O luns partirá de Vigo a Vuelta Ciclista por la Ciencia, con cinco etapas que rematarán en Madrid

Pedaladas en defensa da investigación

Impulsada por científicos das universidades de Vigo, Rey Juan Carlos e o CSIC

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 14/09/2018

Mañás de bici e tardes de ciencia. Ese é o plan dos cinco investigadores que, a partir do luns, participarán na Vuelta Ciclista por la Ciencia. Un día despois de que a Vuelta Ciclista a España chegue á meta por última vez, arrancará unha iniciativa pioneira posta en marcha por científicos da Universidade de Vigo, a Rey Juan Carlos e o CSIC para reivindicar o papel do I+D e “transmitir, a través do deporte, a paixón polo coñecemento científico e a necesidade de facelo avanzar”. Así o explicaba o profesor Luis Navarro, director do grupo Divulgare da Universidade de Vigo, na presentación desta volta ciclista este venres no Concello de Vigo. Acompañado polo alcalde, Abel Caballero, e as vicerreitoras de Investigación, Belén Rubio, e de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e o profesor José Mª Sánchez, un dos seus compañeiros nesta xeira, deu a coñecer os detalles da súa proposta.

O alcalde da cidade felicitou aos impulsores da iniciativa, “unha ruta para transmitir, ademais do deporte e a vida saudable, a ciencia, a investigación e a vocación científica”. Trátase de poñer en valor o papel destacado do sistema público de I+D, xa que como lembraba a vicerreitora de Investigación, “o 70% da investigación en Galicia faise nas universidades e iso a xente non o sabe”. Rubio tamén quixo reivindicar un pacto de estado pola ciencia e un maior investimento, “xa que España tan só dedica un 1,2% do PIB á investigación”. Pola súa banda, Mónica Valderrama trasladou tamén as felicitacións aos investigadores e o agradecemento ao Concello polo seu apoio a esta iniciativa, que como remarcaba Luis Navarro pretende que “o pensamento científico calle na sociedade, dende as discusións de bar ata os fogares e, por suposto, na toma de decisións” por parte das administracións.

A saída, o luns ás 09.30 horas dende a antiga Reitoría

A actividade partirá o luns pola mañá da antiga Reitoría, na rúa Oporto, e lavaraos a Madrid o 21 de setembro. Serán cinco etapas con outras tantas paradas nas universidades de Santiago de Compostela, Oviedo, León, Salamanca e Rey Juan Carlos. Os investigadores completarán a distancia entre cada un dos campus, entre 100 e 130 km, polas mañás, e dedicarán as tardes a reunirse con responsables das universidades e ofrecerán charlas e obradoiros abertos ao público sobre temas de actualidade como o cambio climático, as especies invasoras e, sobre todo, ofrecerán o seu punto de vista sobre a ciencia española, facendo fincapé nos puntos forte e débiles do sistema e remarcando as melloras necesarias na administración e nos organismos de investigación.

Os cinco investigadores que participan nesta iniciativa, vinculados ao eido da ecoloxía e tamén ao deporte, son Luis Navarro e José María Sánchez, da Universidade de Vigo; Adrián Escudero, da Universidad Rey Juan Carlos; Fernando Valladares, do Museo Nacional de Ciencias Naturales, CSIC, e Pablo Vargas, do Real Jardín Botánico de Madrid, CSIC. Segundo explican os científicos, “o noso propósito é transmitir coñecemento científico, activar unha maior conciencia sobre a ciencia e o seu futuro e xerar vocacións científicas”. Para iso, apostan por traballar ao “mesmo ritmo e idéntico entusiasmo, tanto ao cruzar cidades, estradas e portos nas nosas bicicletas, como despois, en cada universidade ante alumnos, profesores e todos os cidadáns interesados na ciencia”. Está será unha iniciativa pioneira, que agardan teña continuidade no tempo e amplíe o tamaño do pelotón, “é unha particular aventura física e intelectual que pretende reunir vocacións e estimular a proxección do pensamento científico na sociedade”. De cara ao luns, Sánchez e Navarro pediron apoio da cidadanía para que os acompañe na saída e, “sobre todo mulleres científicas” para visualizar tamén o papel das mulleres na investigación.

Nestes cinco días lucirán un maillot deseñado en exclusiva para esta iniciativa polo grupo Divulgare que tamén realizará un seguimento audiovisual do evento a través de Twitter (@CienciaVuelta), Instagram (@CienciaVuelta) e Youtube.