Obtivo unha AXA Research Fund Fellowship por importe de 120.000 euros

O investigador João Alves acada unha bolsa internacional para estudar o potencial da biopsia líquida na diagnose do cancro

O proxecto será supervisado por David Posada e nel colaborarán médicos galegos

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 29/06/2018

Aproveitamento de biopsias líquidas para medicina personalizada (Leveraging liquid biopsies for personalised medicine) é o título do proxecto polo que o investigador do Laboratorio de Filoxenómica da Universidade de Vigo João Alves recibirá 120.000 euros procedentes dunha AXA Research Fund Fellowship, as bolsas impulsadas polo Fondo de Investigacion da compañía internacional de seguros, co obxectivo de promover os descubrimentos científicos que contribúen ao progreso social. 400 investigadoras e investigadores concorren cada ano a esta convocatoria, que na edición de 2018 elixiu a preto de 40 científicas e científicos internacionais, entres eles cinco españois, para desenvolver os seus proxectos de investigación nos ámbitos da saúde, o medio ambiente, os datos e a tecnoloxía e con especial atención á transición enerxética e á saúde da muller.

“Estou encantado con este proxecto”, asegura Alves, que sinala que “con sorte, poderemos utilizar os resultados deste proxecto para  atopar o camiño cara a estratexias terapéuticas específicas do paciente, máis precisas e eficientes”. Doutor en Evolución Humana e Xenética pola Universidade de Porto, João Alves traballa desde o ano 2015 no Laboratorio de Filoxenómica da Universidade de Vigo, onde solicitou un posto para traballar en evolución do cancro xusto ao rematar o seu doutoramento.

Un estudo potencial da biopsia líquida para a diagnose do cancro

Baixo a supervisión do catedrático de Xenética da Universidade de Vigo David Posada, coa axuda no laboratorio da investigadora Sonia Prado e coa colaboración das e dos médicos Paula González do Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e Joaquín Cubiella e Mercedes Salgado do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, João Alves centrarase no primeiro proxecto que lle outorgan directamente “en estudar a diversidade xenética intratumoral (a variabilidade molecular nas células tumorais dun paciente individual) no contexto da agresividade do cancro, utilizando unha estratexia non invasiva baseada no sangue, coñecida como biopsia líquida e explorar se esta información pode utilizarse como unha ferramenta de prognóstico preciso no contexto clínico”.

Dun xeito máis específico, o grupo liderado polo investigador luso explorará como a información derivada das células tumorais que circulan no torrente sanguíneo, coñecidas como CTC poden usarse como un indicador da diversidade do tumor, ao tempo que se investiga se esta diversidade se correlaciona co prognóstico do paciente.

Cinco proxecto españois, entre os seleccionados

Á bolsa acadada polo investigador da Universidade de Vigo João Alves, engádense outras catro obtidas por científicas e científicos españois. Tres delas teñen como obxectivo a investigación do medio medioambiente: o proxecto de Jordi Baro-Urbea (Centre de Recerca Matemàtica-Barcelona Graduate School of Maths), que estuda a  predición de fallas estruturais potencialmente perigosas; o de  Marta Olazabal (BC3 Basque Centre for Climate Change), que está a analizar o xeito no que as cidade se están a preparar para o cambio climático e o de Alessandro Franci (CIMNE de Barcelona), que desenvolve ferramentas para previr e mitigar os efectos dos derrubamentos. No ámbito da saúde, as  bolsas, ademais de financiar o proxecto de Alves, tamén achegará recursos económicos á investigación de Federica Ravera (Fundació Universitària Balmes de Barcelona), que se centra en como os efectos do cambio climático están a transformar algúns sistemas agroalimentarios marxinais no Mediterráneo.