Trátase dunha ferramenta bioinformática do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas

PanDrugs selecciona o mellor tratamento farmacolóxico contra o cancro segundo as mutacións do tumor

Miguel Reboiro e Daniel González participaron no seu desenvolvemento

Tags
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 31/05/2018

Unha plataforma bioinformática que prioriza os tratamentos farmacolóxicos contra o cancro de acordo cos datos xenómicos individuais de cada persoa. Deste xeito preséntase PanDrugs, unha ferramenta posta en marcha polo Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas CNIO e en cuxo desenvolvemento participaron os enxeñeiros informáticos da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense Miguel Reboiro e Daniel González. 

O proxecto foi financiado polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, a Xunta de Galicia, o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, contando coa implicación do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo e o Instituto de Saúde Carlos III. No último número da revista Genome Medicine 2018 preséntase a ferramenta e varios casos nos que xa foi empregada nun artigo titulado PanDrugs: a novel method to prioritize anticancer drug treatments according to individual genomic data, asinado de ademais de por Miguel Reboiro e Daniel González por Fátima Al-Shahrour, Elena Piñeiro, Gonzalo Gómez, Javier Perales, Kevin Troulé, José Manuel Rodríguez, Héctor Tejero, Takeshi Shimamura, Pedro Pablo López, Julián Carretero, Alfonso Valencia e Manuel Hidalgo. 

O desenvolvemento de PanDrugs, explican Miguel Reboiro e Daniel González, xorde no marco da liña de colaboración aberta desde hai varios anos entre estes dous enxeñeiros informáticos do Grupo de Investigación Sing Sistemas Informáticos de Nova Xeración da Universidade de Vigo e o Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas. A posta en marcha desta aplicación, detallan, faise no marco do auxe que está tendo a “medicina personalizada” que, sinalan, no caso das persoas con cancro “é especialmente interesante”. Así, explican os investigadores da Universidade de Vigo, unha mesma tipoloxía de tumor pode ter orixes diferentes en pacientes diferentes e cada paciente pode ter unha reacción diferentes á medicación en función desta orixe.

A potencia do seu repositorio 

O sistema de PanDrugs, comentan Reboiro e González, basea esta atención personalizada en secuenciar o xenoma do tumor do paciente e buscar a mutación ou mutacións que deron lugar a esa enfermidade e en base a esas mutacións decidir cal é o mellor tratamento para ese paciente en concreto. Para acadar este obxectivo, detallan, desenvolveron unha meta base de datos que integra información de moitas bases de datos. Deste xeito, o persoal médico ten a posibilidade de que, introducindo a secuencia xenética do tumor e tras detectar as mutacións existentes, o sistema informático ofrece diferentes tratamentos farmacolóxicos posibles puntuados. Deste xeito, sinalan os investigadores, PanDrugs non só ofrece o tratamento con máis probabilidades de éxito segundo a información manexada senón que tamén proporciona alternativas ás que se pode recorrer en caso de que a primeira proposta farmacolóxica non teña resultados positivos. 

“O noso traballo consistiu no desenvolvemento da ferramenta en si, da plataforma informática”, comentan os investigadores do campus de Ourense. Así, destacan desde PanDrugs, a potencia desta ferramenta recae en parte en que constitúe o repositorio público máis grande de relacións fármaco-diana, que abranguen desde as terapias dirixidas empregadas hoxe en día en clínica ata compostos en fase preclínica. A versión actual do sistema integra datos procedentes de 24 fontes primarias e é capaz de xerar 56.297 asociacións fármaco-diana obtidas da posible combinación de 4804 xenes e 9092 compostos únicos.

No desenvolvemento informático desta ferramenta, os investigadores da Universidade de Vigo, que recentemente iniciaron tamén un proxecto de investigación centrado no uso de intelixencia artificial para a detección e clasificación en tempo real de lesións colorrectais, veñen traballando desde o ano 2015. Coa aplicación xa funcionando, o vindeiro mes, afirman os enxeñeiros informáticos do campus de Ourense, volverá a reunirse o equipo que a elaborou para continuar perfeccionando PanDrugs.