35 participantes daranse cita entre mañá e o xoves en Soutomaior 

Cuestións fiscais, monetarias e do mercado de traballo centrarán a 23ª edición do Workshop on Dynamic Macroeconomics

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigar
Mª del Carmen Echevarría DUVI 09/07/2018

14 estudantes que presentan os seus traballos de doutoramento e 21 sénior, dos que nove son da Universidade de Vigo, que discutirán esas investigacións, participarán entre este martes 10 de xullo e o vindeiro xoves no XXIII Workshop on Dynamic Macroeconomics, que se celebrará no castelo de Soutomaior. Organizado polo grupo de investigación Research Group of Economic Analysis (RGEA) da Universidade de Vigo e coa colaboración de docentes doutras universidades e centros de investigación internacionais na área da teoría macroeconómica, nas sesión deste ano trataranse traballos de doutoramento “nos que se abordan temas situados na fronteira do coñecemento da macroeconomía, con especial atención a cuestións fiscais, monetarias e do mercado de traballo”, explica o docente e investigador da Universidade de Vigo e membro do comité científico Jaime Alonso. 

Procedentes dos mellores programas de doutoramento, as e os estudantes que participarán nas sesións proceden de centros españois, pero sobre todo do resto de Europa e Estados Unidos. Así mesmo, consolídase a presenza un ano máis do profesor e premio Nobel de Economía no ano 2004 Finn Kydland.  

Unha actividade que sitúa Vigo na vangarda do coñecemento macroeconómico

Tras máis de dúas décadas de celebración do workshop, Jaime Carrera asegura facer “unha valoración moi positiva desta experiencia. Creo que conseguimos consolidar unha actividade académica de gran relevancia e impacto internacional”, ao tempo que asegura que esta actividade “está situando Vigo na vangarda do coñecemento macroeconómico e acercando a cidade á fronteira dese coñecemento”. 

Carrera, que sinala o orgullo que para o grupo de macroeconomía da Universidade de Vigo supón sustentar esta actividade de formación e investigación, non agocha as dificultades financeiras polas que o workshop pasou os últimos anos. “Sen o apoio do grupo RGEA e ultimamente da agrupación Ecobas, sería imposible que esta actividade estivese aínda en marcha”, explica o docente, que confirma que tanto nesta edición, coma nas dúas seguintes, contarán co apoio organizativo e financeiro do Laboratory for Aggregate Economics and Finance da Universidade de California en Santa Bárbara, dirixido Finn Kydland.