O encontro de emprendemento promove máis de 40 actividades entre o 20 e o 22 de setembro

Tecnoloxía e muller emprendedora, eixos do programa do quinto Pont-Up Store

45 empresas darán a coñecer os seus produtos na carpa instalada na praza de España

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 13/09/2018

Máis de 40 actividades, entre coloquios, encontros ou obradoiros, que contarán coa participación de máis de 100 expertos e expertas, integran o programa da quinta edición do Pont-Up Store, o espazo de emprendemento impulsado pola Universidade de Vigo, no marco do Campus Crea S2i, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal. Un ano máis, o evento terá como punto central a carpa que se instalará na praza de España, onde 45 empresas darán a coñecer os seus produtos e servizos e onde terán lugar diferentes actividades. "A tecnoloxía e a visualización da muller como emprendedora” son neste 2018 os dous eixos do programa xurdido da colaboración de diferentes entidades e colectivos, como salientou o seu director, o profesor Pedro Figueroa, na presentación que este xoves tivo lugar no Concello.

Xunto a estas temáticas, a economía social ou os videoxogos como “un dos nichos máis importantes de novos empregos e emprendementos”, así como a incorporación de Google como colaborador, constitúen outros dos aspectos salientados do programa que Figueroa presentou xunto ao vicerreitor do campus, Jorge Soto, a concelleira de Cultura, Carme Fouces, e o deputado de Innovación e Promoción Económica da Deputación de Pontevedra, Javier Dios. “Trátase dunha actividade moi ilusionante para nós, dun espazo de emprendemento aberto á cidadanía”, salientou Soto nun acto no que puxo de relevo a “forte aposta” da Universidade por promover “iniciativas enfocadas a fomentar o emprendemento entre o noso alumnado”, mentres que Fouces salientou a importancia de desenvolver tecidos empresariais e de construír canles para mostrar o talento da Universidade e Dios subliñou a importancia de “promover a cultura emprendedora na sociedade”.

Un escaparate para as novas empresas 

Un total de 45 novas empresas novas presentarán nesta edición os seus produtos e servizos na carpa que permanecerá na praza de España o venres 21 e sábado 22. Foron seleccionadas de entre un total de 144 candidaturas procedentes de toda Galicia, un 10% máis que na anterior edición, e entre elas reúnense proxectos dos eidos das novas tecnoloxías, a saúde e o benestar, o turismo, a gastronomía ou a xestión cultural. Destas 45 empresas, 37 disporán dun stand gratuíto nesta carpa e seis terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades demostrativas do encontro.

A estas dúas modalidades de participación sumarase o venres 21 a terceira edición do Puntazo Exprés, aberta por primeira vez ao público. Neste encontro dez novas empresas terán a oportunidade de dar a coñecer a súa idea de negocio en cinco minutos a cinco executivas de empresas e entidades galegas; a catedrática da Universidade de Vigo, África González, directora do Cinbio e promotora da spin-off NanoInmunoTech; Piedad Varela-Portas, cofundadora da empresa Pazo de Vilane; María Caldeiro, xerente de Fundamar; Alba Baños, responsable da área analítica de Redegal; e Teresa Valdés, executiva de Bambú Producciones. 

Talleres que Google imparte en España por primeira vez

Entre as novidades figuran tamén “dous seminarios sobre empoderamento da muller” que Google impartirá en España por primeira vez, talleres que se desenvolverán na Casa das Campás na xornada previa do xoves 20 e o propio venres 21 e que “xa case teñen completa a súa inscrición”, como explicou Figueroa. Así mesmo, Google promove tamén un coloquio sobre “como construír a túa marca persoal”, que terá lugar o xoves 20 na sede da Vicerreitoría. 

Tamén na Casa das Campás darán comezo o xoves 20 as actividades centradas no eido da economía social, dentro do Espazo Ecobas, que toma o nome desta agrupación estratéxica da Universidade que ten na economía social un dos seus eixos de traballo. Así mesmo, o “desenvolvemento de competencias e do ecosistema emprendedor” centrará outro dos espazos nos que se articula o programa deste encontro, e nel inclúense as iniciativas promovidas por entidades e asociacións como AJE, a comunidade WordPress de Pontevedra, a Rede Galega de Coworking ou a Asociación Española de Mentoring e Emprendemento, que incidirá na necesidade de incrementar a presenza feminina como mentoras. 

Videoxogos e fabricación dixital

Como continuidade ao recinto da praza de España, o programa do Pont-Up Store exténdese á Sala X da Facultade de Belas Artes e á sala de exposicións da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, onde terán a súa sede un laboratorio de fabricación dixital “este ano especializado en temas musicais”, e o chamado Espazo Gaming, que abordará o emprendemento no sector dos videoxogos a través de talleres ou torneos. 

Quinto aniversario

A estas iniciativas súmanse dúas “actividades en continúo”, unha delas centrada na personaxe feminina que preside a imaxe gráfica desta edición, Kore, e outra dirixida a facer balance dos cinco anos de traxectoria do Pont-Up Store cunha mostra na Casa das Campás. Cinco anos nos que, lembrou Figueroa, este encontro acolleu a 210 empresas, das que o 89% continúan coa súa actividade na actualidade, á vez que programou 150 actividades nas que participaron preto de 4000 persoas e que impartiron preto de 360 expertos e expertas.

Programa do Pont-Up Store 2018