Arredor de 150 escolares participaron este venres na competición

O CPR Padre Feijoo Zorelle gaña a I Olimpíada de Historia

Enfrontáronse 28 equipos en probas de pregunta-resposta

Tags
  • Medios
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 25/05/2018

A Facultade de Historia do campus de Ourense, en colaboración coa revista El Octavo Historiador, celebrou este venres a I Olimpíada de Historia. Fai Historia con nós. Con carácter autonómico e pioneiro en Galicia, a cita tivo como obxectivo espertar a curiosidade do alumnado preuniversitario por esta área. Participaron nela 28 equipos procedentes das provincias de Ourense, A Coruña e Pontevedra, competindo cada equipo con catro estudantes de 4º de Educación Secundaria Obrigatoria acompañados por unha ou un docente. O equipo Little Historiadores do CPR Padre Feijoo Zorelle de Ourense fíxose co primeiro posto; o CPI Virxe da Saleta, de Cea, co segundo, e o Colexio Calasanz Padres Escolapios da Coruña co terceiro posto. 

A competición desenvolveuse ao longo de toda a mañá na Facultade de Historia, con diferentes fases eliminatorias nas que os equipos competiron entre eles nun sistema de pregunta-resposta no que había diferentes probas, dese a identificación de imaxes e textos ata a contestación a preguntas breves. “Foi unha experiencia fantástica. Puxemos todas e todos moita ilusión en pór en marcha esta olimpíada e non podemos estar máis que satisfeitos polos resultados acadados”, comentou Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia trala celebración da cita. A olimpíada, destacou, contou coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Ourense, o Consello Social da Universidade de Vigo, a Deputación Provincial, o Concello de Ourense e diversas empresas da cidade, como a Libraría O Moucho, El Octavo Pasajero e Xogon.

Nervios e ledicia

O equipo gañador estivo formado por Carlos Cuesta, Gema da Rocha, Axel Matías Giménez e Andrea Santana, que apuntaban ao remate da competición como se adestraron para o encontro durante un mes acudindo ao centro en horario extraescolar polas tardes. Recalcando todos o positivo que foi a experiencia fixeron fincapé “no alto nivel de todos os grupos” e dos moitos nervios pasados, principalmente na primeira fase “onde dependíamos máis da sorte xa que competíamos sete equipos ao mesmo tempo”. “Viñamos a xogar, a divertirnos, pero é unha alegría que teñan acadado o premio porque traballaron moito como equipo”, comentou Beatriz Temes, xefa de estudo do CPR Padre Feijoo Zorelle que acompañou ás e aos estudantes. 

Para todas e todos os participantes nesta I Olimpíada de Historia. Fai Historia con nós, para as e os docentes que os acompañaron, para os centros e para a organización da cita, Virxilio Rodríguez, vicerreitor en funcións do campus de Ourense, tivo palabras de recoñecemento e agradecemento. “Isto é unha demostración do que é a universidade”, díxolle aos rapaces e rapazas presentes. O vicerreitor amosou o desexo de que “nos volvamos a ver aquí competindo nunha liga superior, estudando” afirmándolles que para facelo “non ides atopar nada mellor que esta universidade”.