Reuníronse coas investigadoras do grupo de investigación en Literatura Infantil e Xuvenil

Académicas americanas elixen Vigo como destino de interese literario

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Visitas
DUVI 05/07/2018

As investigadoras do grupo de investigación en Literatura Infantil e Xuvenil da Facultade de Filoloxía e Tradución recibiron esta semana nas instalacións do Museo Verbum a visita dun grupo de académicas americanas xubiladas pertencentes ao Rye Memorial Literary Group, un grupo de mulleres que, desde hai anos, visita diferentes lugares repartidos por todo o mundo con elevado interese literario, elixindo nesta ocasión a cidade de Vigo como destino. O obxectivo foi coñecer de primeira man Anilij, a Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil, fundada polas investigadoras deste grupo, e ver como traballan e cales son as súas principais liñas de investigación.

Exerceron como anfitrioas a profesora Veljka Ruzicka, directora do grupo, e a filóloga Alba Alonso Feijóo, doutora en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Vigo, que foron as encargadas de explicarlles os principais cometidos, tanto de Anilij como do propio grupo de investigación, prestando especial atención ao proxecto europeo G-Book, Gender Identity: Child Readers and Library Collections, desenvolto, xunto con outros cinco países dentro do programa Creative Europe, e no que a Universidade de Vigo e Anilij son os representantes españois.

O obxectivo deste proxecto é pór en marcha a primeira bibliografía europea de libros infantís de 3 a 5 e de 6 a 10 anos, positiva desde o punto de vista dos roles e modelos de xénero ou, o que é o mesmo, unha literatura aberta, plural, variada, sen estereotipos, baseada no respecto e na diversidade. Esta necesidade que propón o proxecto de incorporar libros positivos respecto ao xénero nas institucións académicas e bibliotecas foi a ponte perfecta para que Alba Alonso puidera tamén darlles a coñecer o seu proxecto socioeducativo Realkiddys, unha idea que xurde do seu Traballo Fin de Máster e a súa posterior tese de doutoramento sobre Masculinidades na literatura infantil inglesa, e que busca ser un espazo tanto de reflexión como de consenso de boas prácticas cara o mundo dos estereotipos de xénero, a igualdade, a coeducación...