Na primeira visita institucional de Manuel Reigosa trala súa investidura

O reitor comparte co presidente da Deputación e co alcalde os retos para o campus de Ourense

O Campus da Auga e o mapa de titulacións foron algúns dos temas abordados

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 12/06/2018

Na súa primeira visita institucional a Ourense trala súa investidura, Manuel Reigosa, novo reitor da Universidade de Vigo, reuniuse este martes co presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e co alcalde da cidade, Jesús Vázquez. Tralos encontros, o responsable da institución académica salientou como o campus de Ourense está “moi apoiado polo Concello e pola Deputación e para nós é moi importante sentir ese alento e empurre”. 

Segundo destacou Manuel Reigosa en declaracións aos medios de comunicación tralo último dos encontros, o obxectivo destas reunións, nas que tamén estivo Esther de Blas, nova vicerreitora do Campus de Ourense, foi facer partícipes ás dúas principais institucións da provincia “da nosa planificación a medio e longo prazo para o campus de Ourense”. Un campus que, recalcou o reitor, “esperamos que siga medrando e que siga sendo cada vez máis un referente nalgúns temas de investigación”, como por exemplo o agroalimentario. “Cremos que é un campus que ten moitos puntos fortes” “un campus especialmente ben posicionado”, subliñou Manuel Reigosa, citando aspectos como a súa ubicación na cidade e a súa boa relación coa cidadanía e coas institucións. Sobre o seu futuro, o reitor adiantou como se traballará para o fortalecemento das titulacións existentes, como o Grao en Enxeñaría Aeroespacial, e para atraer a partir do 2021 novas titulacións relacionadas coas xa existentes ou co proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga. 

Cooperación anual coa Deputación

A primeira das reunións celebradas este martes foi no Pazo Provincial. No encontro, Manuel Reigosa e Manuel Baltar analizaron os ámbitos de cooperación que veñen mantendo Deputación e Universidade de Vigo. Entre os temas que trataron estivo o Campus da Auga e todo o que conleva a prol do termalismo na provincia de Ourense; a consolidación de titulacións e as iniciativas que favorecen o emprendemento e a investigación, acordando seguir traballando coordinadamente por medio do convenio anual que subscriben as dúas institucións. Da colaboración entre as dúas entidades, Manuel Baltar subliñou “o punto en común que temos ambas as dúas institucións: o progreso económico e social da provincia de Ourense, e seguir na liña de aumentar a competitividade, para o cal é fundamental o labor que desenvolve a Universidade de Vigo por medio do campus de Ourense, con titulacións, profesorado e proxectos que contribúen a especializar, internacionalizar e potenciar os valores que temos como provincia”.

Apoio do Concello 

A segunda das reunións foi na alcaldía do Concello de Ourense. Neste caso, Manuel Reigosa e Jesús Vázquez abordaron diferentes temas de colaboración entre as dúas institucións, entre eles a cuestión do pago do Imposto de Bens Inmobles, o IBI, do que o reitor salientou “a postura de máxima colaboración” entre as dúas institucións para avanzar nesta cuestión. Tralo encontro co reitor, Jesús Vázquez destacou como “é un pracer darlle a benvida e desexarlle desde o logo o mellor do mellor nesta nova etapa”. O alcalde brindou ao novo equipo “todo o apoio” recalcando como “en moitas cousas temos que ir da man” Concello e Universidade e destacando como o campus de Ourense “quere seguir medrando en calidade e cantidade”. “Temos que traballar mirando cara o futuro, sendo ambiciosos”, subliñou Jesús Vázquez.