A convocatoria de axudas Inou destina 40.425 euros á realización de novos proxectos

Sete investigacións para contribuír ao desenvolvemento da provincia de Ourense

As súas temáticas abranguen desde a violencia dixital ata o termalismo

Tags
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 20/07/2018

A Vicerreitoría do Campus de Ourense ven de facer pública a resolución da convocatoria de axudas de investigación Inou 2018. Nesta edición destinaranse 40.425 euros a financiar sete proxectos desenvolvidos por investigadores e investigadoras de cinco facultades e escolas do campus de Ourense. As súas temáticas abranguen desde a violencia dixital ata o termalismo.

Estas axudas son convocadas pola vicerreitoría contando coa achega económica da Deputación Provincial de Ourense no marco convenio de colaboración anual asinado entre ambas institucións. O seu obxectivo é apoiar “investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia de Ourense e ao coñecemento da súa realidade así como á especialización do campus de Ourense como Campus da Auga”. A iniciativa tamén pretende ser unha vía para que o persoal investigador a tempo completo máis novo e que ten máis dificultades para acudir a outras convocatorias, poida poñer en marcha os seus proxectos.

Proxectos de cinco facultades e escolas

Á convocatoria 2018 presentáronse 14 solicitudes, concedéndose sete delas, cun máximo de dous proxectos outorgados por centro. Cada proxecto acadou un financiamento de 5775 euros. Na Facultade de Ciencias, os traballos que se desenvolverán nos vindeiros meses con este financiamento céntranse no desenvolvemento dun método para a caracterización de camiños preferenciais de contaminantes na rede de poros de solos da Limia empregando tomografía e macrofotografía de fluorescencia, do investigador Diego Soto, e nas formulacións xelificantes a base de extractos de patacas de descarte e augas termais da provincia de Ourense para produtos de interese industrial, da investigadora Mª Dolores Torres. Na área tecnolóxica, David A. Ruano, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, levará a cabo o proxecto titulado Multi-Clustering Schemes for Drug Discovery Process (MCS4DD)

Fóra do eido científico-tecnolóxico financiaranse ao abeiro desta convocatoria proxectos nas facultades de Ciencias da Educación, Historia e Ciencias Empresariais e Turismo. Na primeira delas, a profesora Yolanda Rodríguez levará a cabo un proxecto de investigación sobre violencia dixital nas relacións afectivo sexuais de adolescentes ourensáns, abranguendo dende o control ata a vinganza porno, e o profesor David Casado realizará un estudo sobre a posta en valor do patrimonio natural e cultural nas vilas termais da provincia, ampliando as posibilidades das termas abertas. Pola súa banda, o arqueólogo Adolfo Fernández desenvolverá un proxecto sobre a ocupación medieval nunha paisaxe fluvial, concretamente sobre o caso do val medio do río Arnoia, e Trinidad Domínguez outro sobre os efectos positivos dos programas de turismo termal provinciais na calidade de vida das persoas maiores.