Alumnado de primaria e secundaria presenta as súas investigacións nunha feira no campus pontevedrés

Preto de 500 escolares demostran as súas dotes científicas en Pontenciencia

Nunha iniciativa promovida polo Concello e a Universidade

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Transferencia
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 01/06/2018

O estudo sobre o proceso de descomposición das follas, realizado por alumnado do CEIP Froebel, a análise dos datos de peso, altura e  índice de masa corporal que estudantes do CEIP Vilaverde realizaron dos seus 300 compañeiros e compañeiras co propósito de poñelo en relación co tipo de alimentos que compoñen as súas merendas, xunto aos experimentos realizados polos nenos e nenas do CEIP Sagrado Corazón de Placeres sobre como o aumento da temperatura ambiente inflúe na temperatura do mar ou o estudo sobre o proceso de conservación dos alimentos do CEIP Marcón. Así, ata un total de 29 proxectos, resultado da aplicación nas aulas do método científico, son defendidos nas xornadas de venres e sábado no campus de Pontevedra por estudantes de primaria e secundaria na quinta edición da Feira da Miniciencia, o evento final do programa Pontenciencia, que a Concellería de Educación e a Universidade de Vigo impulsan co financiamento da Fecyt (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología), e que nestas dúas xornadas reúne no campus preto de 500 escolares.

Unha edición de récord  

Coa presentación, ante un xurado integrado por profesorado das diferentes facultades e escolas do campus, das 18 investigacións desenvolvidas na categoría de Ciencia na Escola por estudantes de once colexios da cidade abríase na mañá neste venres na Escola de Enxeñaría Forestal esta Feira da Miniciencia, que alcanza neste 2018 as súas cifras de participación máis elevadas. Por unha banda, pola incorporación dun maior número de centros de primaria, e, por outra, pola incorporación de estudantes de secundaria de catro centros do municipio, que na tarde deste venres defenderán na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que se incorpora como sede do evento, outras 13 investigacións. Proxectos aos que hai sumar ademais as investigacións que, na mañá do sábado, presentarán na EE Forestal os 13 grupos participantes na categoría de Ciencia en Familia

Previamente, alumnos e alumnas dos colexios San Bieito de Lérez, Santo André de Xeve, San Martiño, Froebel, Marcón, Vilaverde, Ponte Sampaio, Sagrado Corazón, San José e Sagrado Corazón de Placeres, xunto ao CCE Príncipe Felipe presentaron ao longo da mañá os seus proxectos na EE Forestal, nunha feira que recibiu a visita do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Educación, Carmen Fouces, xunto ao director da escola, Juan Picos. “Primeiro de todo, esta actividade é importante para a formación dos propios rapaces, que teñen ademais unha visualización positiva da universidade, que ás veces non teñen moi claro que é”, salienta Picos dunha actividade “consolidada”, que ademais de supor “unha inxección de ledicia” nun centro que recibe a centos de nenos e nenas “moi activos e ilusionados”, contribúe tamén a que estes “teñan unha idea desta titulación, deste dentro e propio campus, o que creo que é tamén sementar de cara aos futuros universitarios que imos ter en Pontevedra”.

O resultado de meses de traballos

18 investigadores e investigadoras, procedentes das diferentes centros do campus, así como da Escola Universitaria de Enfermería e da Escola Naval Militar, dous centros adscritos á Universidade de Vigo, e da Misión Biolóxica de Galicia e do Instituto Español de Oceanografía, integran o comité científico encargado de avaliar os proxectos que nenos e nenas desenvolveron nos seus centros nos últimos meses. “Realizaron proxectos moi variados e moi orixinais, a maioría a partires de propostas moi curiosas que se lles ocorreron a eles”, sinala Purificación Marcet, profesora da EE Forestal e presidenta dun comité que cada ano propón aos e ás participantes unha batería de posibles investigacións, e que nesta xornada puido coñecer, nas verbas dos propios nenos e nenas, unha serie de proxectos “cun nivel moi alto”, nunha edición na que “está todo moi igualado” e da que destaca tamén o bo nivel do alumnado expoñendo os seus proxectos. “Cóntano como unha experiencia vivida, non como algo que estudaran un día concreto”, recoñece nese senso o docente do CEIP Santo André de Xeve Francisco Berrocal, da exposición que o alumnado deste centro realizaba do proxecto que no presente curso lles levou a coñecer, de mans de profesionais, o proceso de extracción da resina das árbores.

Múltiples actividades complementarias

A EE Forestal foi sede así mesmo dunha serie actividades de divulgación científica e promoción da investigación que, por exemplo, levaron aos nenos e nenas a coñecer algúns dos materiais audiovisuais divulgativos desenvolvidos polo grupo Divulgare; a achegarse ao funcionamento dun telescopio da man da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura e a Área de Astronomía e Astrofísica da Universidade, ou a descubrir os estereotipos masculinos e femininos presentes nas fotografías, nun taller coordinado pola profesora de Ciencias da Educación e do Deporte Ana Rey. 

Un total de 15 propostas integran o programa de actividades complementarias desta quinta edición de Pontenciencia, que ten tamén entre as súas novidades a implicación de catro empresas locais, Setga, Cristalería Pontevedra, Orballo e Hifas da Terra, que financian os premios de 300 euros que se outorgarán ás mellores investigacións na cerimonia de entrega de galardóns programada para este sábado.