Representantes políticos e empresariais do país suramericano visitaron o campus

A Universidade senta as bases de futuras colaboracións con institucións académicas e empresariais colombianas

As universidades do departamento de Caldas suman 40.000 estudantes

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 13/09/2018

Mobilidade de estudantes, PDI e PAS; prácticas en empresas; proxectos de cooperación educativa, pero tamén nos ámbitos do desenvolvemento, a cooperación, a igualdade de xénero e responsabilidade social. Estes son algúns dos eidos nos que a Universidade de Vigo podería establecer, segundo a directora da Área de Internacionalización, Laura Movilla, colaboracións coas sete universidades colombianas do departamento de Caldas, que conforman a alianza SUMA, e nas que estudan uns 40.000 alumnos e alumnas. Unha delegación integrada por representantes políticos e empresariais dos departamentos de Caldas e Risalda, coñecido como o Eixo Cafeteiro, mantiveron nas últimas horas no campus de Vigo un encontro coa vicerreitora de Responsabilidade Social, Igualdade e Cooperación, Maribel Doval; a directora da Área de Internacionalización, Laura Movilla; e a directora técnica Oficina de Relacións Internacionais, Amelia Rodríguez, no que, ademais de coas universidades da alianza SUMA, tamén se abriu a porta á colaboración co mundo empresarial da rexión colombiana.

“A reunión foi moi positiva, posto que se identificaron puntos de interese común e de potencial colaboración entre a nosa universidade e a contorna socioeconómica e educativa do departamento colombiano de Caldas: os sectores da industria automobilística, mineiro, madereiro e termal”, explica Movilla, que se refire a este encontro como unha preparación do camiño cara á visita que fará unha delegación de universidades colombianas o vindeiro mes de outubro e no que se concretarán estas accións de colaboración.

Accións conxuntas previas con institucións académicas colombianas

Á espera da materialización de novas accións de colaboración no ámbito educativo coas universidades que integran a alianza SUMA (Caldas, Manizales, Nacional, Autónoma de Manizales, Antonio Nariño, Católica Luis Amigó e Católica de Manizales) a Universidade de Vigo ten en vigor na actualidade unha vintena de convenios marco de colaboración e unha ducia de convenios específicos de mobilidade. Así mesmo, no eido da investigación a institución académica viguesa está involucrada na Rede AQUA-Cibus, ao tempo que participa no fortalecemento da acuicultura en iberoamérica dentro do Programa Iberoamericano de Ciencia y Tecnología para el Desarrollo (Cyted), no que tamén toman parte Arxentina, Bolivia, Chile, Colombia, Costa Rica, Ecuador, España e Portugal.