Docentes do campus realizaron con Paspallás un proxecto para o Hospital Teresa Herrera da Coruña

Unha intervención artística e pedagóxica para facer máis humano o espazo hospitalario

A iniciativa foi financiada pola Fundación Paideia

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Transferencia
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 18/06/2018

“Un hospital é un ecosistema moi particular onde as persoas establecen relacións condicionadas por procedementos burocráticos, espaciais, sanitarios e emocionais moi intensos”, recolle a memoria do proxecto de ambientación artístico-pegadóxica do Servizo de Rehabilitación Infantil do Hospital Teresa Herrera da Coruña que as investigadoras do grupo Remoss, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Begoña Paz, Itziar Ezquieta e Cristina Varela realizaron xunto coa asociación socioeducativa e cultural Paspallás. Financiado pola Fundación Paideia, o proxecto, que actualmente se atopa en fase de avaliación, englobou tanto o deseño de mobiliario como de materiais lúdicos e didácticos específicos co propósito de impulsar unha mellora, “de facer máis cómodo e agradable”, espazos como a sala de agarda pola que cada día pasan máis dunha trintena de nenos e nenas, que acoden ás diferentes consultas que engloba este servizo, como atención temperá, terapia ocupacional, logopedia, fisioterapia ou psicoloxía.

“Cando se fala de humanización, fálase de intervir desde varios niveis. Nós enfocámolo como unha intervención artística que transforma o espazo, pero na que se incorporan tamén o pedagóxico e o lúdico”, salienta Begoña Paz, directora artística, xunto con María Paz, da asociación Paspallás, dun proxecto que, inspirándose nas pezas do xogo do tangram, permitiu mudar “unha sala de agarda fría e anodina” e facer dela un lugar que, ademais de xerar un clima máis cómodo para nenos e nenas, servise tamén “como un elemento previo á intervención que se vai realizar logo nas zonas de terapia”. Nese senso, o proxecto que partiu da iniciativa dunha das terapeutas deste Servizo de Rehabilitación Infantil é o resultado, explican as docentes da Área de Didáctica da Expresión Plástica, dun proceso dunha colaboración entre o equipo de Paspallás, as investigadoras do grupo Remoss e o propio persoal deste espazo hospitalario. “Realmente foi un traballo moi interesante a ese nivel”, apunta Paz dun proxecto que nese senso partiu de entrevistas ao persoal hospitalario “para coñecer que necesidades tiñan e que melloras podían realizarse”, dando pé a un “traballo interdisciplininar con profesionais de distintos ámbitos”, que abrangue desde unha xuntanza previa co xefe do servizo e co arquitecto do hospital ás opinións de distintos profesionais que se foron recollendo en diferentes fases do proxecto. “A humanización non é o só intervir a nivel estético, senón reformular todo o espazo coas necesidades tanto dos profesionais como dos usuarios”, engade nese senso Cristina Varela dun proxecto que supuxo “intervir tanto nos fluxos de xente, como na arquitectura ou como no propio material didáctico, adaptado ao que o persoal do servizo demanda”. De feito, trala instalación dos diferentes elementos, as investigadoras desenvolven nas últimas semanas “a recollida de datos e avaliación final” desta intervención, que abrangue, como explica Paz, tanto a realización de cuestionarios ao persoal médico, como “a observación directa con familias e con nenos”.

Elementos únicos para un espazo único

Fronte ás cadeiras de plástico non adaptadas a nenos e nenas coas que contaba previamente esta sala de agarda, o proxecto, que contou tamén coa participación do arquitecto e alumno de doutoramento da Facultade de Belas Artes Diego Germade, achegou unha serie de pezas de mobiliario deseñadas especificamente para o espazo, “que nalgunhas zonas funciona tamén como muro” e que contribúen tamén a “marcar o percorrido” que realizan pacientes e profesionais, á vez que dotan ao servizo dunha identidade visual marcada pola cor nos espazos pensados para os cativos e por outras tonalidades nos destinados ao persoal médico, e que abrangueu tamén cambios en materia de rotulación e sinaléctica ou do propio panel de información que empregan os profesionais.. 

Na propia sala de agarda, a intervención definida por unha superposición de paneis de cores que emulan un tangram, comprendeu así mesmo a instalación  nestes dunha serie de paneis nas paredes que reúnen diferentes materiais lúdicos e didácticos. “Trátase duns materiais moi elaborados, moi artesanais, feitos especificamente para este proxecto”, explica Paz duns materiais que permiten, dun xeito lúdico, traballar a motricidade ou a autonomía persoal a través de xogos. A estes súmanse así mesmo outra serie de paneis que parten dunha serie de ilustracións para as que Ezquieta deseñou unha serie de “personaxes que resultasen atractivos” a nenos e nenas, co propósito de que servisen para traballar por unha banda as emocións e por outra, dar a coñecer ás e aos propios profesionais do servizo. “A idea é que poidan ir vendo de maneira visual e sinxela que o é o que van traballar con eles”, apunta esta docente dunha serie de ilustracións recollidas nuns paneis de madeira que nenas e nenos poden ir abrindo como se fosen libros e obter máis información.