Da man de destacados investigadores e investigadoras españolas e alemás

A Asociación Alexander Von Humboldt analiza en Vigo a contribución da universidade o estudo do medio mariño

A presidenta do CSIC inaugurou os encontros que organiza a asociación en España

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
Mª del Camen Echevarría DUVI 14/09/2018

Co obxectivo de articular un foro de discusión de alto nivel científico para afondar sobre a ciencia e o mar desde punto de vista interdisciplinar, estudando como o medio mariño contribúe a sostibilidade e desenvolvemento, este venres e mañá sábado celébranse en Vigo os XXVIII Encontros Humbolt. Organizados pola Asociación Alexander Von Humboldt en España, coa colaboración do Consello Social da Universidade de Vigo, a Xunta de Galicia e Zona Franca, os encontros nos que se afonda na contribución das universidades á análise do medio mariño, comezaron esta mañá cunha conferencia inaugural a cargo da presidenta do CSIC, Rosa Menéndez, que reivindicou as achegas do centro que dirixe ás ciencias do mar. Nunha intervención con moitas referencias ao traballo desenvolvido polo Instituto de Investigación Marina de Vigo, Menéndez referiuse aos feitos máis destacados da historia das ciencias mariñas en España, ao tempo que repasou os datos máis salientables da actividade do CSIC no ámbito mariño. A presidenta do Centro Superior de Investigaciones Científicas tamén se referiu na súa intervención o traslado do centro de Vigo á ETEA, asegurando que “espero que o próximo ano se lance o proxecto e a principios de 2023 ou finais de 2022 podamos inaugurar o novo edificio”.  

O relatorio da directora do CSIC abriu os encontros que a Asociación Alexander Von Humboldt de España celebra desde hai 27 anos e nos que tamén se aproveita para  difundir a política científica e as bolsas que a asociación ofrece a alumnado e persoal investigador, nesta ocasión da Universidade de Vigo. “A asociación, que conta na actualidade con 250 membros, fundouse en 1991 co obxectivo de manter unidos, en España, a todas e todos os bolseiros que disfrutaron dunha estancia de investigación en Alemaña, subvencionada por nós”, explica Juan-Luis Gómez, presidente da asociación e catedrático da Universidad Jaume I de Castellón. Ata o sábado no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo sucederanse as intervencións de científicas e científicos de universidades e centros de investigación españois e alemáns “que abordarán integral e interdisciplinariamente o tema do mar como eixo vehicular de desenvolvemento”, explica Gómez, que sinala Vigo como unha cidade idónea para a celebración dos encontros, tanto pola súa condición marítima, como por impartir na súa universidade o Grao en Ciencias do Mar. “A análise científica do mar debe servir para que a sociedade tome conciencia do seu enorme valor e aprecie axeitadamente o seu enorme potencial, pero tamén para que estea perfectamente informada sobre os perigos que o axexan se non adoptamos unha actitude de protección correcta de todo o que o mar significa”, explica o presidente da asociación.

Unha reivindicación da achega do CSIC ás ciencias mariñas 

Especialista en materiais de carbón, a presidenta do CSIC, Rosa Menéndez, comezou a súa intervención manifestando que “me gusta o mar, aínda que sexa química”, para a continuación realizar un percorrido histórico pola investigación mariña en España no século XX, poñendo en valor o papel figuras claves no seu desenvolvemento como Odón de Buen del Cos, primeiro director do Instituto Español de Oceanografía, creado no ano 1914. “As ciencias mariñas en España comezan como un apoio ao sector pesqueiro” lembrou Menéndez, que incidiu na súa intervención na multidisciplinariedade das ciencias mariñas. A directora do CSIC destacou, de entre os traballos de investigación neste ámbito en Galicia os relacionados coas bateas, que lembrou chegaron, concretamente á Illa de Arousa, no ano 1945 da man de Alfonso Ozores. 

Rosa Menéndez detallou as actividades dos sete centros de investigación mariña cos que conta o CSIC en España, así como a dos buques de investigación Hespérides, Sarmiento de Gamboa e Mytilus, estes dous últimos co base en Vigo. Na súa intervención a directora do CSIC enumeorou as actividades de investigación do CSIC no ámbito mariño que van da oceanografía, á acuicultura, pasando pola biotecnoloxía o a tecnoloxía de produtos da pesca e da acuicultura e reivindicou o apoio á actividade científica, asegurando que “un país que progresa está apoiado na investigación”.