor, a obra vai dirixida a todos aqueles que lles interese este medio, pero sobre todo, aos habitantes de Vigo “que terán moitos recordos vinculados á radio”.

Contido

O ano 1920 supuxo o punto de partida deste apaixonante relato que abarca dende o nacemento da radio en España ata a aparición das novas emisoras nos anos 50. “Aínda que este medio bota a andar na cidade en 1934, no libro quixen remontarme ás súas orixes en xeral, facendo referencia ás primeiras investigacións sobre magnetismo de 1544 ou ao traballo realizado por Marconi”, sinala Gutiérrez.
O profesor explica ademais as dificultades que, para o seu desenvolvemento técnico, supuxo a Guerra Civil Española: “tan só dous anos despois de que se estableceran as emisoras en case todas as cidades españolas estala unha contenda que trastoca todos os seus planes económicos, financeiros e de contidos”.Ademais, apunta Gutiérrez, “os distintos bandos intentan usala para os seus propios intereses o que dificultou o desenvolvemento esperado”.
Pero tamén o docente fai referencia aos problemas para documentar este traballo xa que “o conflito bélico propiciou á desaparición de información comprometedora, co cal se xera unha traba na localización de documentos orixinais”.
A pesar de todos estes impedimentos, “Historia da Radio en Vigo” consegue trazar un retrato robot dos primeiros anos da historia das ondas na cidade olívica.