De momento están á fronte, en funcións, as profesoras Ana Bernabeu e María Araújo

Ciencias do Mar e Enxeñaría de Minas e Enerxía renovarán en xullo os seus equipos directivos

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 13/06/2018

A Facultade de Ciencias do Mar e a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía renovarán o vindeiro mes de xullo os seus equipos directivos. Os cambios chegan tras incorporarse as ata agora responsables de ambos centros, as profesoras Belén Rubio e Natalia Caparrini, ao novo equipo de goberno, como vicerreitora de Investigación, a primeira, e de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, a segunda. 

As votacións na EE de Minas e Enerxía serán o 4 de xullo

O primeiro centro en elixir novo director/a será a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, que o fará o vindeiro 4 de xullo. Ata entón, queda á fronte a profesora María Araújo, ata agora subdirectora de Organización Académica, cargo que pasa a ser ocupado pola xefa de negociado Mª del Carmen Romo . O proceso electoral arrancou neste caso esta mesma semana co sorteo da composición e constitución da xunta electoral, a exposición do censo provisional – será mañá xoves 14 e o venres 15-, e, xa a vindeira semana, a presentación de reclamacións ao censo, a publicación do censo definitivo e, do 20 ao 22 de xuño, a presentación de candidaturas, cuxa proclamación definitiva será o 28 de xuño.

A persoa que saia elixida para dirixir o centro tomará a remuda de Natalia Caparrini, quen accedera ao cargo en marzo de 2016 co respaldo unánime da xunta de escola, e tras dous mandatos ao fronte do centro do profesor José Benito Vázquez. Xunto a ela, formaban parte da dirección, ademais da xa citada subdirectora María Araújo; David Patiño, como subdirector de Asuntos Económicos e Infraestruturas; Higinio González, como subdirector de Relacións Internacionais e Programas de Intercambio, e Ángeles Saavedra, como secretaria.

En Ciencias do Mar a cita electoral será o 17 de xullo

No caso da Facultade de Ciencias do Mar, onde quedou como decana en funcións a vicedecana Ana Bernabeu, a cita electoral será o 17 xullo. Neste caso o calendario electoral abrirase o vindeiro luns coa constitución da xunta electoral e a exposición dos censos provisionais no taboleiro electoral e, tras o período de reclamación e exposición dos censos definitivos, o período de presentación de candidaturas será do 28 de xuño ao 5 de xullo.

A persoa que tome as rendas da Facultade de Ciencias do Mar substituirá no cargo á catedrática Belén Rubio, decana do centro desde xuño de 2013, cando collera a remuda de Jesús Souza Troncoso. Tras un primeiro mandato Rubio renovou o cargo en xullo de 2016 e, dende entón, dirixiu a facultade acompañada polas vicedecanas Ana Bernabeu e Nuria Pedrol, e a secretaria Mª Amelia Coello.