Nos puntos instalados nas diferentes facultades e escolas

A sétima Semana de Recollida de RAEE permitiu reunir 75 aparellos

A iniciativa enmárcase no proxecto Green Campus

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 16/05/2018

Máis dunha decena de ordenadores e monitores, seis impresoras, dous televisores, outras dúas aspiradoras..., e así ata un total de 75 electrodomésticos e dispositivos que serán trasladados a unha empresa autorizada na xestión deste tipo de residuos. Este é o balance que deixou a sétima edición da Semana de Recollida de RAEE (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos), unha iniciativa impulsada ao abeiro do proxecto Green Campus que ten como obxectivo principal concienciar á comunidade universitaria da importancia do correcto tratamento do lixo no que rematan converténdose diferentes equipamentos que funcionan con electricidade ou con pilas e baterías.

“Parece que é unha iniciativa que se está estabilizando”, sinala o director da Área de Planificación do campus, Celso Cancela, dunha recollida levada a cabo por sétima vez a pasada semana nas cinco facultades e escolas do campus, na Casa das Campás, no Pavillón Universitario e na Escola Infantil. A Escola de Enxeñaría Forestal, con 30 dispositivos, compoñentes informáticos e electrodomésticos, e a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, onde se recolleron 24 aparellos, foron nesta ocasión os centros que rexistraron un maior participación nunha iniciativa “que máis aló da recollida, o que pretende é axudar a concienciar e sensibilizar”, como sinala Cancela, que nese senso destaca tamén a colaboración tanto do persoal das diferentes conserxerías como da Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade, que se encarga tanto da selección daqueles compoñentes que poidan ser de utilidade para o Gruvi (Grupo de Reciclaxe Informática da Universidade de Vigo), como de xestionar a recollida do resto de elementos por parte dun xestor autorizado.

Centos de RAEE recollidos en sete edicións

A terceira e última edición que se celebra no presente curso desta iniciativa súmase ás outras seis campañas de recollida desenvolvidas no marco do proxecto Green Campus desde o ano 2015, que permitiron entre, outros centos de obxectos, a recollida de 60 ordenadores, 47 monitores, 39 impresoras, 19 teléfonos ou nove portátiles.