Dirixidas a alumnado de 4º curso das escolas de enxeñaría de Telecomunicación e Informática

A consultora viguesa Optare Solutions crea un programa de bolsas para incorporar talento galego ao sector TIC

Ofrecen matrícula gratuíta no máster, prácticas preprofesionais e incorporación ao mercado laboral

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 29/05/2018

Estar a piques de titularse no Grao de Enxeñaría de Telecomunicación ou no de Enxeñaría Informática e contar cun bo expediente académico –mínimo nota media de notable-. Estes son os requisitos que deben cumprir as candidatas e candidatos a facerse cunha das catro bolsas abbilia Master e abbilia Master Woman, unha iniciativa posta en marcha pola consultora tecnolóxica viguesa Optare Solutions dirixida a facilitar a incorporación do talento que se está a formar nestas escolas ao sector empresarial galego.

Ademais de custear o pago íntegro da matrícula no máster habilitante de cada unha destas escolas, as persoas seleccionadas accederán tamén a dous anos de prácticas profesionais remuneradas no sector das operadoras de telecomunicacións e outros dous anos de contratación laboral con esta empresa viguesa creada no ano 2002 e especializada no sector das novas tecnoloxías e a innovación. O prazo de solicitudes arrancará este mesmo xoves e prolongarase ata o 30 de xuño.

Presentacións en Vigo e Ourense

Mañá mércores presentaranse no campus de Vigo nun acto que contará coa participación do director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas; e o xoves realizarase en Ourense unha presentación específica para o alumnado da EE de Informática coa intervención de representantes da empresa e do director da escola Francisco Javier Rodríguez. Ademais, ambas presentacións contarán tamén coa participación de María Cuevas, da empresa BT, e de Mario Rascón,  do grupo MásMóvil, que tratarán de achegar o punto de vista máis práctico sobre a realidade coa que enxeñeiras e enxeñeiros dunha empresa operadora de telecomunicacións se atopan a diario nos seus postos de traballo.


Previamente, hoxe martes, o xerente e a responsable de Recursos Humanos da empresa, Luis Alves e Cristina Martín, presentaron esta nova convocatoria de axudas nun almorzo de traballo cos medios de comunicación no que fixeron fincapé no forte compromiso da súa firma “non só para fomentar o talento galego, senón ademais e en concreto, co incremento da presenza das mulleres enxeñeiras no ámbito tecnolóxico”.

Esta é a primeira convocatoria anual dunhas axudas que nacen, segundo destacaron na presentación, con vocación de permanencia. O obxectivo é facer posible a conciliación da formación universitaria de posgrao coa adquisición simultánea de experiencia profesional para poder trasladar os coñecementos adquiridos no grao e no máster á práctica real no mundo da empresa nun sector con gran demanda de profesionais altamente cualificados.

Axudas específicas para loitar contra a brecha de xénero

A preocupación de Optare por reducir a brecha de xénero plásmase na creación dunha axuda específica para mulleres: a bolsa abbilia Master Woman. Trátase, segundo especificaron, non só de incrementar a presenza de mulleres neste sector, senón tamén de garantir a igualdade de condicións no mercado laboral das novas tecnoloxías e as telecomunicacións.

“Esta iniciativa de atracción de talento, pioneira en Galicia, ademais de atopar sustento natural nos valores de innovación e vocación de expansión internacional da compañía, é unha mostra máis do crecente compromiso e responsabilidade de Optare cunha educación en tecnoloxía que promova a igualdade de oportunidades para todas as persoas sin condición”, explicaron desde a empresa, firma que tamén colabora coa Universidade ofrecendo prácticas fin de grao, así como apoio e titorización nos Traballos Fin de Grao e Fin de Mestrados das diferentes titulacións que se cursan na EE de Telecomunicación e da EE Informática.