Ao longo da xornada teñen lugar concertos, un mercadiño ou diferentes concursos

San Ero enche Belas Artes de actividades

Promovidas por unha asemblea de estudantes

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
DUVI Pontevedra 16/05/2018

A Facultade de Belas Artes vive este mércores unha longa xornada de actividades e celebración con motivo do día do seu patrón, San Ero, para o que unha asemblea de estudantes do centro promoveu unha serie de iniciativas como un mercadiño, concertos ou un concurso de poesía. Baixo o lema de San Ero Apocalíptico, un grupo de preto de 40 alumnos e alumnas deseñou un programa de actividades “co que quixemos distanciarnos da idea do botellón e promover máis a cultura, buscando tamén que a cidade nos vexa como algo positivo”, sinalan os organizadores dunha xornada que arrincou cun mercadiño dirixido “a exhibir os traballos do alumnado” e no que se podían atopar tanto láminas, cómics ou fanzines como camisetas e chapas en homenaxe a Manuel Moldes, falecido o pasado mes de decembro, que tiñan como propósito sufragar os custos da instalación dun retrato do artista e profesor, realizado polo ilustrador Kiko Da Silva, na cafetería do centro. 

As actuacións no patio da facultade de Pazifestas, Mind Warp, La Nona Hora, Ignacio Rivoira, Miguel Alberte e Hidden Rapouso, xunto cos dj Jota e Charlito Kitkat, enchen desde este mediodía de música unha celebración que alberga tamén concurso de poesías e de reciclaxe, unha competición de tenis de mesa ou unha “xincana apocalíptica”. Así mesmo, a celebración complétase co desfile polas rúas de Pontevedra, tanto a mediodía como pola tarde, da ‘imaxe’ do patrón, que construíuse desta volta a partires “das ofrendas cibernético-apocalípticas que fomos pedindo ao alumnado”, explican desde a organización do evento,  para o que se seleccionou como cartel anunciador a proposta dun San Ero Apocalíptico que, “nun ano de cambios” achégase “como unha broma á metáfora do ave fénix que rexurde das súas cinsas”.