O programa MEET-Uvigo implica xa a seis titulacións do campus de Vigo

60 estudantes comezan a súa formación para converterse en mentores o vindeiro curso

A maioría foron mentees e agora prepáranse para poñerse do outro lado

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantes
M.Del Río DUVI 28/05/2018

Dos 60 estudantes que comezan esta semana a súa formación para exercer de mentores o curso próximo, a maioría formaron parte anteriormente do programa MEET-Uvigo como mentees. Esta é unha mostra do forte que está a callar esta iniciativa de mentorización entre o alumnado, que unha vez se beneficia desta experiencia no seu primeiro ano na Universidade, deciden involucrarse nos últimos cursos como mentores. Para poder facelo, entre o que resta de curso e o mes de setembro recibirán unha formación específica en competencias transversais divididos en tres grupos. O primeiro deles arrancou a formación este luns na aula pensadoiro da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, o centro no que arrancou esta iniciativa en 2013.

Agora o programa está xa estendido a seis titulacións do campus de Vigo: Tecnoloxías de Telecomunicación, Linguas Estranxeiras, Química, Recursos Mineiros e Enerxéticos, Economía e Ciencias do Mar. Estes dous últimos graos incorporáronse ao proxecto neste curso e a idea é continuar estendendo a iniciativa a toda a institución, como explica Artemio Mojón, un dos 25 profesores e profesoras da Universidade que se encargan voluntariamente da formación dos futuros mentores. “Agardamos poder seguir adiante e temos xa prevista unha xuntanza co novo equipo de goberno para abordar o tema; somos optimistas, porque ambas candidaturas contemplaban apostar pola mentorización”.

Nota media por riba de 8 para o programa

Para o profesor Artemio Mojón, que está implicado neste proxecto dende o seu xermolo na EE de Telecomunicación, o balance non pode ser máis ca positivo e “mostra diso é que cada ano se suman novas titulacións”. Para coñecer o impacto que estas mentorizacións teñen no alumnado, realizan enquisas anuais que reflicten un grao de satisfacción moi alto, cunha nota media para mentees dun 8.5 e para mentores de entre o 8.5 e o 9. O docente explica que as e os rapaces de primeiro valoran moito ter un apoio, “alguén ao que acudir e coa experiencia moi fresca, que é a idea do mentoring”. Apunta que “cando o alumnado novo chega á Universidade está un pouco despistado, o primeiro ano poder se duro e é moi útil contar cun apoio e estar involucrado nun grupo que axude a coñecer xente nas primeiras etapas”. As e os estudantes tamén remarcan nas enquisas que as e os mentores lles axudan, “a organizarse, a ter perspectiva da carreira e non virse abaixo cos primeiros paus, porque hai persoas afeitas a aprobar con relativa facilidade e cando chegan ao primeiro ano de carreira as cousas son distintas. Nese momento é necesario ter perspectiva para seguir adiante. De feito, o que nos contan é que lles foi  de tanta axuda que queren devolver o favor”, remarca Mojón.

Maioría feminina

En total, no curso 2018-2019 haberá 60 estudantes mentores con maioría feminina. Son arredor de 10 de cada titulación e, ao longo do ano, encargaranse cada un deles e delas da titorización de grupos de cinco estudantes de primeiro curso do seu grao. Sobre a formación que reciben, M.ª Ángeles Villar, técnica superior da Área de Innovación Educativa, explica que “a metodoloxía que se emprega está baseada no coaching e é moi práctica, o alumnado é en todo momento o protagonista. As dinámicas están enfocadas para que cheguen a reflexións propias que os faga saír da súa zona de confort e entrar na súa zona de aprendizaxe”. Villar apunta tamén que “o valor do programa vai máis aló do sistema de titoría entre pares que desenvolve, a formación do alumnado mentor en competencias transversais e poder experimentar a xestión e liderado dun equipo fai que mellore a súa empregabilidade. Por outra banda, o profesorado tamén aprende a desenvolver as competencias transversais que despois pode implantar nas súas materias”.

Formación para pasar de mentee a mentor

Na mañá deste luns comezou o programa de formación do primeiro dos grupos, formado por 21 estudantes de Linguas Estranxeiras e Tecnoloxías de Telecomunicación (os outros dous grupos comezarán nos vindeiros días). Durante varias semanas recibirán formación en competencias transversais xerais, comezando polas relacións intra e inter persoais, como intelixencia emocional, traballo en equipo, liderado ou motivación. En setembro desenvolveranse varios bloques sobre comunicación, organización do tempo e estudos e unha sesión final específica centrada na mentoría. 

Deste primeiro grupo forma parte Lydia Freire, estudante de Linguas Estranxeiras, que foi mentee e valora a experiencia como moi boa. Explica que comezar os estudos universitarios “é un cambio moi grande respecto do instituto, estabamos acostumados a que os profesores fosen como os nosos pais”, recoñece, e considera que os mentores son de moita axuda para facer fronte a unha etapa de moita responsabilidade. “Axúdanche a coñecer a cada profesor e cada materia, preocúpanse por ti, por como vas e lembra que no seu caso eses interese e comunicación continuou mesmo tras rematar o período de mentorización. En igual situación está Ana Purriños, estudante de segundo curso na EE Telecomunicación, que foi mentee o ano pasado. “O meu mentor fixo un gran traballo, fixo actividades para nós, para que nos coñecésemos, guiounos no primeiro ano, que é duro, e agora quero axudar eu á xente que estará na mesma situación ca min o ano pasado”, conclúe.