No acto de presentación do VTX rendéuselle homenaxe ao primeiro comisionado, José Antonio Vilán

“O Vigo Tecnolóxico é unha realidade e vai por ti José Antonio”

Integrado por 600 profesionais dos ámbitos da biomedicina, telecomunicacións, industria e espazo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 16/05/2018

“Neste momento, se o Vigo Tecnolóxico fose un barco, nesta cidade de estaleiros, hoxe estaríamos na súa botadura”.  Con estes termos describiu Edita de Lorenzo, comisionada do Vigo Tecnolóxico, o momento no que atopa o campus de especialización de Vigo, no que máis de 600 profesionais da Universidade de Vigo desenvolven o seu labor nos ámbitos da biomedicina, a industria e a enerxía, as telecomunicacións e o espazo. O Vigo Tecnolóxico foi presentado publicamente esta tarde nun acto celebrado na sede Afundación, no que se rendeu homenaxe, entregándolle a insignia de ouro da Universidade, a quen foi o seu primeiro comisionado, o exvicerreitor José Antonio Vilán, que prosegue co proceso de recuperación do atropelo que sufriu, cando circulaba en bicicleta en marzo de 2016. 

“O Vigo Tecnolóxico é unha realidade e vai por ti José Antonio”, dixo o reitor en funcións Salustiano Mato que gabou o traballo desenvolvido polo primeiro comisionado cualificándoo de “motor e de peza indispensable na relación co tecido empresarial do sur de Galicia”. Visiblemente emocionado, José Antonio Vilán subiu ao escenario da sede de AFundación, onde o reitor lle impuxo a insignia de ouro da institución e agradeceu o apoio que a longo dos meses transcorridos desde o accidente recibiu por parte de decenas de persoas. Vilán realizou un agradecemento expreso a súa dona, asegurando que “estou vivo grazas a miña señora”.

O acto, que contou coa presenza dunha representación do mundo académico e empresarial, estivo amenizado polo mago Xacobe e o DJ Jaime Rosales.

Unha realidade de futuro

Nun acto, que, segundo recoñeceu Mato, tiña o obxectivo de render homenaxe a José Antonio Vilán, o reitor en funcións  incidiu en que o campus de especialización de Vigo é unha realidade e “un camiño de futuro para penetrar en caladoiros financeiros locais e internacionais”. Mato lembrou os inicios do Vigo Tecnolóxico coa creación de atlanTTic, Cinbio, Cinae e INEX, “que aspira a ser centro singular na próxima convocatoria da Xunta”, apuntou.

Pola súa banda, a comisionada Edita de Lorenzo, agradeceu a confianza do reitor en funcións cando lle encargou seguir adiante cun proxecto que comparou cun barco “que xa está no mar, a flote”. De Lorenzo tamén destacou o papel desenvolvido polo seu antecesor no cargo, que lembrou, tamén estivera implicado na creación da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, ademais de na do Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia.

Un campus de especialización para Vigo

Seguindo o ronsel do Campus do Mar, do Campus da Auga e do Campus CREA S2i, o Vigo Tecnolóxico procura a especialización do campus de Vigo creando e transferido coñecemento nos ámbitos biomédico, da industria e a enerxía, as telecomunicacións e aeroespacial. Máis de 600 investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo desenvolven a súa actividade nos centros Cinbio, atlanTTic e na agrupación estratéxica Inex. Mentres os 230 profesionais que traballan no Centro de Investigacións Biomédicas centran a súa investigación no cancro, a inmunoloxía e a inflamación, a neurociencia, a biosaúde e o envellecemento activo e a obesidade e o metabolismo, no Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlaTTic, 180 profesionais se dedican á investigación e transferencia nos ámbitos a privacidade, a seguridade, análise e sinais biomédicas, redes de datos, comunicación espaciais e servizos electrónicos, entre outras. No caso da agrupación estratéxica Industria e Enerxía, Inex, preto de 250 investigadoras e investigadores traballan nos ámbitos das redes eléctricas intelixentes, a industria 4.0 e as fábricas do futuro, así como os novos materiais e a valorización de recursos e residuos. 


A Estratexia 2025 define as prioridades do Vigo Tecnolóxico: formación, investigación, transferencia, posicionamento estratéxico, que se relaciona cos centros, asociacións e institutos de investigación  e co tecido empresarial da contorna co obxectivo de se converter nun axente dinamizador do sistema da I+D+i galega nos ámbitos biomédico, da industria e a enerxía, telecomunicacións e aeroespacial.