Día Mundial da Saúde Sexual 2018

UVigo - Igualdade 03/09/2018

"A saúde sexual e os dereitos sexuais son fundamentais para o benestar"
 

O Día Mundial da Saúde Sexual (DMSS), impulsado pola Asociación Mundial para a Saúde Sexual, é unha celebración que, dende hai 40 anos, cada 4 de setembro promove unha maior conciencia social sobre a saúde sexual no mundo. A Universidade de Vigo, como institución académica de referencia e prestixio social, aposta pola promoción da saúde sexual entendida como un estado completo de benestar físico, emocional, mental e social en relación coa súa sexualidade. A sexualidade é un aspecto central do ser humano presente ao longo da súa vida e abrangue o sexo, as identidades e os papeis de xénero, a orientación sexual, o erotismo, o pracer, a intimidade e a reprodución (OMS, 2006). Cómpre ter en conta que para que se logre e se manteña a saúde sexual, os dereitos sexuais de todas as persoas deben ser respectados, protexidos e cumpridos. A Declaración de Dereitos Sexuais, fundamentados nos dereitos humanos universais, considera que os dereitos sexuais son: 

1. O dereito á igualdade e á non-discriminación

2. O dereito á vida, liberdade e seguridade da persoa

3. O dereito á autonomía e á integridade do corpo

4. O dereito a unha vida libre de tortura, de trato ou pena crueis, inhumanos ou degradantes

5. O dereito a unha vida libre de todas as formas de violencia e de coerción

6. O dereito á privacidade

7. O dereito ao grao máximo alcanzable de saúde, incluíndo a saúde sexual que comprende experiencias sexuais pracenteiras, satisfactorias e seguras

8. O dereito a gozar dos adiantos científicos e dos seus beneficios

9. O dereito á información

10. O dereito á educación e o dereito á educación integral da sexualidade

11. O dereito a contraer, formar ou disolver o matrimonio e outras formas similares de relacións baseadas na equidade e no pleno e libre consentimento

12. O dereito a decidir ter fillos e fillas, o número e a diferenza de idade entre eles, e a ter acceso á información e os medios para logralo

13. O dereito á liberdade de pensamento, opinión e expresión

14. O dereito á libre asociación e á reunión pacíficas

15. O dereito a participar na vida pública e política

16. O dereito ao acceso á xustiza e á retribución e á indemnización